Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34639

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO do cambio de uso dotacional público da parcela do Plan parcial do Campiño, con referencia catastral 4054012NG3945S0001UY, coa finalidade da súa cesión á Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para destinala a heliporto permanente.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 2 de maio de 2023, adoptou, entre outros, e por maioría absoluta, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Acordar, por solicitude da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural e segundo o proxecto para o cambio de uso da parcela da base helitransportada do Campiño, datado en marzo de 2023, subscrito polo arquitecto Ángel Jaime Santorio Cuartero e conformado pola arquitecta municipal, o cambio de uso da parcela con referencia catastral 4054012NG3945S0001UY, que conta cunha superficie real, segundo recente medición, de 20.526,45 m2 (informe e plano elaborado pola OTAP o 18.5.2022), descrita no expositivo do presente acordo, situada na rúa Chan da Parafita núm. 10 (Marcón) e incluída no eido do Programa de actuación urbanística e Plan parcial do polígono industrial e comercial O Campiño-Solo urbanizable A-3, como dotación urbanística pública de carácter local encadrada dentro do sistema de espazos libres públicos e cualificada como espazo libre de uso e dominio público pola modificación puntual do PP do polígono aprobada definitivamente o 28.9.1995, con destino a outro uso dotacional público, en concreto a equipamento social, regulado no artigo 66 da normativa do PP, dentro do sistema de equipamentos, coa obriga de que manteña a titularidade pública da parcela que, logo da preceptiva tramitación, será obxecto de cesión á Xunta de Galicia coa finalidade de regularizar a situación urbanística e de autorizacións sectoriais preceptivas en que se atopa a base de helicópteros do Campiño, que xestiona o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais dependente da Dirección Xeral de Defensa do Monte, de estratéxica importancia territorial para a loita contra os incendios e que se considera un servizo imprescindible para garantir a seguranza da poboación no eido xeográfico e territorial da súa competencia.

Segundo. Dispor a publicación do anuncio deste acordo no Diario Oficial de Galicia por conta da solicitante, con indicación expresa de que o contido íntegro do proxecto estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra, www.sede.pontevedra.gal, ao abeiro do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento que serve de base a este acordo será inscrito, se procede, no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, por petición deste Concello, para o que se remitirá un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

O documento do proxecto que contén a normativa e as ordenanzas aplicables á parcela por mor do cambio de uso, ao que se lle incorporará a referencia aos informes sectoriais emitidos, ademais de na sede electrónica, será publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, unha vez recibido, de ser procedente, o certificado de inscrición no Rexistro do instrumento de planeamento, para lograr a eficacia e executividade do acordo, consonte o establecido na lexislación de réxime local, concretamente nos artigos 70.2, 70.ter e 65 da Lei reguladora das bases do réxime local. (...)».

O que se fai público para a súa executividade, comunicando que contra o citado acordo, que pon fin á vía administrativa, quen se considere lexitimado poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase que nestas datas xa se atopa publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta no día de hoxe (http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e-territorio/planeamentourbanistico/planeamento-de-desenvolvemento/) o contido íntegro do documento aprobado polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 16 de maio de 2023

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde