Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32690

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2023, da Presidencia do Consello Galego de Benestar Social, pola que se convoca o procedemento de elección para a representación das entidades prestadoras de servizos sociais e das asociacións e organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración das persoas inmigrantes.

O artigo 40 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece que o Consello Galego de Benestar Social é o órgano superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais e está adscrito ao departamento da Xunta de Galicia competente na materia.

O artigo 5 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, regula a composición do Consello Galego de Benestar Social. Este precepto dispón a representación das entidades prestadoras de servizos sociais neste consello mediante a elección de doce representantes como vogais.

O artigo 6 do dito Decreto 246/2011, do 15 de decembro, regula o procedemento de elección dos/das representantes das entidades prestadoras de servizos sociais no Consello Galego de Benestar Social, establecendo a agrupación das áreas de actuación das entidades en tres categorías, así como o número de representantes por cada unha delas:

Categoría 1. Atención e prevención da dependencia, discapacidade e maiores: 4 representantes.

Categoría 2. Familia, infancia e menores: 4 representantes.

Categoría 3. Servizos á comunidade e inclusión social, igualdade e outros: 4 representantes.

Actualmente, a representación que corresponde a estas entidades no Consello Galego de Benestar Social finalizou o seu mandato tanto na categoría 1 (atención e prevención da dependencia, discapacidade e maiores), como na categoría 2 (familia, infancia e menores) e categoría 3 (servizos á comunidade e inclusión social, igualdade e otros), polo que procede iniciar o procedemento de elección establecido no artigo 6 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro.

Por outra banda, en virtude da disposición derradeira quinta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, as competencias e funcións que o Decreto 127/2006, do 27 de xullo, regulador do Consello Galego da Inmigración, lle atribúe ao dito órgano serán asumidas polo Consello Galego de Benestar Social. Para os efectos do indicado, adaptarase a regulación do Consello Galego de Benestar Social á dita lei garantindo, en todo caso, a representación das asociacións de inmigrantes que actúen no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia, así como das organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración das persoas inmigrantes en Galicia.

Así, de conformidade coa disposición transitoria cuarta da referida Lei 14/2013, do 26 de decembro, integraranse no Consello Galego de Benestar Social, de acordo co procedemento establecido no artigo 9 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro:

– Dúas persoas representantes das asociacións de inmigrantes que actúen no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Unha persoa representante das organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración dos inmigrantes en Galicia.

Os referidos vogais serán elixidos polas propias asociacións e organización, e correspóndelle á Administración autonómica efectuar a convocatoria pública que regule o proceso de selección e votación.

No caso das asociacións de inmigrantes, o procedemento de asignación de vogais garantirá a representatividade das distintas áreas xeográficas de procedencia da inmigración, polo que as dúas persoas representantes das asociacións de inmigrantes deben pertencer a áreas xeográficas distintas.

O único requisito exixido a estas asociacións e organizacións, tanto para participar en calidade de votantes como en calidade de candidatas, é, no caso das asociacións, estaren debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo, teren sede na Comunidade Autónoma de Galicia e que os seus fins estatutarios sexan adecuados ao obxectivo da integración dos inmigrantes e, no caso das organizacións sen fins de lucro, encontrárense de alta no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

O procedemento de elección será o mesmo que o establecido no artigo 6 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, para a elección dos representantes das entidades prestadoras de servizos sociais no Consello Galego de Benestar Social, en canto sexa adecuado á súa natureza.

Por todo o exposto, de conformidade co establecido na Lei 13/2008, de 3 de decembro, e no Decreto 246/2011, de 15 de decembro, reguladores do Consello Gallego de Benestar Social, a Presidencia

RESOLVE:

Primeiro. Convocar o procedemento de elección da representación no Consello Galego de Benestar Social de persoas titulares e suplentes das entidades prestadoras de servizos sociais, definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, correspondente ás distintas áreas de actuación, de acordo coas categorías establecidas: 1 (atención e prevención da dependencia, discapacidade e maiores), 2 (familia, infancia e menores) y 3 (servizos á comunidade e inclusión social, igualdade e outros), de acordo co procedemento regulado no artigo 6 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, cos requirimentos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Convocar, conforme o mesmo procedemento, a elección da representación correspondente ás asociacións de inmigrantes e organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración social das persoas inmigrantes no ámbito da Comunidade Autónoma galega (titulares e suplentes). No caso das asociacións de inmigrantes, deberase garantir a representatividade das distintas áreas xeográficas de procedencia da inmigración.

Terceiro. Considerar que o prazo dun mes, a que fai referencia o artigo 6 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Tanto os modelos de presentación de candidaturas como os formularios das adhesións obtidas por cada unha delas presentaranse xuntos e necesariamente por medios electrónicos no Rexistro Electrónico da Xunta, de xeito que cada candidatura teña unha única entrada.

A presentación das candidaturas realizarase a través do procedemento PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica), cubrindo o modelo de solicitude xenérica e presentando os formularios de presentación de candidaturas e de adhesión como documentación anexa á dita solicitude. A solicitude deberá dirixirse á Dirección Xeral de Inclusión Social, para o cal deberán seleccionar como «destinatario» a Consellería de Política Social e Xuventude e a Dirección Xeral de Inclusión Social.

Para as categorías das entidades prestadoras de servizos sociais establecidas no artigo 6 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, achegarase o modelo de presentación de candidaturas e o formulario de adhesión que figuran no anexo do dito decreto e que se reproducen a continuación como anexo I desta resolución.

Para as asociacións de inmigrantes e as organizacións sen fins de lucro que traballen a prol da integración social dos inmigrantes no ámbito da Comunidade Autónoma galega, achegarase o modelo de presentación de candidaturas e o formulario de adhesión que se xuntan con esta resolución como anexo II.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude
e presidenta do Consello Galego de Benestar Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file