Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32975

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de marzo de 2023, relativa revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Serra de San Salvador e Monte de Arriba, pertencente á Comunidade de Veciños en Man Común de Albarellos, no concello de Monterrei (Ourense).

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Serra de San Salvador e Monte de Arriba, pertencente á CMVMC de Albarellos, no concello de Monterrei, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 5.7.2022 a CMVMC de Albarellos presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1760562) de revisión de esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Monte de Arriba, no concello de Monterrei.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 22.1.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

Os enclavados incluídos na revisión de esbozo pódense xustificar pola súa proximidade ao perímetro esbozado na clasificación orixinal. A elevada parcelación do monte, nos rodais ao sur da N-525, provoca numerosas descontinuidades xa existentes na clasificación orixinal, polo que, dado que se mantén o aspecto da clasificación, se aceptan os novos enclavados e a dispersión de parcelas.

A proposta poligonal resultante exclúe varias estradas asfaltadas e camiños que atravesan o monte e figuran de xeito diferenciado no Catastro. A este respecto, considérase que todas aquelas estradas e camiños que, ben non se xustifique con evidencias sólidas unha titularidade distinta da veciñal, ou ben non teñan a consideración de vías oficialmente sinalizadas, abertas ao tráfico rodado e susceptibles de constituíren dominio público, seguen sendo parte do monte.

A superficie resultante do MVMC Serra de San Salvador e Monte de Arriba, unha vez revisado o esbozo e considerando como propias as pistas e camiños forestais, é de 767,6987 ha fronte ás 810 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución dun 5,2 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Monte de Arriba.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas, poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Monte de Arriba, pertencente á CMVMC de Albarellos, no concello de Monterrei.

Ourense, 6 de maio de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense