Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32098

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 4 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207O).

BDNS (Identif.): 697554.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos, as pemes e as microempresas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) A actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.

b) Que conten cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

c) Estar dadas de alta nas correspondentes epígrafes do imposto de actividades económicas e ter un obxecto ou fin social acorde con algún dos subsectores que compoñen as industrias culturais e creativas en Galicia no ámbito das artes escénicas. Para os efectos destas bases, o ámbito das artes escénicas queda restrinxido ás disciplinas de teatro, en calquera das súas manifestacións, de danza e artes do movemento, de circo e de maxia.

2. Ademais, para seren persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren persoas beneficiarias da axuda, e cumpriren as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Segundo. Finalidade

A aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207O).

Cuarto. Importe

Estas actuacións dispoñerán dun crédito de 336.000 euros, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.1 (código de proxecto 2022 00001) dos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para tal finalidade nos orzamentos de 2023 e 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da
Axencia Galega das Industrias Culturais