Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32034

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 19 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos gandeiros afectados polos danos ocasionados pola rata toupa (Arvicola scherman) en determinados concellos da provincia de Lugo, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR465D).

BDNS (Identif.): 696938.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

– Os titulares de explotacións gandeiras situadas nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos ou Triacastela. A explotación non poderá ter a cualificación de autoconsumo.

Segundo. Obxecto

A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas aos titulares de explotacións gandeiras de determinados concellos da provincia de Lugo afectados polos danos ocasionados polo incremento poboacional da rata toupa (Arvicola scherman) nos pastizais das súas explotacións (procedemento MR465D), en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para iso, será subvencionable:

– Toda a superficie dos recintos declarados con uso Pastizal (PS) declarada na Solicitude Unificada de axudas PAC da convocatoria 2022 sitos dentro da zona de afección, e afectadas polos danos causados pola rata toupa.

– As parcelas para as que se presente a solicitude e non figuren dentro da zona demarcada pola afección da rata toupa poderán ser obxecto de inspección por parte do persoal do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo. Se se considera que existe un dano evidente producido pola rata toupa poderán ser incluídas dentro das parcelas subvencionadas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos gandeiros afectados polos danos ocasionados pola rata toupa (Arvicola scherman) en determinados concellos da provincia de Lugo, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR465D).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 600.000 €.

O importe da axuda que se concederá a cada beneficiario será de:

• 300 € por hectárea. No caso de fraccións de superficie menores dunha hectárea a axuda será de 0,03 €/m².

• Non se concederán axudas cun importe inferior a 25 € nin superiores aos 10.000 € por explotación.

No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural