Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31847

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 24 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos para a recuperación de soutos de castiñeiros, previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR616D e MR616E).

BDNS (Identif.): 697935.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a recuperación de soutos danados polos incendios forestais do mes de xullo de 2022; previstas no Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022 e convocar para o ano 2023 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; con código de procedemento MR616E.

Tamén é obxecto desta orde regular o procedemento de selección de entidades colaboradoras que participarán na súa execución e xestión e convocar a súa elección en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2023, con código de procedemento MR616D.

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 24 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos para a recuperación de soutos de castiñeiros, previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR616D e MR616E).

Terceiro. Importe

1. As axudas reguladas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2023 e 2024, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.713B.770.0 CP 2023 00173 con un importe total de 500.000 que se distribúen como segue:

a) Liña I-S: 300.000 €, 30.000 euros para o ano 2023 e 270.000 euros para o ano 2024.

b) Liña II-S: 100.000 €, 10.000 euros para o ano 2023 e 90.000 euros para o ano 2024.

c) Liña III-S: 100.000 €, 10.000 euros para o ano 2023 e 90.000 euros para o ano 2024.

2. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Cuarto. Liñas de axuda

1. As liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:

a) Axuda para a corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polos incendios, roza do souto e a plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados (liña I-S).

b) Axuda para a reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos (liña II-S).

A petición desta liña está condicionada a que se solicite a liña I-S e, unicamente, está dirixida ás persoas beneficiarias sinalados no artigo 16.4.

c) Axuda para a reparación dos danos causados polos incendios nos equipamentos inmobiliarios auxiliares da explotación do souto para castaña (liña III-S). A petición desta liña está condicionada a que se solicite a liña I-S.

Selección de entidades colaboradoras
(código de procedemento MR616D)

Quinto. Requisitos para ser entidade colaboradora

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica e os empresarios individuais, e que ambos estean inscrito no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (en diante Resfor), regulado polo Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

Así, poderán ser entidades colaboradoras todos as empresas do sector forestal inscritas no Resfor que se dediquen de forma total ou parcial as actividades recollidas na división I do rexistro.

2. Ademais, para adquirir a condición de entidade colaboradora é requisito indispensable formalizar o convenio de colaboración, segundo o modelo que figura no anexo XIII desta orde, no que se regulan as condicións e obrigas asumidas polas entidades colaboradoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da orde.

Axudas para a recuperación de soutos danados polos incendios forestais
do mes de xullo de 2022 (código de procedemento MR616E)

Sétimo. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares, arrendatarios ou que teñan un dereito de explotación e/ou xestión dos soutos, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Poderán ser beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as Sociedades de fomento forestal (Sofor) que estean inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta ou no Rexistro das Sofor, e os axentes promotores produtivos que, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, sexan adxudicatarios de propostas de actuación nos polígonos agroforestais de iniciativa pública ou nos polígonos cortalumes ou que sexan promotores de polígonos agroforestais de iniciativa privada.

Tamén serán persoas beneficiarias aquelas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldeas modelo resulten seleccionadas, segundo o establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Tanto os polígonos agroforestais como as aldeas modelo deberán estar rexistrados, respectivamente, no Rexistro Público de Polígonos Agroforestais ou no Rexistro de Aldeas Modelo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC).

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, as persoas beneficiarias non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. No caso das comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

4. No caso de danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou cerramentos dos soutos (liña II-S), as persoas beneficiarias só poderán ser asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, pro indivisos, os pro indivisos legalmente constituídos, comunidades de bens, montes de varas, comunidade de montes veciñais e man común, Sofor, axentes promotores produtivos adxudicatarios de propostas de actuación nos polígonos agroforestais de iniciativa pública ou nos polígonos cortalumes ou que sexan promotores de polígonos agroforestais de iniciativa privada e outras persoas xurídicas.

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde 40 días hábiles seguintes ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural