Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 25 de maio de 2023 Páx. 31363

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

DECRETO 49/2023, do 19 de maio, polo que se modifica o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Con data do 4 de xullo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Xa nese decreto se apuntaba ao impulso económico e industrial como eixe fundamental no deseño, elaboración e execución da acción política da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de contribuír decisivamente a unha etapa de recuperación do crecemento económico da nosa comunidade autónoma.

Na liña de afondar e avanzar nesa idea, considérase necesario neste momento reorganizar as concretas unidades dependentes da Secretaría Xeral Técnica e da Secretaría Xeral de Industria. Trátase, en calquera caso, dunha mera reorganización das unidades existentes para unha mellor atención das necesidades actuais. Non se está a crear ningunha unidade a maiores.

Por unha parte, considerados o impacto e a relevancia que están a ter os concretos proxectos de implantación, tanto no ámbito dos proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias como das enerxías renovables, e atendendo ás necesidades de coordinación entre departamentos que estas implantacións comportan, cómpre reforzar as competencias transversais da Secretaría Xeral Técnica. Con este obxectivo mantense unha vicesecretaría xeral que, malia conservar concretas funcións de apoio empresarial, asume o rol de coordinación xeral, e deixa de ter baixo a súa dependencia tres unidades con nivel de servizo e con funcións de apoio empresarial, as cales se reconducen cara ás novas necesidades. Co mesmo obxecto de reforzar a coordinación, e dependendo tamén da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, créase un servizo de apoio directo para reforzar o seguimento e a coordinación da tramitación das implantacións de maior impacto. Coa finalidade de reforzar as tarefas técnico-xurídicas, créase un novo servizo técnico-xurídico, que permita absorber a crecente carga de recursos administrativos derivada das anteriores implantacións. Tamén coa finalidade de dotar de maior coherencia as unidades, engádense ao Servizo de Calidade e Apoio Normativo concretas funcións antes dependentes dos servizos da Vicesecretaría.

Por outra parte, faise preciso centralizar todas as competencias de coordinación, planificación e promoción da actividade industrial na nova Secretaría Xeral de Industria que, pola súa vez e coincidindo coa presentación e recepción de proxectos estratéxicos e iniciativas empresariais relevantes para a Comunidade Autónoma, se ve obrigada a reforzar as súas competencias de tramitación e xestión. A entrada destes proxectos é unha oportunidade única que non se pode desatender e á cal se debe responder mediante unha tramitación áxil e coordinada, tarefas ás que se debe engadir o reforzo nas funcións de coordinación, planificación e promoción da actividade industrial. De aí que a Secretaría Xeral de Industria engada á súa estrutura un servizo directamente dependente da persoa titular, o Servizo de Promoción Industrial.

Procede, polo tanto, modificar o decreto para reorganizar as concretas unidades administrativas da Vicepresidencia Primeira e Consellería no xeito exposto.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

A estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, aprobada polo Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

2. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

2.1. Servizo de Coordinación Xeral e Recursos Humanos.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico I.

2.3. Servizo Técnico-Xurídico II.

2.4. Servizo de Calidade e Apoio Normativo.

3. Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

3.1. Servizo de Contratación.

3.2. Servizo de Xestión Económica.

4. Servizo de Apoio Técnico.

5. Asesoría Xurídica de Industria, Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo.

6. Asesoría Xurídica de Economía e Innovación.

7. Intervención Delegada».

Dous. Modifícase o artigo 7, que queda redactado como segue:

«Artigo 7. Vicesecretaría Xeral

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Vicesecretaría Xeral exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral Técnica, con especial referencia ás competencias de coordinación e impulso empresarial inherentes á Vicepresidencia Primeira e ás de apoio á Secretaría Xeral Técnica na coordinación das unidades, órganos e entes dependentes da Vicepresidencia e Consellería.

2. De xeito directo, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación, coa Subdirección Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria, nas concretas funcións conectadas co funcionamento da Oficina Galicia Empresa.

b) A coordinación da resolución dos obstáculos e barreiras á competitividade económica comunicados a través dos modelos normalizados ou por calquera outro medio.

c) A especial coordinación coa Subdirección Xeral de Coordinación Económica na xestión dos fondos Next Generation.

d) O apoio, asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que especificamente lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

e) A coordinación, coas subdireccións dependentes da Secretaría Xeral Técnica, nas súas tarefas, en atención ás especiais cargas de traballo e sempre que o acorde a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

f) A coordinación coas xefaturas territoriais e entes dependentes, sen prexuízo da que, dentro do seu ámbito funcional lles corresponda ás demais unidades.

g) A asistencia, en representación da Vicepresidencia e Consellería, aos órganos de participación para os cales se designe.

h) A suplencia, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación declarada, da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, agás a asistencia ás reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

i) A salvagarda da aplicación transversal do principio de igualdade entre mulleres e homes no ámbito das funcións de coordinación e impulso empresarial.

j) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas atribucións».

Tres. Suprímese o artigo 8.

Catro. Suprímese o artigo 9.

Cinco. Suprímese o artigo 10.

Seis. Modifícase o artigo 13, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. Servizo Técnico-Xurídico I

1. O Servizo Técnico-Xurídico I exercerá as seguintes funcións en materia de industria, enerxía e recursos naturais:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio.

b) A elaboración das resolucións sancionadoras de competencia da persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería e do Consello da Xunta, cando non estea atribuída a outras unidades.

c) A elaboración dos actos de inicio e resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

d) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Vicepresidencia Primeira e Consellería sexa parte interesada.

e) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Vicepresidencia Primeira e Consellería polos xulgados e tribunais.

f) O apoio, asesoramento e asistencia na tramitación de procedementos administrativos e elaboración de propostas de resolución de competencia dos diferentes órganos da Vicepresidencia Primeira e Consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas a ela.

g) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

h) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa no exercicio das competencias que lle sexan propias.

2. O Servizo Técnico-Xurídico I prestará, así mesmo, apoio ao Servizo Técnico-Xurídico II no exercicio das súas funcións cando así lle sexa requirido en atención ás cargas de traballo».

Sete. Engádese un artigo 13 bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 13 bis. Servizo Técnico-Xurídico II

1. O Servizo Técnico-Xurídico II exercerá idénticas funcións ás do Servizo Técnico-Xurídico I en materia de comercio, consumo e subvencións.

2. O Servizo Técnico-Xurídico II asumirá tamén as funcións de xestión, tramitación e custodia, relativas ao exercicio do protectorado das fundacións de interese galego dependentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería.

3. O Servizo Técnico-Xurídico II prestará, así mesmo, apoio ao Servizo Técnico-Xurídico I no exercicio das súas funcións cando así lle sexa requirido en atención ás cargas de traballo».

Oito. Modifícase o artigo 14, que queda redactado como segue:

«Artigo 14. Servizo de Calidade e Apoio Normativo

O Servizo de Calidade e Apoio Normativo exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación e o desenvolvemento da implantación da administración electrónica no ámbito da Vicepresidencia Primeira e Consellería.

b) A elaboración de estudos e propostas sobre a estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

c) O impulso da elaboración dos catálogos administrativos de trámites e procedementos para a implantación de iniciativas empresariais.

d) O apoio ás actuacións de xestión en materia de protección de datos no ámbito da Vicepresidencia Primeira e Consellería.

e) A elaboración de modelos, instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento de coordinación que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

f) A realización de estudos e informes que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

g) O estudo e a tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Vicepresidencia Primeira e Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

h) As concretas funcións normativas e de mellora regulatoria, dando trámite ás propostas presentadas a través de modelo normalizado.

i) O rexistro, arquivamento e custodia das disposicións normativas emanadas da Vicepresidencia Primeira e Consellería ou dos seus centros directivos.

j) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios e ao Consello da Xunta de Galicia.

k) O apoio ás funcións dos demais servizos dependentes da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa cando as necesidades do traballo así o requiran.

l) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa no exercicio das competencias que lle sexan propias».

Nove. Engádese un artigo 17 bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 17 bis. Servizo de Apoio Técnico

Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, o Servizo de Apoio Técnico exercerá a seguintes funcións:

a) O apoio directo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nas tarefas de xestión que esta especificamente lle asigne.

b) O apoio a outros servizos nas súas tarefas, en atención ás especiais cargas de traballo e sempre que o acorde a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

c) O apoio á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica na coordinación coa Subdirección Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria no que afecta a tramitación dos proxectos industriais estratéxicos, dos proxectos de interese autonómico da súa competencia, das iniciativas empresariais prioritarias e demais iniciativas industriais especialmente relevantes.

d) O apoio á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica na coordinación coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais no que afecta as tramitacións vinculadas á implantación de proxectos de enerxías renovables e/ou mineiros.

e) A análise e apoio na tramitación das propostas relativas á Unidade de Mercado (Lei de garantía da unidade de mercado (LGUM).

f) A promoción e xestión da iniciativa galega Concellos emprendedores.

Dez. Modifícase o artigo 21, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Estrutura

A Secretaría Xeral de Industria estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Proxectos.

1.1. Servizo de Implantación de Proxectos.

1.2. Servizo de Seguimento e Coordinación.

2. Subdirección Xeral de Administración Industrial.

2.1. Servizo de Administración Industrial.

2.2. Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial.

3. Servizo de Promoción Industrial».

Once. Engádese o artigo 27 bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 27 bis. Servizo de Promoción Industrial

Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Industria, o Servizo de Promoción Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais.

b) A actualización e o impulso da Oficina Galicia Empresa e a coordinación do desenvolvemento dos contidos dixitais do portal web Oficina Galicia Empresa.

c) A proposta e realización da coordinación das liñas de cooperación en materia de planificación da promoción industrial coas demais administracións públicas.

d) A emisión de informe sobre a creación de áreas ou de polígonos industriais que incidan de maneira relevante no tecido industrial galego, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

e) A emisión de informe sobre os plans e os programas que afecten de maneira relevante a actividade industrial.

f) A coordinación das actividades de promoción industrial cos programas nacionais e europeos, e a consecución dos obxectivos establecidos nestes ámbitos.

g) A proposta do deseño, desenvolvemento e coordinación de programas para o fomento, o crecemento e a consolidación da industria, en colaboración cos demais órganos e entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma.

h) A realización de todas aqueloutras actuacións que permitan impulsar, aprobar e manter iniciativas industriais dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral de Industria no exercicio das competencias que lle sexan propias».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación