Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: rúa A Batundeira, 2, Velle, Ourense.
Denominación: adecuación CT Paradela-27C496 (O Corgo).
Situación: concello do Corgo.
Características técnicas principais:
– Substitución do CT de caseta Paradela 50kVA (27C496) (expediente 242/2016-AT) por un CT intemperie de 50kVA relación de transformación 20.000/400-230 V sobre apoio metálico tipo C-12/2000 e demolición da caseta do CT existente.
– Substitución dos condutores existentes en LA-56 entre o apoio nº 141-68 e o novo CTI, cunha lonxitude de 27 metros por condutores tipo LA-56.
Finalidade da instalación: mellora de instalacións.
Orzamento: 22.355,00 euros.
Documentación que se xunta:
– Separata para o Concello do Corgo.
– Separata para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece la estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, supeditado ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra debe realizala un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular, canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
En relación coa instalación de baixa tensión, deberase seguir o disposto no artigo 18 do Real decreto 842/2002 para a súa posta en servizo, así como na súa instrución ITC-BT-04 e, no seu momento, deberase achegar a documentación exixida con carácter previo á posta en servizo da instalación, para a súa revisión por esta Administración e posterior inscrición da instalación no correspondente rexistro.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Lugo, 18 de maio de 2023
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo