Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 23 de maio de 2023 Páx. 31132

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2023 pola que se fan públicas as bases e as condicións xerais de participación nas actividades formativas.

O Consello Reitor da Escola Galega de Administración Publica (en diante, EGAP) ten atribuída, entre outras facultades, a de establecer as bases e as condicións xerais de participación e acceso aos cursos ou ás actividades que convoque a EGAP, de conformidade co establecido no artigo 6.6 da Lei 4/1987, do 27 de maio, pola que se crea a Escola Galega de Administración Pública.

Mediante a Resolución do director da EGAP, do 30 de xaneiro de 2007 (DOG núm. 27, do 7 de febreiro), fixéronse públicos uns novos criterios de participación nas actividades docentes da Escola, que foron actualizados mediante Acordo do Consello Reitor do organismo do 21 de decembro de 2007, que se fixo público mediante a Resolución do director da EGAP do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Ben que estes criterios resultaron axeitados para adaptar as tarefas de selección á evolución da actividade da Escola, no momento actual, circunstancias como o tempo transcorrido, o propio desenvolvemento da actividade docente da Escola e o elevado volume adquirido polos plans de formación continua, foron proporcionando unha valiosa experiencia en materia de selección e aconsellan introducir algunhas modificacións nos referidos criterios, co fin de conseguir unha maior racionalidade e aproveitamento da formación e facilitar o acceso a esta de todo o persoal ao servizo da Administración pública.

Estas modificacións perseguen articular a actividade formativa sobre determinados eixes:

– Orientar a formación ao desempeño do posto de traballo.

– Garantir unha formación continua, coa conseguinte readaptación e actualización profesional do persoal ao servizo da Administración pública.

– Contribuír ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

– Transmitir os valores de servizo publico, profesionalidade, calidade, eficacia, atención á cidadanía e innovación na xestión.

Simultaneamente esta modificación aprovéitase para simplificar os criterios que rexen na actualidade, de modo que a selección sexa mais áxil, sen menoscabo de todas as garantías e a máxima transparencia do proceso de selección.

De acordo con todo o indicado, o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Publica, na súa reunión do 20 de decembro de 2022, acordou fixar os novos criterios de participación nas actividades formativas do dito organismo, o que se fai público mediante esta resolución.

A teor do exposto anteriormente, as bases e as condicións de participación que rexerán nos cursos e nas demais actividades que convoque a Escola serán as seguintes:

Primeira. Persoal destinatario das actividades formativas

1. Poderá participar nas actividades que organice a EGAP o persoal empregado público pertencente aos seguintes colectivos:

– Persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia e dos seus entes públicos instrumentais.

– Persoal ao servizo da Administración de xustiza transferido á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, e tendo en conta os convenios que se subscriban para este efecto, poderá participar nas actividades que convoque a EGAP o seguinte persoal:

– Persoal que preste servizo nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Persoal ao servizo das universidades do Sistema universitario de Galicia.

– Persoal ao servizo da Administración institucional da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Persoal ao servizo doutras entidades, organismos e empresas públicas.

3. Poderán participar tamén nas actividades da EGAP as persoas pertencentes a outros colectivos de interese para a Administración, cando así se estableza nas respectivas convocatorias.

4. Os colectivos a que se dirixen as actividades convocadas pola EGAP, así como os requisitos que deben cumprir as persoas interesadas para poder ser admitidas nelas e os criterios de selección que se deben empregar para elaborar a listaxe de persoas admitidas, serán fixados en cada convocatoria.

5. Naqueles cursos que, pola súa natureza, sexa preciso posuír uns coñecementos previos para o seu seguimento, poderase establecer na convocatoria a necesidade de acreditalos documentalmente ou mediante unha proba de coñecemento.

Segunda. Criterios xerais de selección

Os criterios que se empregarán para a selección das persoas a que van dirixidas as actividades formativas da EGAP son, con carácter xeral, os que a seguir se relacionan:

1º. En primeiro lugar terán preferencia para ser admitidos/as aqueles/as solicitantes que realicen tarefas ou desempeñen funcións directamente relacionadas co contido do curso. Cada convocatoria estipulará a forma de acreditarse a concorrencia deste criterio, de ser necesario.

Este criterio non será de aplicación nos cursos cualificados como transversais, por ser de interese para todo o persoal empregado público.

2º. No caso de que, logo de aplicar o criterio anterior, exista un número de solicitudes superior ao de prazas ofertadas, para a determinación das persoas que deban ser seleccionadas no curso aplicarase un baremo en virtude do cal se ponderarán as horas de formación recibidas ou recoñecidas pola EGAP no ano natural inmediatamente anterior, coas horas de formación das actividades para as que a persoa interesada teña sido seleccionada pola EGAP no ano en curso. Tendo en conta este criterio, resultarán seleccionadas as persoas que sumen un menor número de horas de formación.

3º. Se tras a aplicación dos anteriores criterios, houbese empates, estes desfaranse a favor do solicitante que tivera menos actividades académicas cursadas nos últimos cinco anos.

4º. Se atendendo ao anterior criterio se producise novamente un empate, acudirase ao criterio da orde alfabética de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

5º. En todos os cursos do plan de formación continua reservarase unha cota non inferior ao 7 % para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %, que cumpran os requisitos obxectivos para ser destinatario da actividade.

No caso de cursos que conten con varias edicións, as persoas con discapacidade admitidas poderán solicitar á EGAP a alteración da orde de prelación para seleccionaren localidade por motivos de dependencia persoal, dificultade de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditadas.

6º. Terán dereito preferente a ser seleccionadas as persoas que, nos dous anos anteriores á súa solicitude para cursar unha actividade da EGAP, non fixesen cursos por ter desfrutado dalgún permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou dunha excedencia para o coidado de familiares.

Para este fin, concederáselles a estas persoas unha puntuación adicional dun 5 % nos baremos que se apliquen para a selección.

Terceira. Criterios específicos de selección

1º. No caso de determinados cursos, conferencias, xornadas, seminarios, mesas redondas, congresos e participación en grupos de traballo, en función das características da acción formativa, dos seus destinatarios, obxectivos, eficacia, así como do interese da propia Administración, a EGAP poderá establecer na convocatoria criterios de selección específicos en substitución dos criterios xerais recollidos na anterior epígrafe.

2º. No caso daqueles cursos que estean estruturados en varios niveis, terá preferencia para ser seleccionado aquel persoal que tivese superado o nivel inmediatamente anterior.

Sen prexuízo do anterior, en cada convocatoria deste tipo de cursos poderase fixar unha cota das prazas ofertadas que se reservará para aquelas persoas que, sen ter cursado o dito nivel anterior, acrediten posuír os coñecementos necesarios para participar no curso.

3º. En caso de erros producidos durante a selección de participantes que non poidan ser emendados antes do inicio do curso de que se trate, a EGAP aplicará mecanismos de compensación para as persoas afectadas. Para este fin, poderán ser admitidas na seguinte edición do curso en cuestión ou no seguinte curso análogo que se convoque.

Cuarta. Penalizacións

Poderán ser penalizadas aquelas persoas seleccionadas para unha actividade que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Que abandonen a actividade formativa sen xustificación.

b) Que presenten a súa renuncia para participar na actividade fóra do prazo fixado na convocatoria.

Estas persoas pasarán ao final da listaxe de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización da actividade.

Quinta. Cursos selectivos de formación para o acceso á condición de persoal funcionario de carreira

A selección dos participantes será establecida polo tribunal cualificador do correspondente proceso selectivo, de conformidade coa súa orde de convocatoria.

Disposición derradeira primeira. Carácter supletorio

En todo caso, esta resolución será aplicada con carácter supletorio ao establecido nas convocatorias de cada acción formativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda sen efecto a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública