Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 23 de maio de 2023 Páx. 31193

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de marzo de 2023 relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de San Paio, pertencente á Comunidade de Veciños en Man Común de San Paio, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Comunal de San Paio, pertencente á CMVMC de San Paio, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29 de agosto de 2022 a CMVMC de San Paio presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2144506) de revisión de esbozo do MVMC Comunal de San Paio, no concello de Castrelo do Val.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 11 de agosto de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 1 de decembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Neste indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, que non se encontran deslindados, salvo co MVMC Comunal de Gondulfes.

A superficie do MVMC Comunal de San Paio, unha vez revisado o esbozo, resulta de 184,394 ha fronte ás 133 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento en superficie importante, o cal pode ser debido a un erro na medición na clasificación. Desta diferenza, 20 ha aproximadamente son engadidas do deslinde anterior co Comunal de Gondulfes, onde xa resultaba na medición realizada sobre este perímetro deslindado, antes da realización da presente revisión de esbozo, unha superficie de 164,73 ha. Realmente, a diferencia entre o esbozo de clasificación e a presente revisión é mínima, non estando na zona revisada a diferencia de superficie.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente revisión do esbozo do MVMC Comunal de San Paio.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de San Paio, pertencente á CMVMC de San Paio, no concello de Castrelo do Val.

Ourense, 3 de maio de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense