Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2023 Páx. 30514

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, as instalacións eléctricas nos concellos de Coles e Ourense (expediente IN407A 2022/229-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: LMTA, CTI e RBTA Pobadura (Coles-Ourense).

Situación: lugar de Poboadura, Concellos de Coles e Ourense.

Orzamento: 31.050,12 €.

Características principais do proxecto que foi asinado o 12.9.2022 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado nº 2233 do Coeticor:

• LMTA derivada da LMTA VLL812 de alimentación ao CT proxectado en condutor tipo LA-56 sobre apoios metálicos con inicio no apoio núm. 24 existente da LMTA VLL812 e fin no CT proxectado.

• CT intemperie sobre apoio proxectado núm. 4, de 50 kVA de potencia, RT 20.000/400-230 V illante en aceite mineral, que se vai instalar no predio con coordenadas UTM ETRS 89 (fuso: 29), X: 593.894, Y: 4.692.246.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o acordo desta Xefatura Territorial do 23.12.2022, que foi inserido no DOG do 19.1.2023 e no xornal La Región de Ourense do 30.12.2022. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas alegacións por Manuel Vázquez Novoa, en relación á titularidade do predio núm. 4 e por Mickel e Mª José Álvarez Soriano, en relación á titularidade do predio núm. 8. Respecto destas alegacións, UFD comunicou que toman nota das observacións realizadas.

Ademais, Mickel e Mª José Álvarez Soriano, alegaron respecto da afección da finca núm. 8, aducindo o seu carácter de terreo urbanizable. Solicitan que se lles dane o menos posible os seus bens e que se lle ofreza unha maior cantidade económica pola ocupación. UFD contestou que o día que sexan convocados para o levantamento de actas previas, será o perito designado pola Administración o encargado de explicarlles a afección do seu predio, momento no que poderán manifestar o que consideren oportuno. E que será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de facer a valoración económica conforme a lexislación aplicable, co fin de que non se produza unha perda no patrimonio dos propietarios, que terán a oportunidade de achegar a súa folla de aprecio na que concreten os prexuízos ocasionados e o seu valor. Xa que logo, non se teñen en conta as alegacións neste momento do procedemento.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 7.3.2023 e no TEU do BOE do 18.3.2023.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 19 de abril de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense