Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2023 Páx. 30082

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Porto do Son (expediente-e IN407A 2022/109-1).

Expediente-e: IN407A 2022/109-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: LMT, CT e RBT. Lugar Caamaño, no lugar de Caamaño.

Concello: Porto do Son.

Feitos:

O día 1 de abril de 2022, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, coa fin de mellorar a rede de distribución en media tensión existente, correspondente á liña PDS-804 (expediente 3.081), no lugar de Caamaño, no concello de Porto do Son. Proxéctase a instalación dun centro de transformación de 160 kVA en envolvente prefabricada de formigón e liña de media tensión soterrada de alimentación. Instalaranse dúas saídas en baixa tensión soterradas do centro de transformación para conectalo coa rede de baixa tensión existente e o reforzo de varios treitos da rede de baixa tensión aérea existente.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: LMT, CT e RBT. Lugar Caamaño, asinado o 18 de xaneiro do 2022 por Victoriano Gónzalez Lemos. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade do proxectista acreditouse mediante a certificación emitida polo COITIVigo o 28 de outubro do 2022 no que se sinala que Victoriano Gónzalez Lemos é enxeñeiro técnico industrial e posúe a especialidade en Electricidade con número colexial 2.980 de Vigo.

– Anexo: asinado o 31 de maio de 2022 por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial con número colexial 15.670 de Madrid.

1) O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

2) Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación poida prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe a Augas de Galicia (zona hidrográfica Galicia-Norte)-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña; Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)-Xefatura Provincial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña e o Concello de Porto do Son. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados, a saber, AXI e o concello. No día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, Augas, á solicitude do condicionado solicitado.

3) Con data 4 de abril de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1) O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2) A lexislación para aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

3) As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• LMTS. a 20 kV de 317 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, coa orixe no PA/S proxectado no apoio número 9FUTHH65//76 existente da LMT. PDS-804 (expediente 3.081) e remate no CT proxectado.

• CT tipo rural en envolvente prefabricada de formigón e manobra exterior, cunha potencia de 160 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

4) No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 18 de abril de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña