Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2023 Páx. 27454

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de abril de 2023 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Naiterra.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Naiterra, con domicilio no lugar de Cachóns número 37, en Teo (A Coruña),

Feitos.

1. O 16 de febreiro de 2023, Darío Alexandre Tojeiro Pérez, vicepresidente do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Naiterra constituíuna José Manuel Tojeiro Rego, mediante escritura pública outorgada o 1 de febreiro de 2023, ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 266.

3. A fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– A custodia do territorio, a través da protección, conservación, recuperación, rexeneración, reconversión e xeración de espazos de biodiversidade sostibles a longo prazo.

– Conservar e promover o medio natural, mediante a realización de accións que defendan, protexan e fomenten a biodiversidade en todos os seus niveis, sexa mediante a procura dunha muda dos nosos hábitos actuais, priorizando para tal fin a educación como instrumento de cambio, xa sexa mediante accións directas e sen prexuízo de calquera outras.

– Promover actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da mocidade, favorecendo o desenvolvemento dunha conduta proambiental.

– Impulsar proxectos ou programas de desenvolvemento nos eidos social e cultural, de carácter altruísta, humanitario, solidario ou de interese social, xa sexan propios ou mediante o apoio a outras entidades que teñan relación cos fins anteriormente indicados ou axuden de forma transversal á consecución deles.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por José Manuel Tojeiro Rego, como presidente; Darío Alexandre Tojeiro Pérez, como vicepresidente; Rocío Lozano Miranda, como secretaria; e María Guadalupe Pérez González, como vicesecretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Naiterra, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de marzo de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Naiterra, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e, no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes