Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2023 Páx. 27558

III. Outras disposicións

Xunta Electoral Provincial da Coruña

ACORDO do 2 de maio de 2023 para dar cumprimento ao previsto no punto quinto da Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central (BOE número 74, do 28 de marzo), de interpretación do artigo 66 da Lei orgánica do réxime electoral xeral no relativo a recursos contra os plans de cobertura informativa da campaña electoral.

«En cumprimento do previsto no punto quinto da Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central (XEC), de interpretación do artigo 66 da Lei orgánica do réxime electoral xeral (LOREX) no relativo a recursos contra os plans de cobertura informativa da campaña electoral, disponse a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da comunicación do director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, do 2 de maio de 2023, en relación co Plan de cobertura dos medios de comunicación públicos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, Televisión de Galicia e Radio Galega, relativo ás eleccións locais convocadas para o 28 de maio e que inclúe a previsión de debates e entrevistas que se realizarán coas forzas políticas, e que emitirán ambos os medios, con indicación da data e da hora de emisión, entidades políticas ás cales se convida e a súa duración, así como os programas específicos de natureza electoral.

De conformidade co establecido na mencionada instrución, as entidades políticas afectadas poderán examinar a dita programación nas dependencias desta xunta electoral provincial, no prazo preclusivo dun día desde a publicación do acordo, e formular as reclamacións ou os recursos que xulguen pertinentes.

Así mesmo, independentemente do anterior, acórdase notificárllelo aos representantes das candidaturas proclamadas con dereito a emisión, vía correo electrónico e con remisión do plan, co fin de que poidan ter coñecemento del e, de ser o caso, formular as reclamacións ou recursos que xulguen oportunos no indicado prazo dun día contado desde a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia en virtude do disposto no artigo 18.6 da LOREX e no punto quinto da referida Instrución 4/2011».

A Coruña, 2 de maio de 2023

Emilio-Benjamín Fernández Castro
Secretario da Xunta Electoral Provincial