Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2023 Páx. 26833

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Oleiros (expediente-e IN407A 2022/248-1).

Expediente-e: IN407A 2022/248-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: substitución de celas no CT O Carballo 15CR39, no lugar do Carballo, na parroquia de San Pedro de Nós.

Concello: Oleiros.

Feitos:

1. O día 29 de agosto de 2022, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade de subministración eléctrica no lugar do Carballo, parroquia de San Pedro de Nós, concello de Oleiros. Proxéctase a renovación do centro de transformación CT O Carballo (15CR39, expediente IN407A 2016/312-1), mantido pola liña de distribución LMT SMC716 (Pontedouro-As Pedreiras, 16), procedente da subestación San Marcos, de 400 kVA de potencia, e substitúense as celas convencionais por outras de tipo compacto xunto con outros elementos.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: substitución de celas no CT O Carballo-15CR39, asinado o 10 de maio de 2022 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial e graduado en Enxeñaría Eléctrica, co número colexial 4.684 de Vigo (COITIVigo).

• Anexo: asinado o 21 de xuño de 2022 por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial, co número colexial 15.670 de Madrid.

• Anexo: asinado o 31 de xaneiro de 2023 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial e graduado en Enxeñaría Eléctrica, co número colexial 4.684 de Vigo (COITIVigo).

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello de Oleiros. A día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o concello, á solicitude do condicionado solicitado.

4. O 17 de marzo de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que a seguir se relaciona:

1º. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2º. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3º. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4º. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5º. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6º. A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Renovación do CT O Carballo (15CR39, expediente IN407A 2016/312-1), mantido pola liña de distribución LMT SMC716 (Pontedouro-As Pedreiras, 16), procedente da subestación San Marcos, de 400 kVA e relación de transformación de 15.000/400 V, configuración 2L+1P, instalado en local de obra civil:

– Instalación dun novo conxunto de 2 celas modulares de liña (1 telecontrolada) e 1 cela modular de protección, todas de tipo de illamento SF6. Construirase unha bancada para aloxar as celas.

– Instalación de novos cables ponte entre a cela de protección e o trafo.

– Instalación do cable RHZ1 3x(1x95) mm2 Al para a conexión dunha das novas celas de liña cos cables de entrada existentes.

– Instalación do cable RHZ1 3x(1x95) mm2 Al para conexión desde a cela de liña coa cela de tipo convencional existente que conecta mediante embarrado de Cu co CT particular Colexio Cristo Rey (15PR50).

– Instalación do caleiro para os cables de media tensión (MT) desde as novas celas ata o trafo de potencia.

– Substitución da reixa de aeración de entrada de aire frío.

– Conexión de elementos metálicos á PAT de ferraxes existente da instalación.

– Desmonte de celas convencionais ao aire e o desmantelamento de elementos de protección e manobra, cablaxe, ferraxes, embarrado e illadores; exceptúase a cela de conexión co CT particular, que se manterá no estado actual (incluíndo o seu embarrado).

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 3 de abril de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña