Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2023 Páx. 26535

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a industria láctea de Dairylac, S.L. en Melide (expediente 2022-IPPC-I-112).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental da instalación citada no encabezamento, co fin de que calquera persoa interesada poida consultalos e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación poderá consultarse:

• Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela), en horario de atención ao público.

• Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→ medio ambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2022-IPPC-I-112.

Peticionaria: Dairylac, S.L.

CIF: B15775570.

Domicilio social: parque empresarial A Madanela, parcelas 44-48, 15800 Melide, A Coruña.

Localización da instalación: parque empresarial A Madanela, parcelas 44-48, 15800 Melide, A Coruña.

Actividade: preparación de leite e outros produtos lácteos.

Descrición: o proxecto consiste no incremento da produción dunha instalación xa existente, de xeito que se prevé superar os limiares de capacidade establecidos no anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, para as seguintes categorías de actividades:

• 9.1.b.i) Instalacións para o tratamento e transformación [...] de materia prima animal (que non sexa exclusivamente o leite) dunha capacidade de produción de produtos acabados superior a 75 toneladas/día.

• 9.1.c) Instalacións para o tratamento e transformación só do leite, cunha cantidade de leite recibida superior a 200 toneladas por día (valor medio anual).

No proxecto indícase que, a curto ou medio prazo, vaise acadar unha capacidade de produción de 150 t/día de produtos acabados, e unha previsión de cantidade de leite recibida de 210 t/día. Non se prevén actuacións físicas de ampliación das instalacións existentes.

Como consecuencia da actividade da planta xeraranse augas residuais industriais que se tratan nunha EDAR propia, cuxo efluente se verte á rede de saneamento municipal. Prevese a realización de melloras na EDAR, co obxecto de cumprir cos parámetros de vertedura da ordenanza vixente no concello de Melide para o polígono industrial da Madalena.

Inclúese na documentación presentada unha análise da implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) nº 2019/2031 da Comisión, do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) respecto ás industrias de alimentación, bebida e leite, conforme a Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais.