Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2023 Páx. 26447

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 10 de abril de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación, Programa de infravivenda (código de procedemento VI406A).

BDNS (Identif.): 689250.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do Padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación desta convocatoria.

b) Para poderen ser beneficiarios destas subvencións, os concellos deberán ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitirlles aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitaren infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020).

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.760.0, por importe de 265.758 €, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 1 de xuño de 2023 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo