Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 25624

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos galegos que na tempada 2022/2023 ou 2023 conten con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado, incluído no Plan de promoción da igualdade no deporte no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento DE401B).

A práctica deportiva, a nivel competitivo, caracterízase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

Tendo en conta a importancia que as entidades deportivas sen ánimo de lucro teñen nesa actuación do fomento da práctica deportiva, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, co fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva de que dispoñen as citadas entidades.

Particularmente, a atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade convértese nun reto ineludible para os poderes públicos, co fin de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos, entre outras, na práctica deportiva.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.22, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo ás atribucións que lle son conferidas polo Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes establece esta convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades deportivas sen ánimo de lucro de Galicia, para a adquisición de equipamentos deportivos.

A Conferencia Sectorial de Deporte, na súa reunión do 5 de xullo de 2022, aprobou o acordo polo que se autoriza a distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos xestionados por comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía con cargo ao orzamento do Consello Superior de Deportes no marco do compoñente 26 Fomento do sector deporte-C26.I03.P02, Promoción da igualdade no deporte, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR). No BOE nº 187, do 5 de agosto, publicouse a Resolución do 2 de agosto de 2022, da Presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial do Deporte, do 5 de xullo de 2022, relativo á distribución territorial e criterios de repartición do Plan de recuperación, transformación y resiliencia.

A medida (C26.I3) ten recoñecido o obxectivo CID 375: «Realización de accións no marco do Plan nacional do deporte: finalización de accións no marco do Plan social do deporte, incluída a renovación de polo menos corenta instalacións deportivas e accións para promover a presenza de mulleres no deporte profesional (programas de formación, campañas de márketing e estudos). As intervencións en materia de eficiencia enerxética deberán lograr por termo medio una redución da demanda de enerxía primaria de, polo menos, o 30 %. A lista de instalacións farase pública».

Neste compoñente prevese un eixe de inclusión de persoas con discapacidade no deporte, que inclúe, entre outras actuacións, a de proporcionar/facilitar a adquisición de material para deporte adaptado. A este respecto articúlase esta convocatoria específica de subvencións para a adquisición de material para deporte adaptado.

Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, as subvencións reguladas nesta orde tramitaranse polo procedemento ordinario de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado (código de procedemento DE401B).

2. Por esta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2023.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o exercicio económico de 2023, o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 226.754,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.441A.781.0, Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas, código de proxecto 2023 00027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, incluído no Plan de promoción da igualdade no deporte no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU.

2. Estas axudas están reguladas polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; pola Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria; o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a disposición adicional primeira da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2022; o artigo 148 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 39/2022, do 30 de decembro, do deporte; a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes; o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social; a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014; a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

3. Este crédito orzamentario poderase incrementar como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver e para xustificar.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para esta convocatoria o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o rexistro electrónico de cada Administración ou organismo rexerase, para efectos de cómputo dos prazos, pola data e hora oficial da sede electrónica de acceso, que deberá contar coas medidas de seguridade necesarias para garantir a súa integridade e figurar de modo accesible e visible.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o disposto na base 8ª, a seguinte documentación:

a) Certificación do órgano colexiado competente da entidade deportiva (anexo III).

b) Memoria deportiva (anexo IV).

c) Acreditación da representación, de ser o caso (anexo IX).

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Atriga.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 6. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións dos requirimentos e resolucións administrativas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web http://deporte.xunta.gal/

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos galegos que na tempada 2022/2023 ou 2023
conten con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición
de equipamentos deportivos para deporte adaptado, incluído no Plan de promoción da igualdade no deporte no marco do Plan de recuperación, transformación
e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU

Base 1ª. Obxecto

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado.

Base 2ª. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión destas subvencións axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

2. Estas axudas están reguladas polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; pola Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria; o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a disposición adicional primeira da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2022; o artigo 148 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 39/2022, do 30 de decembro, do deporte; a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes; o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social; a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014; a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000,00 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Base 3ª. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras os clubs deportivos galegos que na tempada 2022/2023 ou 2023 conten con licenzas de deportistas con discapacidade.

A data límite de contabilización das licenzas será a da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Estas entidades, ademais dos requisitos xerais establecidos na normativa de subvencións, deberán figurar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia na data de publicación da convocatoria anual de subvencións.

3. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 4ª. Equipamentos deportivos subvencionables

Só resultará susceptible de ser subvencionada a adquisición de equipamento deportivo inventariable (entendendo por tal o ben moble non funxible, é dicir, aquel do cal se pode facer uso sen que se consuma polo uso normal para o que está destinado), para ser destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos para deporte adaptado.

Base 5ª. Intensidade da axuda

A subvención será do 80 % do gasto subvencionable, e a porcentaxe restante achegado a entidade beneficiaria, ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das entidades beneficiarias.

Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 €, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 €.

Malia o anterior, o importe total da axuda que se vai conceder non poderá superar a cantidade máxima de 5.000,00 € por entidade beneficiaria. No suposto en que, en atención ao número de solicitudes, non se esgote todo o crédito da convocatoria, incrementarase a contía máxima por entidade beneficiaria de forma proporcional.

Base 6ª. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. As subvencións que se regulan nesta orde son incompatibles con outras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes doutros programas ou instrumentos da UE.

2. Coa excepción do disposto no punto anterior, as subvencións que se regulan nesta orde son compatibles con outras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacionais ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a súa obtención. O importe total da axuda non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo final xustificado do investimento para o cal se concedeu. No caso de superar o custo final xustificado, minorarase a axuda regulada nesta orde na contía que exceda o custo final xustificado.

Base 7ª. Financiamento

Estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria e código de proxecto e polo importe que, para cada exercicio, publique a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, incluído no Plan de promoción da igualdade no deporte no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU.

Base 8ª. Solicitudes

As solicitudes irán dirixidas á Secretaría Xeral para o Deporte segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II. A súa presentación implica o compromiso de someterse ás normas reguladoras da subvención establecidas nesta orde.

Na solicitude, a persoa solicitante fará constar:

a.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos para os mesmos equipamentos solicitados ao abeiro desta orde, e o compromiso de comunicar cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

a.2. Que a entidade deportiva non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

a.3. O equipamento solicitado e o seu custo.

a.4. A estrutura da entidade (ámbito internacional, estatal, autonómico ou local), os logros deportivos e o número de licenzas (nº total de licenzas, nº de licenzas femininas, nº de licenzas de deportistas con discapacidade, nº de licenzas de categorías previa á absoluta).

a.5. Para dar cumprimento ao mandato establecido na alínea d) do artigo 22.2 do Regulamento (UE) 2021/241, e consonte o artigo 8 da Orde HFP 1030/2021, na solicitude faranse constar:

a) NIF.

b) Razón social da persoa xurídica.

c) Domicilio fiscal.

Base 9ª. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante deberá achegar a seguinte documentación:

a) Certificación emitida polo/a secretario/a da entidade deportiva solicitante ou persoa que teña atribuída a potestade para certificar, segundo o modelo do anexo III, na cal se faga constar o acordo do órgano colexiado competente da entidade deportiva polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde.

O dito acordo deberá estar adoptado entre a data de publicación da convocatoria no DOG e o día de vencemento do prazo de presentación de solicitudes, e deberá expresar todos os equipamentos que integran a solicitude, que deberán ser os consignados no anexo II, o orzamento de cada equipamento, así como o orzamento total. Os importes dos orzamentos parciais e total deberán incluír o IVE.

b) Memoria deportiva e xustificativa da necesidade dos equipamentos para os cales solicitan subvención, asinada polo/a representante da entidade deportiva (anexo IV).

c) Acreditación da representación, de ser o caso (anexo IX).

d) Aceptación da cesión de datos entre as administracións implicadas, segundo o modelo do anexo X.

e) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR, segundo o modelo do anexo XI.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos no artigo 3.2 e na forma indicada no punto 2 desta base. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Base 10ª. Análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos de concesión de subvencións que executan o PRTR

Este procedemento de concesión de subvencións está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de interese prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente para a concesión da subvención poderalles solicitar ás entidades solicitantes a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberase achegar ao órgano competente para a concesión da subvención, no prazo de cinco (5) días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de interese, e indicará, en lugar da entidade solicitante, os titulares reais recuperados polo órgano competente para a concesión da subvención.

Base 11ª. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 12ª. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Plans e Programas será o órgano competente para a instrución do procedemento.

A Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para formular a proposta de resolución que elevará, conforme todo o actuado, á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención.

Base 13ª. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. O órgano instrutor publicará no DOG e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal/) a relación de entidades admitidas, as que deben emendar e as inadmitidas, para que os interesados, no prazo improrrogable de dez (10) días contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, poidan presentar alegacións ou achegar a documentación que consideren oportuna. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. A Secretaría Xeral para o Deporte poderalle requirir á entidade solicitante que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, con respecto a aqueles expedientes administrativos que cumpran todos os requisitos e reúnan toda a documentación necesaria, no caso de que se considere necesario, o órgano instrutor requirirá da respectiva federación deportiva certificación dos datos alegados pola entidade (estrutura da entidade: ámbito internacional, estatal, autonómico ou local), os logros deportivos e o número de licenzas (nº total de licenzas, nº de licenzas femininas, nº de licenzas de deportistas con discapacidade, nº de licenzas de categorías previa á absoluta). Logo de recibir a certificación das federacións deportivas, remitiranse os expedientes á comisión encargada da súa valoración.

4. As solicitudes que non cumpran os requisitos exixidos nestas bases e, de ser o caso, na convocatoria anual de axudas, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que emita a proposta de resolución de inadmisión ou desistencia, na cal se indicarán as causas desta.

5. As notificacións dos requirimentos e resolucións administrativas efectuaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez valoradas todas as propostas pola Comisión de Valoración, o órgano instrutor elevará o informe técnico de valoración, conforme todo o actuado, á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte.

Base 14ª. Notificacións e publicación

1. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda faranse mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal/).

2. Non obstante, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para o cal se observará o seguinte:

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d) As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Base 15ª. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A Comisión de Valoración estará composta por seis (6) membros:

– Presidencia: subdirector/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogais:

• O/a director/a do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

• Os/as catro xefes/as do Servizo de Deportes das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

• Un/unha técnico/a deportivo/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– O/a xefe/a do Servizo de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte, que fará as funcións de secretario/a, con voz e voto.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ao disposto para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así mesmo, serán de aplicación as disposicións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Base 16ª. Criterios de valoración

1. A Comisión avaliará as solicitudes presentadas de acordo cos seguintes criterios de valoración:

A) Méritos deportivos da entidade: ata 20 puntos.

Na valoración deste criterio teranse en consideración:

1) Estrutura deportiva: valorarase a participación nas categorías absolutas e previa á absoluta (é a categoría de idade, na cal se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta) en competicións oficiais organizadas por unha federación deportiva, no ano 2022.

– Ámbito internacional: 10 puntos.

– Ámbito estatal: 7,5 puntos.

– Ámbito autonómico: 5 puntos.

– Ámbito local: 2,5 puntos.

Neste criterio, soamente se terá en consideración o ámbito principal de actuación de maior importancia e que se desenvolvan polo formato de liga ou similar.

2) Logros deportivos: valorarase a obtención de determinados resultados nas categorías absolutas e previa á absoluta (é a categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta) en competicións oficiais organizadas por unha federación deportiva, no ano 2022.

– Campión de Europa/Mundo individual ou colectivo: 10 puntos.

– Subcampión de Europa/Mundo individual ou colectivo: 7,5 puntos.

– Campión de España individual ou colectivo: 5 puntos.

– Subcampión de España individual ou colectivo: 2,5 puntos.

3) Número de deportistas da entidade con recoñecemento vixente como deportista galego de alto nivel, na data de publicación da convocatoria: 5 puntos por deportista ata un máximo de 20 puntos.

En todo caso, a suma de todos os puntos non poderá superar a puntuación máxima da epígrafe (20 puntos).

B) Ámbito subxectivo do uso do equipamento deportivo: ata 50 puntos.

Na valoración deste criterio, terase en consideración a tempada 2022/2023 ou 2023:

1) Número total de licenzas federativas: ata 20 puntos.

– 150 ou máis deportistas con licenza federativa: 20 puntos.

– Entre 100 e 149 deportistas con licenza federativa: 17,5 puntos.

– Entre 50 e 99 deportistas con licenza federativa: 15 puntos.

– Entre 20 e 49 deportistas con licenza federativa: 10 puntos.

– Entre 1 e 48 deportistas con licenza federativa: 5 puntos.

2) Apoio á igualdade de xénero: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa. Ata 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas femininas con licenza federativa: 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas femininas con licenza federativa: 7,5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas femininas con licenza federativa: 5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas femininas con licenza federativa: 2,5 puntos.

3) Apoio ás persoas con discapacidade: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con discapacidade con licenza federativa. Ata 50 puntos.

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 50 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 40 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 30 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 20 puntos.

4) Apoio ao deporte de base: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta. Ata 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 7,5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 2,5 puntos.

En todo caso, a suma de todos os puntos non poderá superar a puntuación máxima da epígrafe (50 puntos).

C) Entidade solicitante que non resultase beneficiaria dunha subvención para a adquisición de equipamentos deportivos convocadas pola Secretaría Xeral para o Deporte durante o exercicio 2021 e 2022: 10 puntos.

D) No caso de que a entidade solicitante teña o recoñecemento de núcleo de adestramento deportivo especializado: 10 puntos.

E) Memoria deportiva: ata 10 puntos en función do interese estratéxico-deportivo (atención de colectivos específicos de persoas con discapacidade, deporte inclusivo, zonas rurais, proxección deportiva dos/das deportistas, implantación da modalidade deportiva na Comunidade Autónoma, etc.).

Base 17ª. Proposta de resolución

1. Unha vez valoradas as solicitudes, a Comisión elaborará un informe técnico de valoración cunha relación das solicitudes presentadas ordenadas por orde de prelación de maior a menor puntuación en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.

2. No caso de se producir empate entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos, valorarase, para o seu desempate, en primeiro lugar o criterio da epígrafe B) e, se persiste o empate, o criterio A). Non obstante, no caso de persistir o empate, priorizarase a entidade solicitante cuxo equipamento solicitado teña un menor custo.

3. A Secretaría Xeral para o Deporte, á vista do expediente e do informe do órgano avaliador, formulará proposta de resolución provisional da baremación cunha relación das solicitudes presentadas ordenadas por orde de prelación de maior a menor puntuación en aplicación dos criterios de baremación. Esta resolución publicarase na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (https://deporte.xunta.gal) para os efectos de que os interesados poidan presentar alegacións nun prazo de dez días a partir do día seguinte ao da publicación.

4. Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

5. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva que expresará de forma motivada a relación de clubs deportivos galegos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e equipamento subvencionado.

6. De ser o caso, contará cunha relación de entidades beneficiarias admitidas que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderanse asignar por orde decrecente de puntuación ás entidades beneficiarias admitidas que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

7. A proposta de resolución expresará tamén, de forma motivada, a relación de entidades para as cales se propón a denegación, inadmisión ou desistencia da solicitude presentada.

Base 18ª. Resolución

1. A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o equipamento que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.

A dita resolución, de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, será notificada mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 19ª. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Base 20ª. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Cumpriranse, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do investimento estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente.

Base 21ª. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Base 22ª. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

1º. Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a adquisición do equipamento deportivo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fan referencia estas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

5º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

6º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

De conformidade co artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) 2021/241, é preceptiva a conservación da dita documentación durante un período de tres (3) anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta dese pagamento, da operación (artigo 132 do Regulamento financeiro).

8º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

9º. Segundo o disposto no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

10º. Outorgarlles premios, trofeos ou outros recoñecementos nas mesmas condicións, categorías e contías aos practicantes de ambos os sexos nas competicións e eventos que organicen nos dous anos seguintes á data de concesión da axuda.

11º. Compromiso do cumprimento de etiquetaxe verde e dixital previsto no PRTR, con base no Regulamento (UE) 2021/241. De ser o caso, en equipamentos deportivos para facer as competicións e instalacións inclusivas aplicarase a etiqueta 026bis.

12º. Compromiso no cumprimento do principio horizontal de «non causar prexuízo significativo» que define o artigo 2.6) do Regulamento (UE) 2021/241, respecto dos seis (6) obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021 e definidos no Regulamento (UE) 2020/852. Cando sexa factible, utilizaranse equipamentos e compoñentes de alta durabilidade e reciclabilidade e fáciles de desmontar e reacondicionar.

13º. Compromiso para conceder os dereitos e os accesos necesarios para garantir que a Comisión Europea, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias de control.

Base 23ª. Obrigas específicas de publicidade

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos equipamentos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte. Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares coa lenda «Proxecto cofinanciado», acompañada do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

2. Consonte as previsións exixidas polo artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, en todos os proxectos e subproxectos que se desenvolvan en execución do PRTR deberase exhibir de forma correcta e destacada o emblema da UE cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», xunto co logo do PRTR dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

No tocante ás obrigas dos destinatarios finais do financiamento, resulta aplicable o artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241: os perceptores de fondos da Unión Europea farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

Base 24ª. Pagamento

1. Poderase realizar o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo V, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta. A solicitude de pagamento anticipado poderase remitir ata o prazo dos dez (10) días seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de concesión das subvencións.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

Conforme o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros.

2. Para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado da contía da subvención concedida, unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Base 25ª. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 1 de setembro de 2023.

O pagamento da subvención quedará condicionado, para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado, á presentación da xustificación e solicitude de pagamento, segundo o anexo VI, por parte das entidades beneficiarias, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria.

2. Na xustificación e/ou solicitude de pagamento, de ser o caso, segundo o anexo VI, deberá constar:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberase incluír unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

b. Deberase achegar a documentación seguinte:

a) Certificación responsable asinada polo secretario/a da entidade deportiva beneficiaria segundo o anexo VII desta orde, na cal conste:

1º. A aprobación por parte do órgano competente da xustificación da subvención, na cal se faga constar de forma detallada:

a. O cumprimento da finalidade da subvención.

b. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Que, segundo informe do/da tesoureiro/a da entidade deportiva beneficiaria, se anotou na contabilidade do gasto correspondente á adquisición do equipamento subvencionado.

3º. Que, segundo informe do/da secretario/a da entidade deportiva beneficiaria, a adquisición de equipamentos se realizou seguindo o seguinte procedemento:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Que as solicitudes das ofertas, a elección e o pagamento do equipamento se realizou con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023 e que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b) Relación clasificada de gastos (anexo VIII) e facturas xustificativas dos investimentos realizados coa xustificación dos pagamentos que deberá acreditar que se fixeron cos requisitos exixidos no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Os investimentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Con carácter excepcional, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

As facturas e os xustificantes bancarios dos correspondentes pagamentos deberán estar expedidos entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data límite da xustificación do proxecto.

3. A presentación da solicitude de pagamento de subvención e a xustificación da subvención pola persoa interesada ou representante comportará a comprobación, por parte do órgano xestor, de que está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de que está ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 5 de comprobación de datos.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como, de ser o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orixe do reintegro.

Base 26ª. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orixe do reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga de manter o investimento durante dous anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido o investimento durante polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a orixe da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 27ª. Control

1. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, a OLAF e a Fiscalía Europea.

3. As subvencións están sometidas ao Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dispoñible a través da seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/integridade-institucional/plans-antifraude

Así mesmo, a través da ligazón https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias habilítase a canle de denuncias sobre irregularidades en materia de integridade institucional prevista no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, aprobado o 10 de decembro de 2021 polo Consello da Xunta, e no Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024, aprobado o 26 de maio de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia.

A través da ligazón https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/paginas/comunicacionsnca.aspx pódese comunicar ao Servicio Nacional de Coordinación Antifraude feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas con cargo a fondos procedentes da Unión Europea.

Base 28ª. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Base 29ª. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Base 30ª. Información ás entidades interesadas

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Base 31ª. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO X

Modelo de declaración de cesión e tratamento de datos en relación
coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación
e resiliencia (PRTR)

Don/Dona…………………………………………….....………, DNI....................................., como presidente/representante/xerente/ da entidade………………………………………….., con NIF………………., e domicilio fiscal en……….......………………….……….…………. beneficiaria de axudas financiadas con recursos provenientes do PRTR no marco do compoñente 26, Fomento do sector deporte-C26.I03.P02, Promoción da igualdade no deporte, declara coñecer a normativa que é de aplicación, en particular os seguintes puntos do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia:

1. A alínea d) do número 2: «solicitar, para efectos de auditoría e control do uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, nun formato electrónico que permita realizar procuras e nunha base de datos única, as categorías harmonizadas de datos seguintes:

i. O nome do perceptor final dos fondos.

ii. O nome do contratista e do subcontratista, de ser o caso, cando o perceptor final dos fondos sexa un poder adxudicador de conformidade co dereito da Unión ou nacional en materia de contratación pública.

iii. Os nomes, apelidos e datas de nacemento dos titulares reais do perceptor dos fondos ou do contratista, segundo se define no artigo 3, punto 6, da Directiva (UE) 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello (26).

iv. Unha lista de medidas para a execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, xunto co importe total do financiamento público das ditas medidas e que indique a contía dos fondos desembolsados no marco do Mecanismo e doutros fondos da Unión».

2. Número 3: «Os datos persoais mencionados no número 2, alínea d), deste artigo só serán tratados polos Estados membros e pola Comisión para os efectos e duración da correspondente auditoría da aprobación da xestión orzamentaria e dos procedementos de control relacionados coa utilización dos fondos relacionados coa aplicación dos acordos a que se refiren os artigos 15, número 2, e 23, número 1. No marco do procedemento de aprobación da xestión da Comisión, de conformidade co artigo 319 do TFUE, o Mecanismo estará suxeito á presentación de informes no marco da información financeira e de rendición de contas integrada a que se refire o artigo 247 do Regulamento financeiro e, en particular, por separado, no informe anual de xestión e rendemento».

Conforme o marco xurídico exposto, manifesta acceder á cesión e tratamento dos datos cos fins expresamente relacionados nos artigos citados.

……………………………..., ..... de....................... de 2023

Asdo. …………………………………………….

Cargo:…………………………………………

ANEXO XI

Modelo declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións
do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR)

Don/Dona…………………………………………….....………, DNI....................................., como presidente/representante/xerente/ da entidade………………………………………….., con NIF………………., e domicilio fiscal en……….......………………….……….…………. na condición de entidade beneficiaria de axudas financiadas con recursos provenientes do PRTR no marco do compoñente 26, Fomento do sector deporte-C26.I03.P02, promoción da igualdade no deporte, manifesta o compromiso da entidade que representa cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de interese, comunicando, de ser o caso, ás autoridades que proceda os incumprimentos observados.

Adicionalmente, atendendo ao contido do PRTR, comprométese a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, e manifesta que non incorre en dobre financiamento e que, de ser o caso, non lle consta risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado.

……………………………..., ..... de....................... de 2023

Asdo. …………………………………………….

Cargo:…………………………………………