Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26164

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Samos (expediente IN407A 2022-103 AT).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Peticionario: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: A Batundeira, 2. Velle, Ourense.

Denominación: regulamentación LAMT TTL813 Sarria-Aceñas, 13, entre os apoios C26RV653//D75-22-A-11 y C26JNAF5//D75-22-A-11-5-CT Samos (Lugo).

Situación: concello de Samos

Características técnicas principais:

• LMTA TTL 813 (expediente 230/2016-REG), con orixe no apoio existente nº C26RV653//D75-22-A-11 e final no apoio proxectado nº D75-22-A-11-5-CT, cunha lonxitude de 195 metros en condutor LA-56 proxectado, tensado sobre tres apoios novos de celosía.

• Substitución do CTI 27A882 Venta de 25 kVA por un novo CTI de 50 kVA sobre apoio metálico de tipo C-2000-14, cunha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Finalidade da instalación: mellora de instalacións.

Orzamento: 19.880,67 euros.

Documentación que se acompaña:

• Separata para o Concello de Samos.

•Separata para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVE:

En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionado ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá ser realizada por técnico competente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular, canto establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que xulgue pertinente o seu dereito.

Lugo, 30 de marzo de 2023

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo