Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 2023 Páx. 25549

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/313-4).

Expediente: IN407A 2022/313-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMT, CT Raviso.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 5 de agosto de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT, CT Raviso.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución do centro de transformación (CT) intemperie existente Raviso (36A657) por un centro de transformación exterior en envolvente prefabricada de 630 kVA e a instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 430 metros desde o centro de seccionamento (CS) Mercadona Sárdoma (36CXS3) ata o centro de transformación proxectado. As actuacións están previstas no lugar de Raviso, na parroquia de Sárdoma, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Demarcación de Estradas do Estado, a Deputación Provincial de Pontevedra e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.

A Demarcación de Estradas do Estado informou que a actuación se encontra fóra das zonas de dominio público e servidume.

Os demais organismos non emitiron os condicionado técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 12 de setembro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 12 de setembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 3 de outubro de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 23 de setembro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Jairo Faria de Freitas. A continuación resúmese o seu contido:

A parcela afectada é utilizada como terreo de labradío para alimento de gando e a instalación do centro de transformación impediría o seu acceso por un tractor.

Propón a instalación do centro de transformación nunha das dúas parcelas situadas en fronte á súa.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

A finalidade da instalación do centro de transformación é a mellora da calidade da subministración no lugar de Raviso.

O centro de transformación proxectado só ocupa 16,81 m² da parcela e vai pegado á aliñación marcada polo PXOU de Vigo e ao linde norte da parcela. Ocupa 4,10 metros da fronte á vía, quedando un acceso de aproximadamente 4 metros, suficiente para o paso dun tractor.

Sobre a proposición do trazado alternativo, indica que se elixiu o emprazamento técnica e economicamente máis viable. Ademais alude que o afectado pode propor alternativas sempre e cando conte cos permisos dos terceiros afectados e que estas alternativas serán estudadas para analizar a súa viabilidade.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

Con relación á valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Respecto ao trazado alternativo, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor tipo RHZ1, de 430 metros de lonxitude, con orixe na cela de liña do CS Mercadona Sárdoma 36CXS5 e final na cela de liña do centro de transformación proxectado. Centro de transformación compacto telecontrolado a 630 kVA con RT de 15 kV/400 V. A instalación está situada en Raviso, no concello de Vigo (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débesedescribir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal o titular concretará o valor que estime como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. O trazado proposto non cumpre co conxunto dos puntos do mencionado artigo.

Por outra parte, a posibilidade de modificar o trazado implica afectar a outras persoas que poden igualmente opoñerse ao dito cambio. En todo caso considerarase non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CT Raviso (expediente IN407A 2022/313-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 29 de marzo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra