Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2023 Páx. 24184

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2023 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección sobre delegación de facultades.

De conformidade co artigo 9.b) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e co artigo 6 do Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Igape, modificado polo Decreto 155/2019, do 28 de novembro, o Consello de Dirección é o órgano competente para resolver favorable ou desfavorablemente as solicitudes de préstamos xestionados polo Igape.

En caso de incumprimento das condicións de concesións de préstamos, o órgano competente para resolver os procedementos de reintegro do compoñente de axuda que poida existir, regulados no artigo 37 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, é o órgano concedente.

Por isto, os procedementos de incumprimento de condicións de concesión de préstamos do Igape e reintegro da cantidade correspondente son iniciados e resoltos polo Consello de Dirección do Igape, coa excepción dos préstamos IFI extraordinarios COVID-19, de importe igual ou inferior a 50.000 €, nos cales xa se atopa delegada a competencia na persoa titular da Dirección Xeral, tanto da resolución das solicitudes de préstamo como dos procedementos de incumprimento e reintegro.

Tendo en consideración que a resolución destes procedementos supón a aplicación da normativa aplicable en materia de execución de gastos, pagamentos e o resto de compromisos normativamente establecidos, sen compoñente de avaliación cualitativa de riscos inherentes aos proxectos, e co obxectivo de mellorar a celeridade e eficacia na tramitación, así como a simplificación administrativa, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de marzo de 2023, acordou delegar na persoa titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para a súa resolución.

Na súa virtude, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a seguinte delegación de facultades acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 28 de marzo de 2023:

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para iniciar e resolver os procedementos de incumprimento e reintegro de cantidades que se incoen con respecto aos préstamos concedidos polo Igape.

Segundo. Esta delegación aplicarase aos procedementos de incumprimento e reintegro de cantidades que se inicien con posterioridade á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica