Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2023 Páx. 23926

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 31/2023, do 5 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño de dous treitos antigos das estradas EP-4006 e EP-4102.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 3 de maio de 2021 a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Salvaterra de Miño asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-4006 no treito antigo do colexio de Leirado. O dito convenio recollía a aceptación por parte do concello da transferencia de titularidade do treito antigo da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves de 928 metros de lonxitude, que se inicia á altura do punto quilométrico 5+875 (marxe dereita) e do treito antigo da estrada provincial EP-4102 Leirado-Lira de 358 metros de lonxitude, que se inicia á altura do punto quilométrico 0+800 (marxe dereita).

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que os antigos treitos propostos das estradas EP-4006 e EP-4102 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial», polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño dos seguintes treitos antigos das estradas EP-4006 e EP-4102:

Denominación

p.q.i

Lonx. (km)

Treito antigo da EP-4006 Ponteareas-As Neves

5+875 MD da EP-4006

0,928

Treito antigo da EP-4102 Leirado-Lira

0+800 MD da EP-4102

0,358

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Salvaterra de Miño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade