Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23882

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva do estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva na praza de Ultreia.

O Pleno da Corporación do Concello de Santiago de Compostela na sesión ordinaria, que tivo lugar o 28 de febreiro de 2023, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar definitivamente o estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na praza de Ultreia, formulado de oficio polo Concello de Santiago, segundo o documento elaborado polo arquitecto Juan Pinto Tasende, presentado o día 15 de febreiro de 2023.

Segundo. Aprobar definitivamente a delimitación espacial do ámbito da actuación sobre o medio urbano, cos efectos regulados nos artigos 24 e 42.3 do Real decreto lexislativo 7/2015 e 13.2 da Lei 1/2019 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

A aprobación definitiva implica a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados, e delimitánse os terreos de necesaria ocupación no plano O.02 do estudo de detalle.

A aprobación do estudo de detalle implica tamén a desafectación dos terreos de dominio público que sexa preciso ocupar para a instalación de ascensores ou outros elementos que garantan a accesibilidade universal.

Ao abeiro do disposto polo artigo 13.5 da precitada Lei 1/2019, acórdase que as actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiros, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

O acordo de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a normativa urbanística publicarase no Boletín Oficial da provincia. Así mesmo, remitirase á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a documentación exixida polo artigo 88.3 da LSG, para os efectos de inscribir o estudo de detalle no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

En todo caso, e de conformidade co exixido polo artigo 199.4 do RLSG, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do Plan quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites e ao sinalado no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, en relación co 65.4 da mesma lei.

Contra o acordo de aprobación definitiva do citado estudo de detalle, poderase interponer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17 de xuño)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica