Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 11 de abril de 2023 Páx. 22814

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural da Granda, parroquia de Mor, no concello de Alfoz (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural da Granda, parroquia de Mor, no concello de Alfoz (Lugo), mediante a Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27 de marzo de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita delimitación do solo de núcleo rural no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2181&_aaeTipology_WAR_aae_id=2181

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Resolución de aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural
da Granda, parroquia de Mor, no concello de Alfoz (expediente PTU-LU-19/032)

Os días 3 de marzo de 2023, 3 de xuño de 2023 e 10 de marzo de 2023 tivo entrada no Servizo de Urbanismo da Xunta en Lugo documentación correspondente ao expediente de referencia, remitida polo Concello de Alfoz, para os efectos da súa aprobación definitiva.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.6 que as modificacións de planeamento urbanístico que teñan por obxecto a delimitación de solo de núcleo rural se tramitarán segundo o procedemento establecido no artigo 78.

Entre a documentación que se deberá consultar encóntrase documentación administrativa, o proxecto de aprobación inicial (dilixenciado no Pleno do 31 de xaneiro de 2020) e o Proxecto refundido de aprobación provisional, datado en outubro de 2022, redactado pola arquitecta Sara C. López Pérez e coas dilixencias de ser aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello do 27 de xaneiro de 2023.

Analizada esta documentación achegada polo concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Alfoz carece de figura de planeamento xeral aprobado.

I.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

• Inicio da avaliación ambiental estratéxica (4.3.2019), que remata co informe ambiental estratéxico de data 5.6.2019.

• Aprobación Inicial da delimitación (Acordo plenario de 31.1.2020).

• Exposición pública, con anuncios en El Progreso (4.3.2020), La Voz de Galicia (4.3.2020) e Diario Oficial de Galicia (DOG) (4.3.2020); notificacións aos titulares catastrais. Non se presentaron reclamacións, consonte a certificación municipal do 13.7.2022.

• Informes sectoriais: da Subdelegación do Goberno (7.2.2020), da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (5.3.2020), da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (5.3.2020), do IET (23.12.2019), de Patrimonio Natural (25.5.2020), da Axencia Galega de Infraestruturas (8.2.2021), de Telecomunicacións (9.2.2021), de Augas de Galicia (20.6.2022) e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (11.10.2022).

• Informes previos á aprobación provisional: informes municipais técnico (14.7.2022) e xurídico (19.7.2022).

• Documento refundido de aprobación provisional da delimitación (Acordo plenario de data 27.1.2023).

II. Aspectos xerais. Contido.

A proposta recolle a delimitación do núcleo rural da Granda, cunha superficie de 29.845 m2 (2,98 ha).

A delimitación atópase ao pé da estrada LU-160, de titularidade autonómica, que a comunica coa Seara, cabeza do concello, situada a uns 2 km ao suroeste, así como co núcleo de Ferreira, a 1,5 km ao noroeste, cabeza do concello de Valadouro. O ámbito está incluído na zona de concentración parcelaria do Val de Alfoz.

No proxecto que delimita o núcleo non se prevén espazos destinados a usos dotacionais nin se cataloga ningún elemento.

III. Análise e observacións.

III.1. Analizada a documentación achegada, púidose comprobar que foron emendadas as indicacións formuladas no período de consultas e nos requirimentos de datas 21 de setembro de 2022 e 17 de febreiro de 2023, tras se presentar un proxecto refundido debidamente dilixenciado.

III.2. O proxecto refundido que se aprobou provisionalmente mantén a nomenclatura de «aprobación inicial», que deberá corrixirse no exemplar que se envíe para o Rexistro de Planeamento, no cal deberá figurar a sinatura do técnico redactor, tal e como se sinala no artigo 22 das NNTTPP.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

a) Aprobar definitivamente a delimitación do solo do núcleo rural da Granda, parroquia de Mor, no concello de Alfoz, coa subxección á corrección do indicado no punto III.2 da epígrafe anterior.

b) De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación do núcleo rural no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

c) Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

d) De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación de solo de núcleo rural aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

e) Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.