Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 10 de abril de 2023 Páx. 22775

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia na zona sur da ATM de Santiago de Compostela, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes:

Con data do 2 de xaneiro de 2023 publícase no Diario Oficial de Galicia número 1 o Anuncio do 23 de decembro de 2022 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG) na zona sur da ATM de Santiago de Compostela, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave AC/22/053.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia na zona sur da ATM de Santiago de Compostela, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo e potestativo poderase formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia na zona sur da ATM de Santiago de Compostela, actuación financiada polo
Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión
Europea-NextGenerationEU

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia na zona sur da ATM de Santiago de Compostela, de clave AC/22/053.06, coas seguintes modificacións respecto do trazado sometido a información pública:

• Modificación do deseño das seguintes paradas:

– 15074-123-1 Urdilde (modificación dos pavimentos).

– 15082-25-1 Pontevea (novo deseño da actuación en planta, coa conseguinte modificación da superficie de expropiación).

– 15082-110-2 Cacheiras-gardaría (novo deseño da actuación en planta, coa conseguinte modificación da superficie de expropiación).

– 15082-97-1 Fontenla Campos (modificación dos pavimentos e da drenaxe).

– 15089-110-1 Cruzamento de Sarandón (novo deseño da actuación en planta, coa conseguinte modificación da superficie de expropiación).

– 15082-17-2 Cacheiras (modificación da definición da actuación en planta).

– 15089-117-2 Trobe 2 (modificación da relación de bens expropiados).

• Eliminación do proxecto das seguintes paraxes: 15082-25-2 Pontevea, 15074-112-2 Samil e 15074-48-3 Rois.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na RAEG na zona sur da ATM de Santiago de Compostela, de clave AC/22/053.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, nos cales se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, puideren aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.