Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22072

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de marzo de 2023 pola que se clasifica de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, con domicilio na rúa Montero Ríos, número 52, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 9 de decembro de 2022, Verónica Val Vázquez, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción constituíuna a Federación Galega da Construción, representada por Diego Vázquez Reino e Verónica Val Vázquez, presidente e secretaria respectivamente da citada entidade, mediante escritura pública outorgada o 1 de decembro de 2022, ante o notario de Teo (A Coruña) Carlos Sebastián Lapido Alonso, co número 2.085 do seu protocolo.

Tras requirimento do 12 de xaneiro de 2023, o 23 de febreiro achegaron unha nova escritura que emenda a anterior, outorgada o 23 de febreiro de 2023, na mesma localidade e ante o mesmo notario indicados anteriormente, co número 273 do seu protocolo.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, a mellora da competitividade e a formación no sector da construción de Galicia.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Diego Vázquez Reino, en representación de Vázquez y Reino, S.L., como presidente; Manuel Ángel Capeáns Pazo, en representación de Rodiñas Pretensados, S.L., como vicepresidente primeiro; Antonio Pons Samaranch, en representación da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, como vicepresidente segundo; Santiago Ferreiro Pérez, en representación de Construcciones Orega, S.L., como secretario; e Víctor Manuel del Canto Álvarez, Arturo Ramírez González, Víctor González Jove, Eva Otero Leal, Miguel Caruncho Campanario, Francisco Rodríguez López, José Manuel Lorente Lorente, Eva Gómez Portela, Argimiro Fernández Janeiro, Óscar Rodríguez Gutiérrez, Diego Freire Coloma, Fernando Illanes Álvarez, Cristina Montenegro Quintá, Manuel Ángel Pose Palleiro, Diego López González e Marcos Antonio Vázquez Zas, en representación, respectivamente, de Civis Global, S.L., Construcciones Ramírez, S.L., Anjoca, S.L., Tratamientos y Distribuciones de la Construcción, S.L., Xestión Ambiental de Contratas, S.L., Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., Ovisa, Pavimentos y Obras, S.L., Francisco Gómez y Cía., S.L., Suministro Integral del Agua, S.L., Espina y Delfín, S.L., Zero Energetic Housing, S.L., Antea Iberolatam, S.L., Grúas, Transportes y Elevación del Norte, S.L., Alumán Sistemas, S.L., Epifanio Campo, S.L. e Canarga, S.L., como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de marzo de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes