Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22066

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 28 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR923E).

BDNS (Identif.): 685335.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Programa Escolas Abertas para persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega ou da confección de traxes tradicionais galegos.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estas modalidades do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter escolas constituídas ou grupos consolidados da especialidade solicitada que acrediten unha actividade continuada.

b) Ter grupos constituídos nos últimos dez anos e estar no seu proceso de recuperación, no suposto de non cumprir o requisito establecido na letra a).

c) Ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, no suposto de solicitar participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

2. Programa Escolas Abertas para persoal responsable da cociña.

Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten con servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados.

As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, xa a xestionen directamente ou teñan arrendada ou cedida a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.

3. Programa Escolas Abertas para promover a cualificación da mocidade no desempeño de cargos directivos.

Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade.

As persoas propostas deberán ter unha idade comprendida entre os 21 e 35 anos e formar parte da xunta directiva da entidade cando menos, durante un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade segundo o modelo normalizado do anexo II (ficha da persoa proposta). Así mesmo, non poderán propoñer a participación no programa de persoas que xa participasen nel, en calquera das modalidades convocadas, máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias do programa. Se así for, quedarán excluídas.

6. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa Escolas Abertas, dirixido á mocidade que está a ocupar cargos directivos nas entidades galegas do exterior e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, da confección de traxes tradicionais galegos para a entidade, ou responsables da cociña nas ditas entidades (código de procedemento administrativo PR923E).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR923E).

Cuarto. Importe

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que prestan as persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración