Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 3 de abril de 2023 Páx. 22004

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 28 de marzo de 2023 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública Freixido, no concello de Larouco (Ourense).

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-22-05.

Antecedentes:

1. O concello de Larouco carece de zonas de concentración parcelaria (en execución ou rematadas), isto ocasiona que o parcelario non se axuste ás necesidades actuais xa que está composto por parcelas con extensións moi reducidas e accesos limitados, a maior parte por servidumes de paso desde outras parcelas. Isto ocasiona unha tendencia ao abandono ou infrautilización da propiedade, o que, a maiores da perda de terra agraria, tamén comporta a proliferación de incendios forestais.

2. O 24 de abril de 2007 publícase no DOG núm. 79 a Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio, que se recolle anualmente no Pladiga, e que está composto polos concellos que nela se relacionan. Nesta orde establécense zonas de alto risco (ZAR) de incendios forestais con base na ocorrencia de incendios, vulnerabilidade poboacional e ameazas aos ecosistemas forestais. Mediante esta orde, clasifícase o concello de Larouco como ZAR e este será obxecto de actuacións que permitan reducir o risco de incendios.

3. Persoal técnico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou o 20.8.2021 diferentes zonas do concello de Larouco que na actualidade presumen dun avanzado estado de abandono ou infrautilización. Como resultado desa visita proponse o estudo dun perímetro na parroquia de Freixido nas proximidades da aldea do mesmo nome como un posible proxecto de polígono agroforestal.

4. Entre as medidas que se van desenvolver tras a aprobación da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia encóntrase a posta en marcha de polígonos agroforestais en zonas pertencentes a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, para incrementar a superficie aproveitable dedicada a fomentar a produción primaria de calidade certificada.

5. O concello de Larouco ten gran tradición vitivinícola e de produción de castaña, por iso está incluído na Denominación de Orixe Valdeorras e na Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, e conta con gran volume de actividade económica vinculada a estes sectores. Actualmente as actividades indicadas están en crecemento e demandan terras na zona, aínda que este crecemento se ve freado polos problemas que presenta o parcelario agrario da zona e as dificultades na identificación de titulares dos terreos.

6. Por Acordo do 10 de maio de 2022 da presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE SSa6JOGrymN4, abriuse un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de iniciar o procedemento para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Freixido, no Concello de Larouco (Ourense).

7. Por Resolución do 6 de marzo de 2023, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE BqsyGpmlVVf1, resolveuse a conveniencia de iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Freixido, no concello de Larouco (Ourense).

8. O 28 de marzo de 2023, CVE aELYJ8hhB6j7, emitiuse informe con proposta de acordo favorable ao inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do citado polígono agroforestal.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con CIF Q1500273F, foi creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellaría competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais, que se rexen polo disposto nos artigos 4.k), 67 a 72 e 83 a 101 do dito corpo normativo.

3. Este procedemento réxese polo disposto na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, publicado pola Resolución do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 36, do 22 de febreiro); na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.

4. Obxecto ou finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Freixido (Larouco) ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal; a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas cales os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

5. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

As causas polas que procede desenvolver o polígono agroforestal son:

– Existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 8.3.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE k1C88DUCh1L6.

– Disponse de documentos de manifestación do acordo das persoas titulares do 27,92 % da superficie das terras incluídas no perímetro proposto, as cales indicaron a conformidade coa adhesión ao proxecto, e o 72,08 % restante da superficie do polígono agroforestal corresponde a propietarios ilocalizables cos cales non se puido contactar. O feito de que case un terzo da superficie do perímetro estea en mans de persoas ilocalizables xustifica a necesidade de iniciar o procedemento de investigación da titularidade, de acordo co artigo 90 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

6. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigos 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o que debe dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no informe emitido o 3.3.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE mbeyMAy3vyK1.

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 8.3.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE k1C88DUCh1L6.

No que se refire ao previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ningún monte veciñal en man común participa no polígono agroforestal.

7. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

Neste caso, cúmprese o requisito para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previsto no punto 1.c) do artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Tamén concorre a circunstancia para darlle carácter preferente prevista no artigo 70.2.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

9. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é de 12 meses, prorrogables.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa aprobación, consonte co previsto no artigo 84.4 da citada lei.

10. Declaración de utilidade pública e interese social (artigo 83.3 e 83.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellaría competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2.

Deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, e implicará o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contado desde o día seguinte ao do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se dite e notifique a resolución correspondente, o procedemento caducará e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

12. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) pódense verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve.

13. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existe máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e, polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

ACORDO:

Primeiro. O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Freixido, no concello de Larouco (Ourense).

Segundo. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses, prorrogables.

Terceiro. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este acordo constitúe un acto de trámite contra o cal non cabe recurso ningún e unicamente se poderá, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Igualmente, se se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante a Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 6 e seguintes e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; en ambos os dous casos o prazo contarase desde o día seguinte ao da súa notificación. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se considere procedente.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural