Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2023 Páx. 21379

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra de Liñares, sito nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (Lugo) e promovido por AV Serra de Liñares, S.L.U. (expediente LU-11/146-EOL).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra de Liñares.

a) Contido da resolución e condicións que se xuntan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra de Liñares, sito nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (Lugo) e promovido por AV Serra de Liñares, S.L.U., para unha potencia de 48 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Serra de Liñares, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 377.310 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, as condicións dos organismos e/ou empresas de servizo público que procedan e, en particular, o da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por un/unha técnico/a facultativo/a competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que con esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, AV Serra de Liñares, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia ao interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia, admitiuse a trámite o parque eólico Serra de Liñares (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 48 MW.

2. O 27.6.2011, AV Serra de Liñares, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra de Liñares.

3. Mediante a Resolución do 5 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, aceptáronse as modificacións do proxecto do parque eólico Serra de Liñares, promovido por AV Serra de Liñares S.L.U., consistente de forma xeral nun desprazamento de seis dos dezaseis aeroxeradores do parque eólico.

4. Por la Resolución do 26 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, sometéronse á información pública para a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do seu estudo do impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Serra de Liñares.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6.8.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 23.7.2012 e no xornal El Progreso do 22.8.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria e da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de exposición pública presentáronse as seguintes alegacións:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– A canteira Monte de Picois vese afectada pola implantación do parque eólico e, así mesmo, a utilización de explosivos nela quedaría condicionada pola existencia dos aeroxeradores SL-01 e SL-02.

– Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) alegou que o proxecto carece da correspondente separata na cal se detallen as afeccións e os cruzamentos do trazado proposto no proxecto respecto ás instalacións da súa rede, e que non existe planificación para a instalación de novas transformacións de 132 kV na zona de influencia.

– E.ON Distribución, S.L. presentou alegacións en relación coa ausencia do permiso de acceso á rede de distribución de E.ON Distribución, S.L., que o punto de conexión é provisionalmente ao SET Sanzo de 132 kV e non ao SET Fonsagrada de 132 kV como parece deducirse do expediente, e que o espazo reservado para a instalación dunha nova posición de transformación que indica a empresa é innecesario.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, e sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

– A Deputación Provincial de Lugo presentou alegacións en referencia:

• A que o predio non pode ser obxecto de imposición da afección pretendida por expropiación en virtude do disposto pola Lei 33/2003, de patrimonio das administracións públicas.

• De acordo coa Lei 4/1994, de estradas de Galicia, a promotora das obras e instalacións previstas na área de influencia da estrada debe solicitar da Deputación Provincial, como titular dela, a autorización en que se lle fixarán as condicións nas cales poida realizar as ditas obras.

• Á contradición na tramitación das condicións técnicas cunha simultánea imposición á Deputación dunha servidume de paso mediante expropiación.

• Á solicitude de non afección dos bens da zona de dominio público das estradas provinciais, as canalizacións subterráneas paralelas a estas estradas deben discorrer a unha distancia superior a oito metros do eixe delas.

5. Con data do 1 de xullo de 2019, a empresa promotora AV Serra de Liñares, S.L.U. solicitou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, na recolocación e no desprazamento de aeroxeradores do parque eólico en cumprimento do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

6. Mediante a Resolución do 7 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, aceptáronse os cambios no proxecto do parque eólico Serra de Liñares, promovido por AV Serra de Liñares, S.L.U.

7. O 24.9.2020, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e estableceu as correspondentes condicións.

8. Con data do 3.12.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto do parque eólico Serra de Liñares, nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (Lugo), promovido por AV Serra de Liñares, S.L.U., feita pública mediante a Resolución do 15 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DOG núm. 2, do 4 de xaneiro de 2022).

Durante o trámite de avaliación do impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, e de Innovación e Xestión da Saúde Pública; do Instituto de Estudos do Territorio (antiga Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe), da Secretaría Xeral para o Turismo, da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, do Concello da Fonsagrada e da Consellería de Fomento, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Goberno do Principado de Asturias.

9. Mediante o Acordo do 17 de xuño de 2021, do Consello da Xunta de Galicia, declarouse como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto do parque eólico Serra de Liñares, promovido por AV Serra de Liñares, S.L.U.

10. O 18.2.2022, o Instituto de Estudos do Territorio emitiu informe sobre que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe de Galicia, o proxecto non terá que incorporar as determinacións das directrices de paisaxe.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas do servizo público: á Axencia Galega de Infraestruturas, Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa), a Retegal, S.A.; Retevisión I, S.A.U., ao Concello da Fonsagrada, Concello de Negueira de Muñiz, á Deputación Provincial de Lugo e á Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: a Axencia Galega de Infraestruturas, o 12.4.2022; Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A. (Begasa), o 17.2.2022; Retegal, S.A., o 28.2.2022; Retevisión I, S.A.U., o 21.2.2022; o Concello da Fonsagrada, o 3.3.2022; Concello de Negueira de Muñiz, o 3.3.2022; a Deputación Provincial de Lugo, o 25.2.2022, e Confederación Hidrográfica do Cantábrico, o 30.5.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade das condicións emitidas.

En resposta ao informe da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, o 15.7.2022, a promotora achegou documentación complementaria, a cal foi remitida o 30.8.2022 ao dito organismo para a emisión das condicións técnicas.

Para os organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 2.3.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en que indica que as posicións dos aeroxeradores do parque eólico cumpren coa distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación, regulada no punto III.3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións do solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable.

13.  O 29.7.2022, a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto refundido de execución e sobre o cumprimento da normativa analizada co alcance establecido para obter as autorizacións administrativas previa e de construción.

14. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 48 MW, segundo o informe do xestor da rede.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais