Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2023 Páx. 20630

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas co fin de xestionar as das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Abegondo (A Coruña).

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución da Consellería de Sanidade, do 6 marzo de 2023, pola que se lle encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Abegondo (A Coruña).

As actividades que realizará a Axencia Galega de Infraestruturas son:

1. Realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda e, nomeadamente, os de obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

2. Asumir a función de responsable do contrato, para o que o órgano de contratación designará unha persoa física ou xurídica vinculada a esta Axencia, a quen corresponderá supervisar a súa execución e adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.

3. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.

4. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.

Canto á natureza e alcance da xestión encomendada, a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

O prazo de vixencia será desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde