Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2023 Páx. 20118

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado pola Resolución do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluído no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B).

O 2 de decembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluído no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código do procedemento TU986B).

O prazo para a presentación de solicitudes era desde o día seguinte ao da publicación da mencionada resolución no DOG ata o día 30 de marzo de 2023.

Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, resulta aconsellable, para promover e facilitar a participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 2 de maio de 2023. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, a ampliación do prazo de presentación de solicitudes non causa prexuízo a terceiros.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

1. Modifícase o artigo 6 das bases reguladoras da Resolución do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluído no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B) no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite de presentación de solicitudes se amplía ata o 2 de maio de 2023.

2. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. Recursos

De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia de Turismo de Galicia