Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2023 Páx. 18928

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 10 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2022/23 (código de procedemento ED322A).

BDNS (Identif.): 682114.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha bolsa de mobilidade Erasmus+ no curso 2022/23.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2022/23.

Terceiro. Requisitos

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2022/23 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2022/23.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta da española, realice a mobilidade no seu país de orixe.

3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino e reciba a formación virtual en Galicia.

Cuarto. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Quinto. Duración e contía das axudas

As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

O importe global previsto na orde é de 40.000 €.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

As persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida, comezando desde os expedientes con maior nota media e ata esgotar o crédito orzamentario.

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, e asignaráselles unha contía de 500 € por solicitante ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 500 €, adxudicaráselle a cantidade resultante á seguinte persoa solicitante coa maior nota media no expediente académico.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades