Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2023 Páx. 18641

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 14 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G).

BDNS (Identif.): 681680.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos situados no territorio do litoral galego, definido coma terra xunto á costa marítima dos mares Atlántico e Cantábrico.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade local solicitante.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario de 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade de 2023.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G).

Cuarto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 4.475.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 €; transición dixital, cun orzamento de 675.000 €, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 1.100.000 €.

2. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

3. A intensidade máxima das axudas será dun 90 % do custo total do proxecto, co límite máximo seguinte para cada unha das liñas de axuda:

a) Transición verde e ecolóxica: contía máxima de 80.000 € por proxecto.

b) Transición dixital: contía máxima de 15.000 € por proxecto.

c) Transición accesible e inclusiva: contía máxima de 50.000 € por proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 31 de outubro de 2023.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia de Turismo de Galicia