Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que levan implícita as instalacións eléctricas de reforma e repotenciación LMT Picoña (treito Picoña A a Picoña C) e LMT e reforma e cambio de situación CT Picoña C, ambas no concello de Salceda de Caselas (expedientes IN407A 2019/124-4 e IN407A 2020/124-4).

Expedientes: IN407A 2019/124-4 e IN407A 2020/124-4.

Promotora: Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U.

Denominación: reforma e repotenciación LMT Picoña (treito Picoña A a Picoña C) e LMT e reforma e cambio se situación CT Picoña C.

Concello: Salceda de Caselas.

Feitos:

Primeiro. O 9 de xullo de 2019, a empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada reforma e repotenciación LMT Picoña (treito Picoña A a Picoña C).

O 16 de xullo de 2020, a empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT e reforma e cambio situación CT Picoña C.

Segundo. O 14 de novembro de 2019, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica Reforma e repotenciación LMT Picoña, tramo Picoña A a Picoña C, no concello de Salceda de Caselas (expediente IN407A 2019/124), coas seguintes características técnicas:

Liña de media tensión aérea, de 20 kV con condutor LA-110 e lonxitude de 635 metros, desde o apoio núm. 24 C-4500/22 existente da LMTA S. Xurxo-Picoña ata o apoio núm. 28 proxectado xunto ao CT Picoña. Liña de media tensión aérea de 20 kV, con condutor RHZ e lonxitude de 30 metros, desde o apoio núm. 28 ao CT Picoña C. Esta instalación está situada nos lugares de Ataúde e Pedrapinta, na parroquia da Picoña, no concello de Salceda de Caselas (Pontevedra).

O 9 de novembro de 2020, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica LMT e reforma e cambio de situación do CT Picoña C, no concello de Salceda de Caselas (expediente IN407A 2020/124), coas seguintes características técnicas:

LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 56 metros de lonxitude (30 entrada ao CT e 26 saída), con orixe e final no paso aero-subterráneo no apoio existente da LMT Picoña C, unha vez entre e saia no novo centro de transformación Picoña C, na súa nova localización. Centro de transformación, con tres celas prefabricadas con illamento e corte Sf6 e un transformador de 160 kVA, con RT 20 kV/400-230 V. Esta instalación está situada no Coto, A Picoña, Salceda de Caselas.

Terceiro. O 3 de agosto de 2022, Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U., empresa promotora das instalacións citadas, solicitou a declaración de utilidade e a necesidade de urxente ocupación de forma conxunta para esas instalacións, argumentando que se trata dunha afección de servidume sobre a mesma parcela con referencia catastral 36049A006020250000KK.

Cuarto. Mediante escrito do 5 de setembro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude de declaración de utilidade pública das referidas instalacións eléctricas á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Quinto. A documentación someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 5 de setembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 14 de outubro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 14 de outubro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Salceda de Caselas.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Álvara Vaqueiro Sobral. A seguir resúmese o seu contido:

Reclama a titularidade da parcela 36049A006020250000KK e achega documentación xustificativa.

Que a corta de árbores non foi considerada como afección.

Non se considerou a necesidade de construír outro acceso á parcela, xa que o actual deixaría de existir.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U.:

Toma nota do cambio de titularidade para trámites posteriores.

A parcela non ten a consideración de monte ou terreo forestal; por tanto, non estaría permitida a produción madeireira.

Cómpre indicar que a parcela afectada xa ten unha servidume polo centro de transformación na caseta á cal se accede desde a estrada municipal, polo que non se proxecta ningunha modificación no acceso á parcela.

Con relación aos prexuízos que se ocasionan, será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de valoralos.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en dous motivos:

Respecto ao cambio de titularidade, tense en conta o cambio solicitado a favor de Álvara Vaqueiro Sobral.

Con relación á valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Respecto ao cambio de titularidade, tense en conta o cambio solicitado a favor de Álvara Vaqueiro Sobral.

Con relación ao prexuízo que causa a instalación eléctrica na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, a afectada será informada do trámite de levantamento da acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación. A acta recolle, entre outros datos, a situación física do terreo mencionado, se está cultivado e que cultivo ten, se se alteran os accesos, se afecta árbores, construcións ou instalacións.

No acto de levantamento dáse a coñecer calquera dato que sexa relevante para determinar o valor do solo e os prexuízos que provoca a expropiación, incluídos os derivados da rápida ocupación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica de reforma e repotenciación LMT Picoña, treito Picoña A a Picoña C, no concello de Salceda de Caselas (expediente IN407A 2019/124), o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LMT e reforma e cambio de situación CT Picoña C, no concello de Salceda de Caselas (expediente IN407A 2020/124), o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra