Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2023 Páx. 17432

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de febreiro de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas VG-4.3, AG-41 e PO-305, deixando sen efecto a tramitación do proxecto en relación co aparcadoiro localizado na PO-305, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión EuropeaNext-GenerationEU.

Antecedentes:

O 8 de novembro de 2022, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 212 o Anuncio do 31 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas VG-4.3, AG-41 e PO-305, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave PO/22/117.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de febreiro de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas VG-4.3, AG-41 e PO-305, deixando sen efecto a tramitación do proxecto en relación co aparcadoiro localizado na PO-305, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que lle pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321C de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de febreiro de 2023,
polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación
de zonas de baixas emisións nas cidades galegas VG-4.3, AG-41 e PO-305, deixando sen efecto a tramitación do proxecto en relación co aparcadoiro localizado na PO-305, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas VG-4.3, AG-41 e PO-305, de clave PO/22/117.06, en relación cos aparcadoiros localizados na VG-4.3 (Vilagarcía de Arousa) e AG-41 (Ribadumia), sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Deixar sen efecto a tramitación do proxecto en relación co aparcadoiro localizado na PO-305.

Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os concellos de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, nos cales se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido deste, no que se establecen as determinacións do planeamanto urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.