Convocada mediante a Resolución do 25 de outubro de 2022 (DOG nº 210, do 4 de novembro) a provisión dun posto de xefe/a do Servizo de Hospitalización a Domicilio- Coidados Paliativos, esta xerencia, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG nº 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, a Orde do 22 de abril de 2020 (DOG nº 82, do 29 de abril) de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e o Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG nº 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia,
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión dun posto de xefe/a do Servizo de Hospitalización a Domicilio-Coidados Paliativos, convocado mediante a Resolución do 25 de outubro de 2022 (DOG nº 210, do 4 de novembro).
Segundo. Nomear, para o posto que se indica, a persoa citada no anexo desta resolución.
Terceiro. O/a aspirante seleccionado/a deberá cesar na praza que desempeña dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberase efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrito ou destino provisional ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.
O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo e os correspondentes haberes percibiranse de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Cuarto. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A Coruña, 20 de febreiro de 2023
Luis Verde Remeseiro
Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee
ANEXO
Denominación do posto: xefe/a do Servizo de Hospitalización a Domicilio-Coidados Paliativos.
Nome e apelidos: Luciano Vidán Martínez.
DNI (*): ***1283**.
(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal.