Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2023 Páx. 15278

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal do Páramo (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento, faise pública a aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal do Páramo (Lugo), mediante Orde da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 13 de febreiro de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan básico municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2297&_aaeTipology_WAR_aae_id=2297

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal
do concello do Páramo (Lugo)

O 4 de maio de 2017 o Concello do Páramo (Lugo) remitiulle escrito á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en que solicitaba a redacción dun plan básico municipal (PBM) por parte da consellería competente en materia de urbanismo. Esta solicitude foi reiterada o 21 de agosto de 2018.

Analizado o documento redactado e tramitado regulamentariamente, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (no sucesivo, LSG) define os plans básicos municipais como os instrumentos de planeamento urbanístico dun termo municipal completo, que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral.

2. Os plans básicos teñen por obxecto a delimitación dos núcleos rurais existentes e dos terreos que reúnan os requisitos exixidos para ser clasificados como solo urbano consolidado, así como a categorización do solo rústico, segundo as delimitacións das afeccións establecidas no Plan básico autonómico. Así mesmo, poden remitir a ordenación detallada de determinadas áreas a un plan especial aprobado con anterioridade e declaralo subsistente.

3. O Plan básico autonómico foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo. Mediante a Resolución do 21 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, apróbase a súa actualización (DOG do 28 de xaneiro) coa corrección de erros do 14 de marzo de 2022, publicada no DOG do 30 de marzo.

4. O Concello do Páramo contaba con 1.388 habitantes en 1 de xaneiro de 2018 e con 1.347 en 1 de xaneiro de 2021, segundo información do Instituto Nacional de Estatística (INE), e non ten aprobado ningún instrumento de planeamento xeral. Cumpre, polo tanto, cos requisitos da LSG para a redacción dun PBM.

5. O documento técnico foi elaborado pola Dirección de Xeral Ordenación do Territorio e Urbanismo, coa asistencia técnica do grupo de investigación 1934-TB Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela.

II. Contido e determinacións do Plan básico municipal (PBM).

1. En cumprimento do artigo 63.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e do artigo 150 e seguintes do seu RLSG, o PBM do Páramo conta cos seguintes documentos:

a) Memoria xustificativa das súas determinacións (cartafol 01.MX).

b) Análise do modelo de asentamento poboacional (cartafol 02.AMAP).

c) Planos de información (cartafol 03.PINF).

d) Planos de ordenación urbanística (cartafol 04.PORD).

e) Catálogo de elementos que se deben protexer (cartafol 05.CAT).

f) Normativa urbanística (cartafol 06.NU).

Ademais, en relación con outra normativa:

• Incorpora a documentación do trámite ambiental estratéxico simplificado (cartafol 07.AAE):

– Documento ambiental estratéxico.

– Alternativas ambientais 0, 1 e 2.

– Informe ambiental estratéxico.

– Extracto ambiental e as medidas de seguimento.

• A zonificación acústica do territorio, ao abeiro da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, e do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia (cartafol 04.PORD).

• Un estudo da paisaxe, ao abeiro do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se que aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).

• Unha ficha de vixencia de planeamento, segundo o modelo do anexo 7 das NNTTPP (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).

2. No tocante ás determinacións do Plan básico municipal:

• O PBM do Páramo non clasifica ámbitos de solo urbano consolidado.

• Delimita 84 núcleos rurais (artigo 63.2.a) da LSG), dos cales, segundo as fichas da AMAP, 63 son tradicionais (5 deles de tipo polinuclear), 1 común e os 20 restantes combinan partes tradicionais e comúns (10 deles de tipo polinuclear).

Respecto dos núcleos delimitados, ao abeiro do artigo 149.a) do RLSG, o PBM declara subsistentes as seguintes delimitacións de núcleo rural aprobadas con anterioridade e incorpora a súa delimitación física e a súa parcela ou parcelas mínimas:

Nome do núcleo

Parroquia

Código PBM

Data da aprobación definitiva

A Costa

Gondrame (Santa María)

0401/0404/0406

8.2.2016

Pedrouzos

Ribas de Miño (Santiago)

1002

28.11.2011

A Torrente

Vilafiz (Santa María)

1503

28.11.2011

O Páramo

Vilarmosteiro (Santa Eufemia)

1612/1613

25.10.2017

Vileiriz

Vileiriz (San Salvador)

1802

15.4.2014

• Clasifica todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre O Páramo (artigo 63.2.c) da LSG), tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA e as consideracións establecidas nos informes sectoriais preceptivos.

• Fixa o trazado da rede viaria pública existente e a sinalización de aliñacións (artigo 63.2.d da LSG), tendo en conta as indicacións recibidas nos informes sectoriais das administracións titulares das vías.

• A normativa reproduce no seu anexo I as ordenanzas reguladoras do Plan básico autonómico que resultan de aplicación para o territorio municipal do Páramo (artigo 63.2.e) da LSG), sen prexuízo de incorporar normativa específica do PBM con base no estudo pormenorizado do territorio e as indicacións dos informes sectoriais preceptivos no seu anexo II (artigo 149.1.e) do RLSG).

• Segundo consta no Catálogo de patrimonio cultural do PBM, o documento cataloga o seguinte número de elementos:

Tipo do elemento

Nº de elementos PBM

Nº de elementos en concellos limítrofes*

Afeccións

Arqueolóxico (ARQ)

31

31

Delimitación e contorno de protección

Arquitectónico, etnográfico e natural

166

3

Delimitación e contorno de protección

BIC

2

2

Delimitación, contorno de protección e 1 zona de amortecemento

* Con contorno de protección ou zona de amortecemento dentro do municipio do Páramo

III. Tramitación.

1. O procedemento para a aprobación dos plans básicos municipais regúlase no artigo 64 da LSG e no 156 do seu Regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG).

2. O 17 de febreiro de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático inicia o período de consultas previas á formulación do informe ambiental estratéxico, durante o prazo de dous meses, e simultaneamente consulta as administracións públicas afectadas.

O 14 de marzo de 2020 a tramitación do PBM do Páramo viuse afectada pola interrupción dos prazos para tramitar os procedementos das entidades do sector público decretada a raíz do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Finalmente, o 4 de maio de 2020 autorizouse a continuación dos procedementos administrativos en materia de avaliación ambiental mediante a Orde do 27 de abril de 2020 pola que se acordaba o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (Diario Oficial de Galicia núm. 84, do 4 de maio).

Constan no trámite as seguintes consultas recibidas:

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe do 30.3.2020.

• Axencia Galega de Infraestruturas, informe do 2.4.2020.

• Instituto de Estudos do Territorio, informe do 21.4.2020.

• Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo, informe do 3.6.2020.

• Dirección Xeral de Patrimonio Natural, informe do 8.6.2020.

• A Dirección Xeral de Mobilidade e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica manifestaron que non tiñan observacións que facer.

• Augas de Galicia, informe do 31.8.2020, recibido fóra de prazo.

• Confederación hidrográfica Miño-Sil, informe do 29.9.2020, recibido fóra de prazo.

• Consellería do Medio Rural-Servizo de Montes, informe do 12.3.2021, recibido fóra de prazo.

3. Tras este período de consultas, o 9 de xuño de 2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu resolución pola que se formula o informe ambiental estratéxico (IAE) do PBM do Concello do Páramo. O 11 de xuño de 2020 a anterior dirección xeral remitiu novamente o IAE coa corrección dun erro. No IAE conclúese non someter este PBM ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria.

O PBM xustifica a integración das determinacións do informe ambiental estratéxico na documentación da avaliación ambiental estratéxica (07.AAE).

No DOG número 124, do 25 de xuño de 2020, publícase o anuncio polo que se fai público o IAE.

4. Con independencia do trámite ambiental e atendendo á lexislación sectorial aplicable, con carácter previo á aprobación inicial do PBM, solicitouse informe aos seguintes organismos sectoriais:

• Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS): solicitude do 4 de marzo de 2020. Non se recibiu resposta neste marco.

• Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Infraestruturas Ferroviarias: solicitude do 4 de marzo de 2020. Recibiuse o informe o 6 de abril de 2020.

Ademais, o 18 de novembro de 2020 solicitouse certificado do Catastro mineiro relativo aos dereitos mineiros no concello do Páramo, que foi achegado o 25 de novembro de 2020.

5. O PBM do Páramo foi aprobado inicialmente mediante a Resolución da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 10 de decembro de 2020.

6. O 23 de decembro de 2020 solicitáronse os informes sectoriais preceptivos ás administracións competentes e o informe determinante do concello.

Na mesma data enviáronse as comunicacións preceptivas previstas no artigo 189 da Lei 3/2003, do patrimonio das administracións públicas, así como a prevista no artigo 101 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, á Delegación de Facenda en Lugo e á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

Simultaneamente, someteuse a información pública no DOG número 5, do 11 de xaneiro de 2021, durante un prazo de 2 meses, e facilitouse a consulta do documento a través da web de documentos en información pública da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Territorio_e_urbanismo_Planeamento_urbanistico?content=SX_Ordenacion_Territorio_Urbanismo/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Asemade, o 11 de xaneiro de 2021 foi publicado o anuncio en dous dos xornais de maior difusión na provincia (El Progreso e La Voz de Galicia).

7. No relativo aos informes sectoriais preceptivos, foi obtido o pronunciamento favorable dos seguintes organismos sectoriais nas datas indicadas na seguinte táboa:

Organismo público

Recepción do informe

Delegación do Goberno en Galicia. Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

Subdelegación do Goberno na Coruña-Área de Fomento

23.2.2021

Subdelegación do Goberno na Coruña-Área de Fomento-Secretaría de Estado de Enerxía-Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas

5.3.2021

Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana-Secretaría Xeral de Infraestruturas-Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria

18.8.2021

Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital-Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual

24.6.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico-Confederación Hidrográfica do Miño-Sil-Comisaría de Augas

7.7.2021

(informe favorable condicionado)

26.9.2022 e 25.11.2022

(informes complementarios do anterior)

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda-Instituto de Estudos do Territorio (IET)

11.3.2021

Consellería de Cultura, Educación e Universidade-Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

1.9.2021

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade-Augas de Galicia

6.9.2021

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda-Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático-en materia de solos potencialmente contaminados

12.1.2021

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

17.3.2021

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación-Subdirección Xeral de Minas

11.1.2021

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación-Subdirección Xeral de Enerxía

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo-Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

11.3.2021

Consellería de Política Social-Secretaría Xeral Técnica-Consello Autonómico para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras

5.1.2021

Redes de Telecomunicación Galegas-Retegal, S.A.

18.2.2021

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade-Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)

17.11.2021

Deputación Provincial de Lugo

16.2.2022

Comunicación á Delegación de Facenda de Lugo

-

Comunicación á Consellería de Facenda e Administración Pública-Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio

9.2.2021

8. Respecto das conclusións dos informes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, recibidos o 7 de xullo de 2021, o 26 de setembro de 2022 e o 25 de novembro de 2022 (os dous segundos son complementarios do primeiro), estas teñen nalgún caso carácter favorable condicionado.

Así, respecto deles, cabe facer as seguintes observacións:

• No relativo ao abastecemento:

– As entidades con pronunciamento favorable no relativo á existencia de recursos hídricos, por existir rede de abastecemento autorizada e suficiente, son as relacionadas no punto 1 das conclusións do informe recibido o 25 de novembro de 2022.

– Segundo o informe recibido o 26 de setembro de 2022, as concesións actuais das entidades de Outeiro (delimitada como SNR 0211 na parroquia de Friolfe) e Pedrouzos (delimitada como SNR 1002 na parroquia de Ribas de Miño) non contan coa capacidade suficiente para a demanda a teito de planeamento, polo que a CHMS considera que non queda acreditada a existencia dos recursos hídricos necesarios para o desenvolvemento do PBM.

– Respecto das restantes entidades non incluídas nos puntos anteriores, a CHMS indica no punto 2 das conclusións do informe recibido o 25 de novembro de 2022 que, ben que neste momento non existe a dispoñibilidade xurídica dos recursos (trátase de núcleos que non contan con rede de abastecemento), coa aplicación do artigo 2, punto 3, do anexo II da normativa do PBM do Páramo a dita dispoñibilidade asegúrase de xeito previo á concesión de licenza de obra para unha nova construción.

• No relativo ao saneamento:

– O informe recibido o 25 de novembro de 2022 pronúnciase favorablemente no tocante ao destino dos caudais das augas residuais das entidades de Agreimonde, Trebolle, Vilarmosteiro-Campo da Feira-Seoane e Lamacemón.

– Segundo o mesmo informe, no tocante á entidade de Rodriz (delimitada como SNR 1211 na parroquia de Sa), o pronunciamento favorable queda condicionado á ampliación do volume de vertedura autorizada no expediente V/27/00078E ata os 3.089,36 m3/ano.

– Segundo o informe recibido o 7 de xullo de 2021, o pronunciamento favorable sobre o destino dos novos caudais de augas residuais da entidade do Piqueiro (delimitada como SNR 1214 na parroquia de Sa) queda condicionado á obtención da necesaria autorización de vertedura, en tramitación con número de expediente V/27/00078G.

– Segundo o informe recibido o 26 de setembro de 2022, o pronunciamento favorable sobre o destino dos novos caudais de augas residuais das entidades de Beleigán (delimitada como SNR 0106/0306 na parroquia de Adai) e Vilasante (delimitada como SNR 1701 na parroquia de Vilasante) quedan condicionados á obtención das autorizacións de vertedura con número de expediente V/27/00078F e V/27/00078H, que se encontran en tramitación.

– Respecto dos restantes núcleos non incluídos nos puntos anteriores, a CHMS informa no punto 5 das conclusións do informe recibido o 25 de novembro de 2022, que, aínda que neste momento non existen autorizacións de vertedura, ao se tratar de núcleos que non contan con rede de saneamento, coa aplicación do artigo 2, punto 4, do anexo II da normativa do PBM do Páramo a autorización de vertedura asegúrase previamente á concesión de licenza de obra para unha nova construción.

• Á vista disto, non contan con pronunciamento favorable do organismo de bacía os seguintes núcleos rurais delimitados no PBM do Páramo: Outeiro (0211), Pedrouzos (1002), O Piqueiro (1214), Beleigán (0106/0306), Vilasante (1701) e Rodriz (1211).

9. Respecto do informe da Axencia Galega de Infraestruturas, o 18 de marzo de 2022, con posterioridade á emisión do seu informe favorable, este organismo achegou unha versión corrixida da normativa reguladora en relación coa Rede Autonómica de Estradas de Galicia para a súa incorporación aos plans básicos municipais que estaban en tramitación. Esta nova redacción foi incorporada á normativa do PBM do Páramo.

10. Respecto do informe da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 15 de xullo de 2021, con posterioridade á emisión do seu informe favorable, este organismo achegou a cartografía dixital actualizada dos montes veciñais en man común do concello. Esta cartografía actualizada foi incorporada ao documento do PBM do Páramo.

11. O 2 de novembro de 2022 recibiuse a Resolución da Alcaldía do Páramo do 21 de febreiro de 2022 que ratifica o informe favorable do arquitecto municipal ao PBM do Páramo do 10 de febreiro de 2022.

Logo da sinatura desta resolución, o 21 de decembro de 2022 e mais o 27 de decembro de 2022, o Concello do Páramo comunicou cambios de titularidade que afectan terreos dotacionais públicos e solicitou que se fixesen as modificacións oportunas no documento. Estas solicitudes foron atendidas e incorporáronse os cambios oportunos ao documento do PBM do Páramo (desafectación/afectación de camiño na Lagoa e parcela dotacional en Vilarmosteiro).

12. Durante o período de información pública tamén se realizou a consulta sobre as infraestruturas eléctricas no Concello do Páramo ás empresas distribuidoras e subministradoras que operan no termo municipal.

A empresa Eléctrica de Valdriz, S.L. achegou a súa información o 29 de xuño de 2021 e o 1 de xullo de 2021.

O 16 de xullo de 2021 UFD Distribución Eléctrica, S.A. derivou o acceso da súa información á unha web de descargas, ben que non se puido acceder á información completa de todo o concello, aspecto que lle foi comunicado á empresa o 17 de novembro de 2021. O 24 de febreiro de 2022 a empresa solicitou a sinatura dun compromiso de confidencialidade, que foi enviado o 9 de marzo de 2022, aínda que non se recibiu a información requirida.

13. No relativo ás alegacións presentadas durante o período de información pública, recibíronse un total de 171 alegacións particulares, das cales 162 foron presentadas no Concello do Páramo, 6 no Rexistro da Xunta de Galicia e 3 recibíronse por correo electrónico.

Constan no expediente certificados da secretaria municipal das alegacións recibidas no concello, asinados o 15 de marzo de 2021 e o 9 e agosto de 2021. Respecto do certificado do 15 de marzo de 2021, detéctase un erro no número de alegacións indicadas no certificado, aínda que este está correcto no índice de alegacións que o acompaña.

Consta informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 18 de xaneiro de 2023 sobre as alegacións recibidas.

Para a identificación das alegacións no anexo da memoria xustificativa do PBM (arquivo 27043_PBM_202212_AD_MX_03.5ANX_ALEG_PARTICULARES), no cal se indica o seu resultado, en cumprimento da lexislación aplicable en materia de protección de datos, as alegacións codificáronse mediante a expresión L0_001, L0_002... (lote 0 e numeración correlativa) e incorporouse para a súa identificación no dito anexo a identificación catastral e mais o lugar e a parroquia, de ser o caso.

Para o seu estudo e integración no documento, algunhas destas alegacións foron desagregadas en peticións diferenciadas (L0_005_1, L0_005_2 e L0_005_3; L0_007_1 e L0_007_2; L0_063_1 e L0_063_2), o que resulta nun total de 175 peticións recibidas.

14. O Pleno da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo do 1 de febreiro de 2023 acordou emitir informe favorable sobre a aprobación definitiva parcial do PBM do Páramo.

IV. Análise e consideracións.

1. A documentación do PBM do Páramo cumpre coas determinacións establecidas polos artigos 63.2 da LSG e 149 do RLSG e está adaptado ás determinacións das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

2. O PBM do Páramo atende ou xustifica as cuestións e determinacións relacionadas nos informes e consultas recibidos durante a súa tramitación e axústase estritamente ao informado favorablemente polo Pleno da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

3. En conclusión, o PBM do Páramo é un documento completo e axustado á lexislación vixente para os efectos de acadar a súa aprobación definitiva.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans básicos municipais correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 156.4 do Decreto 143/2016, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

V. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan básico municipal do Páramo, deixando en suspenso os solos de núcleo rural de Outeiro (0211), Pedrouzos (1002), O Piqueiro (1214), Beleigán (0106/0306), Vilasante (1701) e Rodriz (1211) ata que se xustifique a suficiencia dos recursos hídricos ou o destino das augas residuais, segundo o caso, de acordo co indicado nos informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

2. Notificarlle esta orde ao Concello do Páramo.

3. De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, polo que se aproba o seu Regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo publicará o acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da Provincia.

4. De conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan básico municipal do Páramo no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.