Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2023 Páx. 15268

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 13 de febreiro de 2023 pola que se aproba o réxime de organización e funcionamento da Escola Galega de Saúde Pública.

A Escola Galega de Saúde Pública foi creada polo Decreto 86/2022, do 19 de maio, polo que se establecen a creación e o marco normativo regulador das actividades da Escola Galega de Saúde Pública, como unha iniciativa orientada a fomentar a formación e investigación científica en materia de saúde pública necesaria para dar resposta aos desafíos e perigos para a saúde da poboación e ante ameazas sanitarias globais. Neste decreto recóllense as súas finalidades e as actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública.

Na disposición derradeira primeira do dito decreto, relativa á habilitación para o desenvolvemento normativo, facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do decreto e, en particular, para aprobar mediante orde o réxime de organización e funcionamento da Escola Galega de Saúde Pública.

Así pois, de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 86/2022, do 19 de maio, coa finalidade de facilitar o coñecemento xeral do mencionado réxime de organización e funcionamento,

ACORDO:

Artigo único. Aprobación do réxime de organización e funcionamento

Apróbase o réxime de organización e funcionamento da Escola Galega de Saúde Pública, que figura como anexo.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Réxime de organización e funcionamento
da Escola Galega de Saúde Pública

Primeiro. Organización

1. De conformidade coa posibilidade recollida no artigo 5 do Decreto 86/2022, do 19 de maio, polo que se establecen a creación e o marco normativo regulador das actividades da Escola Galega de Saúde Pública, esta organizarase en grupos de traballo dedicados ao estudo, análise e preparación de aspectos técnicos relativos ás diferentes actividades da Escola.

Nestes grupos pode participar persoal dos órganos ou unidades administrativas relacionados coa materia de que se trate, así como profesionais con coñecemento e experiencia relativa aos temas específicos que se vaian valorar.

2. Os grupos poderán ser permanentes ou temporais en función das tarefas encomendadas.

O carácter de grupo permanente confírello o feito de ser un grupo técnico de asesoramento que ten como finalidade a elaboración das liñas estratéxicas de formación e investigación da Escola, así como a avaliación da calidade das actividades realizadas.

O carácter de grupo temporal confírello a consideración de ser un grupo técnico de asesoramento en determinadas materias, áreas ou programas de formación e investigación relativos ás diferentes disciplinas relacionadas coa saúde pública.

Segundo. Grupo de traballo permanente

1. Constitúese como grupo de traballo permanente o denominado Grupo técnico de planificación estratéxica da Escola Galega de Saúde Pública.

2. Serán funcións deste grupo as seguintes:

a) Establecer as liñas estratéxicas da formación en saúde pública con base nas necesidades identificadas.

b) Establecer o itinerario formativo dos/das profesionais de saúde pública e os plans anuais de formación continuada.

c) Deseñar as estratexias innovadoras de capacitación profesional e posta en marcha do espazo de intercambio de coñecemento da Escola, facilitando a construción de redes de formación intersectoriais nos diferentes ámbitos sanitarios e sociais.

d) Definir as liñas de investigación, facilitando a creación de redes de apoio necesarias para a transferencia do coñecemento en colaboración coas diferentes administracións, institucións, organismos ou empresas en relación coa investigación en saúde pública.

e) Avaliar os resultados das actuacións do ano anterior.

f) En xeral, calquera outra que a persoa titular do órgano directivo competente en materia de saúde pública lle encomende en relación coas necesidades da xestión do coñecemento en saúde pública.

3. O grupo de traballo permanente estará integrado:

a) Pola persoa titular do órgano directivo con competencias en saúde pública ou persoa en quen delegue, que terá consideración de coordinadora xeral.

b) Pola persoa titular da Secretaria Xeral Técnica da consellería competente en materia de sanidade ou persoa en quen delegue.

c) Polas persoas titulares das subdireccións do órgano directivo en materia de saúde pública ou persoas en que deleguen.

d) Por unha persoa en representación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, designada pola persoa titular da súa xerencia.

e) Polas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de sanidade ou persoas en que deleguen.

f) Pola persoa designada como xefe/a de estudos da Unidade Docente de Galicia de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

g) Por unha persoa en representación da Sociedade Galega de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

h) Por unha persoa designada pola persoa titular do órgano directivo con competencias en saúde pública entre o seu persoal, que exercerá as función de secretaría técnica do grupo, asistindo ás súas reunións con voz pero sen voto.

4. O grupo de traballo permanente terá natureza de consello asesor e funcionará de conformidade coas normas relativas aos órganos colexiados, e seranlle de aplicación as disposicións recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, con relación a estes.

Terceiro. Grupos de traballo temporais

A finalidade destes grupos de traballo é a de achegar respostas a cuestións concretas, polo que poderán coincidir un ou máis grupos no tempo.

Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado polos/as profesionais das especialidades correspondentes aos temas específicos que se vaian valorar.

Todas as persoas integrantes dos grupos de traballo serán designadas pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de saúde pública.

Estes grupos de traballo temporal reuniranse coa periodicidade que requira a misión que se lles encomende.

Cuarto. Principio de presenza equilibrada

Na composición dos grupos de traballo, sempre que sexa posible, procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Quinto. Réxime retributivo

A pertenza aos grupos de traballo da Escola non será retribuída.