Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2023 Páx. 14963

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404D).

O día 12 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 8, a Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404D).

Ante a relevancia do foro de negocio/mercado de contido audiovisual Mafiz-Festival de Málaga, e a insistencia do sector destinatario destas axudas de incluír a súa asistencia como parte do obxecto da presente axuda, faise necesario introducilo na base cuarta, Modalidade 1.1. Asistencia a foros de negocio especializados. Foro de negocio/mercado de contidos audiovisuais.

O prazo de presentación de solicitudes, segundo o disposto no punto 4.2 da convocatoria e na base oitava das bases reguladoras, comenzou o día seguinte ao da publicación, o día 13 de xaneiro de 2023, e rematará o día 1 de novembro deste ano, e debe presentarse unha solicitude por cada evento, polo que a modificación non vulneraría os dereitos dos solicitantes.

Asi pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404D), incluíndo na base cuarta, número 1, punto 1.1, «Modalidade A. Asistencia a foros de negocio especializados. Foro de negocio/mercado de contidos audiovisuais», o Mafiz, Festival de Málaga, dotado cunha contía máxima de subvención de 600 euros.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais