Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2023 Páx. 15020

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de febreiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xaneiro de 2023, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común Lama de Mazaira e o de Xeixadelo e Carballeiras, no concello de Laza.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Lama de Mazaira, pertencente á CMMVVMC de Correchouso; e do MVMC Xeixadelo e Carballeiras, pertencente á CMMVVMC de Vilameá, no concello de Laza resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 6.7.2022 a CMVMC de Vilameá presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1774530) de deslindamento por avinza do MVMC Lama de Mazaira co MVMC Xeixadelo e Carballeiras no concello de Laza.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 28.4.2022.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Laza.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 9 de novembro de 2022 fai constar que o linde obxecto de revisión e acordo inclúe a extensión completa dos límites entre ambos os dous MVMC.

A configuración espacial do monte, despois da revisión do deslindamento, non varía practicamente do esbozo da clasificación, manténdose o aspecto orixinal do esbozo da clasificación e aténdose ao mencionado nas carpetas fichas:

• Lama de Mazaira de Correchouso: (...) ata Petada das Paredes. Aquí entra polo E o monte Río Cabras mancomunado de Correchouso e Vilameá (antigamente preiteado cos veciños de Toro), co que corta cara au S.L. bordeando as pendentes máis fortes, por Cabeza Redonda ata Altos da Ortiga, onde xa entra a Serra de Toro (...).

• Xeixadelo e Carballeiras de Vilameá: (...) comezando polo extremo NE no Alto das Fontes, na concorrencia cos montes de Navallo e de Correchouso. Dividendo con este último sobe cara ao SE pola divisoria de augas hasta Laga do Cabeciño, onde xa entra polo E. o monte Lastredo de Cimadevila e Laza, co que baixa primeiro do N a S (...).

O último punto do levantamento, o nº 17, trátase dun punto auxiliar incluído dentro dun monte non presente no deslindamento, MVMC Travesa, Lastredo e Mallada Grande de Laza, Souteliño e Cimadevila, debendo rematar a liña acordada na intersección no cruzamento entre a liña formada polos puntos 16 e 17 e o esbozo de clasificación entre Lama de Mazaira e o mencionado Travesa, Lastredo e Mallada Grande. No resto de puntos, a liña trazada non presenta discordancias detectadas segundo o acordo de clasificación de ambos os dous montes.

A superficie do MVMC Lama de Mazaira sería de 1.194,8471 ha fronte ás 1.141 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución de algo menos do 5 %. E a superficie do MVMC Xeixadelo e Carballeiras, unha vez modificado o esbozo, sería de 428,8342 ha fronte ás 456 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 6 %.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Lama de Mazaira, pertencente á CMMVVMC de Correchouso; e do MVMC Xeixadelo e Carballeiras, pertencente á CMMVVMC de Vilameá, no concello de Laza.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 7 de febreiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense