Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2023 Páx. 13770

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED534A).

A Orde do 10 de febreiro de 2012, modificada pola Orde do 22 de decembro de 2016, pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia, fixa as disposicións de carácter xeral que regulan esa proba e establece que será convocada anualmente pola Dirección Xeral de Formación Profesional mediante resolución.

A Orde do 19 de abril de 2018 pola que se regulan aspectos relativos á organización das materias do bacharelato establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, para os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, establece a obrigatoriedade de cursar a materia de Historia da Filosofía no segundo curso de bacharelato da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, o que exixe facer cambios na estrutura da proba prevista no artigo 10 da Orde do 10 de febreiro de 2012.

En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2023 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED534A) e determinar as condicións en que se realizará.

Segundo. Finalidade da proba

A proba ten por finalidade verificar se se alcanzaron os obxectivos do bacharelato, establecidos no artigo 33 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, así como os fixados nos aspectos básicos do currículo recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Modalidades

1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais.

2. Non obstante o anterior, poderanse inscribir na proba e titular pola modalidade de Artes as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme o establecido na segunda parte do anexo III da presente resolución.

Cuarto. Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes

Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2023.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente a efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2022/23.

Quinto. Prazo, lugar e forma de presentación de solicitudes de inscrición

1. O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 6 e o 15 de marzo de 2023.

2. As persoas aspirantes poderán inscribirse nos dous exercicios que integran a proba ou de un deles.

3. As solicitudes de inscrición deberán presentarse de xeito presencial en soporte papel, conforme o modelo que figura no anexo I da presente resolución, nos centros educativos sinalados no punto 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

4. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:

a) EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.

b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

c) EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.

d) EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.

e) EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.

f) EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.

Sexto. Documentación complementaria para a tramitación de solicitudes

1. Cando proceda, xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación complementaria:

a) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

b) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II, nos termos establecidos polo artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio.

c) Certificacións académicas ou copia do libro de escolaridade e/ou historial académico que acrediten ter superado materias que permitan validar algún exercicio da proba.

2. A documentación complementaria presentarase presencialmente nos centros educativos sinalados no punto 4 da epígrafe 5 desta resolución ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Sétimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI ou NIE da persoa aspirante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

• Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia, só no caso de solicitar a adaptación da proba.

• Historial académico dos estudos cursados en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que acredite ter superado materias que permitan validar algún exercicio da proba.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Noveno. Listaxes de persoas admitidas e prazos de reclamacións

1. O día 17 de marzo de 2023 publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas (anexo II), con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

2. Xunto coa listaxe de persoas admitidas e excluídas indicaranse para cada persoa aspirante os exercicios nos que figura inscrita, con indicación, se é o caso, da nota correspondente aos exercicios validados e a concesión ou denegación da exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II.

3. Unha vez publicadas as listaxes, as persoas interesadas disporán de dez días hábiles para presentar, mediante escrito motivado e dirixido á dirección do centro no cal se presentase a solicitude de inscrición na proba, as alegacións que consideren convenientes ou emendar as deficiencias detectadas na documentación achegada, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. O día 6 de abril de 2023 publicarase a listaxe definitiva do alumnado admitido e excluído no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

1. Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 da epígrafe quinta desta resolución ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Décimo primeiro. Realización da proba

1. A proba celebrarase en Santiago de Compostela o día 28 de abril de 2023 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

2. Para a realización da proba as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Décimo segundo. Estrutura da proba

1. O primeiro exercicio será común ás distintas modalidades. Estruturarase en catro partes:

a) Primeira parte: Lingua Galega e Literatura I e II.

b) Segunda parte: Lingua Castelá e Literatura I e II.

c) Terceira parte: Primeira Lingua Estranxeira I e II (inglés ou francés).

d) Cuarta parte: Filosofía e Historia de España.

2. O segundo exercicio (anexo V) terá un carácter diferenciado en función da modalidade e itinerarios escollidos. Estruturarase en tres partes:

a) Primeira parte. Proba correspondente ás materias troncais xerais propias de cada modalidade e itinerario elixidos. Para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas das materias Matemáticas I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Humanidades realizaranse as probas das materias Latín I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Ciencias Sociais realizaranse as probas de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II.

b) Segunda parte. Proba correspondente ás materias troncais de opción da modalidade elixida. Para a modalidade de Ciencias, a persoa aspirante escollerá unha entre as seguintes opcións:

1. Física e Química e Física.

2. Física e Química e Química.

3. Debuxo Técnico I e II.

Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais en calquera dos seus dous itinerarios, a persoa aspirante seleccionará unha entre as seguintes opcións:

1. Economía e Economía da Empresa.

2. Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía.

3. Grego I e II.

c) Terceira parte. Proba correspondente ás materias troncais de opción de modalidade elixida.

Para modalidade de Ciencias, a persoa aspirante elixirá unha entre as seguintes opcións:

1. Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía.

2. Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía.

Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, a persoa aspirante deberá realizar a proba correspondente ás materias de Literatura Universal e Historia da Filosofía.

Décimo terceiro. Organización da proba

1. Entre as 8.15 e as 8.30 horas realizarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.

2. A sesión de mañá desenvolverase entre as 8.30 e as 14.30 horas e dedicarase á realización do primeiro exercicio. Organizarase en tres partes:

Parte 1, das 8.30 ás 11.30 horas: realizaranse as probas correspondentes ás materias Lingua Galega e Literatura I e II e Lingua Castelá e Literatura I e II.

Parte 2, das 12.00 ás 13.30: realizarase a proba correspondente á Primeira Lingua Estranxeira I e II (inglés ou francés).

Parte 3, das 13.30 ás 14.30 horas: realizaranse as probas de Filosofía e Historia de España.

3. A sesión de tarde desenvolverase entre as 16.30 e as 20.30 horas e dedicarase á realización do segundo exercicio. Organizarase en tres partes:

Parte 1, das 16.30 ás 18.00 horas: para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas de Matemáticas I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Humanidades, realizaranse as probas de Latín I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais no itinerario de Ciencias Sociais realizaranse as probas de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II.

Parte 2, das 18.00 ás 19.00 horas: para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas de Física e Química e Física, as de Física e Química e Química e as de Debuxo Técnico I e II. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, realizaranse as probas de Economía e Economía da Empresa, as de Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía e as de Grego I e II.

Parte 3, das 19.30 ás 20.30 horas: para a modalidade de Ciencias, realizaranse as probas de Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía e as de Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, realizaranse as probas de Literatura Universal e Historia de Filosofía.

4. As persoas aspirantes poderán utilizar os seguintes materiais na realización da proba:

a) Nas materias que implican operacións numéricas (exames con contidos de matemáticas, física, química e economía) poderán utilizar unha calculadora científica, agás as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos alfanuméricos.

b) Nas materias de Latín e Grego, dicionario desas linguas.

c) Na materia de Debuxo Técnico, portaminas ou lapis, goma, regra milimetrada, escuadro, cartabón e compás.

d) Na materia de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, regra, escuadro ou cartabón.

5. As persoas aspirantes non poderán utilizar durante a realización da proba teléfonos móbiles, reloxos intelixentes nin calquera outro dispositivo de almacenamento ou de transmisión de datos.

Décimo cuarto. Tribunais

1. Para avaliar e supervisar a proba, a persoa titular da Dirección Xeral Formación Profesional designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta titular e catro vogais titulares; designará, así mesmo, un presidente ou unha presidenta suplente e catro vogais suplentes (anexo XI).

2. Poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de catedráticos/as de ensino secundario e/ou de profesores/as de ensino secundario especialistas nas distintas materias que compoñen a proba, para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección dos exercicios da proba.

3. Á vista das persoas aspirantes inscritas (anexo IV), a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá establecer outros tribunais de seren necesarios para a celebración da proba.

Décimo quinto. Validacións

As persoas aspirantes poderán solicitar a validación dos exercicios da proba de acordo co establecido no artigo 13 da Orde do 22 de decembro de 2016, que modifica a Orde do 10 de febreiro de 2012, pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia, e no anexo III desta resolución.

Décimo sexto. Cualificacións provisionais e reclamacións

1. O día 10 de maio de 2023 farase pública a listaxe provisional das persoas avaliadas coas cualificacións positivas, por exercicios, no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

2. Contra estas cualificacións poderase presentar reclamación por escrito dirixida á presidencia do tribunal nos tres días hábiles posteriores á publicación das cualificacións.

3. A reclamación presentarase na secretaría do centro onde se celebrou a proba ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo educadultos@edu.xunta.gal

Décimo sétimo. Resolución

1. Resoltas as reclamacións, o día 18 de maio de 2023 publicarase a listaxe coas cualificacións definitivas no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

2. Contra estas cualificacións poderase interpoñer no prazo de un mes recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.

Décimo oitavo. Superación da proba

A proba considerase superada cando se obteña unha cualificación global igual ou superior a cinco puntos nos dous exercicios que a compoñen (anexo IX).

Décimo noveno. Conservación da cualificación dun exercicio superado

As persoas que non superen a proba na súa totalidade poderán manter a cualificación obtida no exercicio superado para sucesivas convocatorias (anexo VIII).

Vixésimo. Propostas para a obtención do título de bacharel

As persoas aspirantes que superen a proba recibirán, logo de solicitude, o título de bacharel na modalidade correspondente.

Vixésimo primeiro. Certificación

1. A acta de avaliación (anexo VI) recollerá os resultados de cada un dos exercicios e, se é o caso, a validación destes.

2. O tribunal deixará tamén constancia das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nas diferentes partes do exercicio segundo, correspondente ás materias propias de cada modalidade (anexo VII), para os efectos da certificación mencionada no punto 3 desta epígrafe.

3. As persoas que superen a proba poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas en cada unha das partes do segundo exercicio, para xuntala á documentación de solicitude de prazas en ensinanzas de ciclos de formación profesional de grao superior. O tribunal estenderá esa certificación segundo o modelo do anexo X.

4. As certificacións que se soliciten con posterioridade ao proceso de avaliación da proba serán asinadas polo director ou directora e polo secretario ou secretaria do centro onde se celebrou a proba.

Vixésimo segundo. Publicación e información

1. A relación de alumnado admitido e excluído, así como as cualificacións provisionais e definitivas, publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do tribunal e das persoas asesoras especialistas

Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, o tribunal e as comisións técnicas ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XI

Tribunal

Titulares:

Presidenta titular: Verónica Martínez Delgado, inspectora de educación.

Vogal titular 1: Fernando Lojo Piñeiro, catedrático de ensino secundario.

Vogal titular 2: Mercedes Rodríguez Ruibal, catedrática de ensino secundario.

Vogal titular 3: Raquel Rodríguez Blanco, profesora de ensino secundario.

Vogal titular 4: David Cobas Medín, profesor de ensino secundario.

Suplentes:

Presidenta suplente: Marina Armada Vigo, inspectora de educación.

Vogal suplente 1: Francisco Javier Poch Gutiérrez, profesor de ensino secundario.

Vogal suplente 2: Juan Carlos Fandiño de la Torre, catedrático de ensino secundario.

Vogal suplente 3: Guillermo Reiriz Varela, profesor de ensino secundario.

Vogal suplente 3: Marina Carlota Mascareñas García, profesora de ensino secundario.