Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2023 Páx. 13611

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2023 pola que se publica a quinta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con data do 15 de abril de 2019, do 28 de novembro de 2019, do 28 de maio de 2020 e do 21 de outubro de 2020 asináronse, respectivamente, a primeira, a segunda, a terceira e a cuarta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no DOG núm. 156, do 17 de agosto.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar a quinta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinada o 19 de decembro de 2022, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Quinta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa
nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

REUNIDOS:

Pola Xunta de Galicia, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, luns, do 16 de maio) en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alberto Varela Paz, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida,

EXPOÑEN:

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e de xeito máis concreto, a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 22 e 23 da citada lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de conformidade co establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018, co obxecto de instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas da interface urbana garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é a interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abarcan o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. Neste contexto, e a través do citado convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean cerca dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas. Así como, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Co obxecto de reforzar o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións que corresponden aos concellos, o convenio modificouse a través dunha primeira addenda asinada o 15 de abril de 2019 e publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio.

O 28 de novembro de 2019 asinouse unha segunda addenda (publicada no DOG núm. 6, do 10 de xaneiro de 2020) para facilitar a aplicación de determinadas cláusulas do convenio, que supuxo, entre outras modificacións, o desenvolvemento dunha nova ferramenta en mobilidade, inclusión da posibilidade de que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias ata un máximo de 5 hectáreas con cargo ao convenio, simplificación de trámites administrativos para a aplicación dos ingresos que se perciban da venta das especies arbóreas incluídas nas execucións subsidiarias, e incorporación dunha cláusula en materia de protección de datos.

O 28 de maio de 2020 asinouse unha terceira addenda (publicada no DOG núm. 114, do 12 de xuño) modificando varias cláusulas do convenio coa finalidade de incrementar as actuacións no territorio e de atender ás necesidades derivadas da posta en marcha das iniciativas de mobilización de terras e das iniciativas estratéxicas.

O 21 de outubro de 2020 asinouse a cuarta addenda (publicada no DOG núm. 299, do 12 de novembro) modificándose a cláusula quinta relativa á colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos ao presente convenio.

A través desta nova addenda articúlanse as modificacións necesarias no convenio para, por unha parte, poder levar a cabo a xestión completa nos sete concellos piloto, seleccionados pola Comisión de Seguimento na reunión do 28 de outubro de 2021 (As Nogais, Monterrei, Cualedro, Lobios, Carnota, Gondomar e A Gudiña), posto que a limitación de 10 hectáreas por concello e ano que fixa o convenio impide poder actuar en cada un destes concellos sobre todas as parcelas revisadas que incumpren os criterios de xestión. Por outra, ampliar a súa vixencia e actualizar o orzamento coas achegas da Consellería do Medio Rural para o exercicio vixente e para o ano 2023.

Segundo o establecido na cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Por todo iso, con base no exposto, as partes acordan asinar a presente addenda de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Modifícanse os parágrafos segundo e terceiro do número 1 da cláusula quinta, que queda redactada como segue:

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural achegará un importe de 7.750.000 € no exercicio 2020, 7.750.000 € no exercicio 2021, 6.946.000 € no exercicio 2022 e 7.750.000 € no exercicio 2023, con cargo á aplicación orzamentaria 14 02 551B 741.14.

As entidades locais fan achegas, mediante a creación dun subfondo específico dentro do Fondo de Cooperación Local, que incrementarán a dotación económica total do convenio na anualidade correspondente segundo se estableza na correspondente lei anual de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, no exercicio 2020 este financiamento é de 2.500.000 €, no ano 2021 é de 1.500.000 €, no exercicio 2022 é de 2.000.000 € e para o exercicio 2023 esta contía ascende a 4.500.000 €.

Segunda. Modifícase a letra c) do número 2 da cláusula sétima, que queda redactada como segue:

c) Realización material das actuacións de xestión de biomasa, derivadas da tramitación de procedementos de execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa, unha vez notificado polos concellos adheridos o incumprimento nas obrigas de xestión da biomasa segundo o procedemento descrito na Instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 87, do 7 de maio de 2018), e se constate a persistencia no incumprimento.

Esta actuación de execución subsidiaria comprenderá a redacción do proxecto para a execución subsidiaria, se for necesario polas características da actuación, ou outro documento técnico que deba servir de base ás actuacións, así como os traballos de xestión da biomasa sobre o terreo e a posterior elaboración do documento/liquidación de custos da execución subsidiaria, que comprenderá todos os gastos ocasionados como consecuencia desta.

As solicitudes destas actuacións poderán dirixirse á Comisión de Seguimento a partir do 1 de xaneiro de cada anualidade. Esta poderá aprobar actuacións subsidiarias ata un máximo de 10 hectáreas por concello e ano, respectando en todo caso a dispoñibilidade orzamentaria.

Esta limitación de 10 hectáreas por concello e ano elimínase no caso daqueles concellos seleccionados pola Comisión de Seguimento como concellos piloto, onde, respectando a dispoñibilidade orzamentaria, poderá actuarse subsidiariamente na totalidade do concello.

Terceira. Modifícase a cláusula undécima, que queda redactada como segue:

Este convenio ten vixencia desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2023, salvo denuncia de calquera das partes antes da súa finalización.

Cuarta. En todo o non modificado expresamente por esta addenda, seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

Quinta. As partes asinantes outorgan o seu consentimento para que os datos persoais e o resto das especificacións que constan nesta addenda sexan publicados no Portal de Transparencia e Goberno Aberto e no Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, e en concordancia cos artigos 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

En proba de conformidade, as partes asinan a presente addenda.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; Alberto Varela Paz, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.