Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2023 Páx. 12209

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración de proxecto industrial estratéxico, ao abeiro do artigo 78 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial (código de procedemento IN230A).

A Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia (DOG núm. 201, do 21 de outubro) modifica na súa disposición derradeira terceira a regulación dos proxectos industriais estratéxicos contida no capítulo III do título III do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

Na nova redacción do artigo 79 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, regúlase o procedemento de declaración dos proxectos industriais estratéxicos e, no artigo 80, establécese o procedemento de aprobación de cada proxecto, logo da súa declaración polo Consello da Xunta. En ambos os artigos establécese que o organismo competente para a dita tramitación será a consellería competente en materia de industria.

De acordo co disposto no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 12, do 4 de xullo), a Secretaría Xeral de Industria, a través da unidade tramitadora, a Subdirección Xeral de Proxectos, será o órgano da consellería competente en materia de industria que deberá realizar as actuacións recollidas no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, relativas ao impulso e á tramitación dos procedementos para a declaración e para a aprobación dos proxectos industriais estratéxicos.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Regular e dar publicidade ao modelo de solicitude da declaración de proxecto industrial estratéxico, código de procedemento IN230A, que se recolle no anexo I desta resolución.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Poderán presentar a solicitude as empresas promotoras de proxectos que cumpran co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, en virtude do que poderán ser declarados, se é o caso, proxectos industriais estratéxicos, coa excepción dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aquelas iniciativas empresariais que se considere que teñen tal carácter pola súa función no desenvolvemento, implantación ou execución da política industrial autonómica e a súa incidencia económica ou social, sempre que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo de vinte millóns de euros.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de cen postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

c) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento «Instrumento temporal de recuperación europea NextGenerationEU».

2. Para a definición de empresa observarase o disposto no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Artigo 3. Prazo de presentación

O procedemento IN230A é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese instar o seu inicio desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5.Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria en que se xustifique:

1º. A forma en que a proposta, de ser realizada, dará lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste.

2º. A viabilidade económico-financeira da actuación, que deberá conter, como mínimo: o detalle dos investimentos, o plan de negocio, unha previsión da conta de resultados e balances de situación durante, polo menos, os seguintes cinco exercicios, o estado dos fluxos de efectivo ou análise alternativa dos fluxos de caixa previstos durante o mesmo período e a análise de rendibilidade do proxecto.

c) A delimitación do ámbito territorial afectado e a análise da relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas directrices de ordenación do territorio, mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica, e con outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito obxecto da actuación.

d) A documentación gráfica a unha escala axeitada para a correcta lectura e difusión do seu contido.

e) A descrición das posibles afeccións ambientais do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

Paula Mª Uría Traba
Secretaria xeral de Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file