Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2023 Páx. 12091

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para promotores públicos e privados distintos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento VI406J).

BDNS (Identif.): 674120.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes os concellos e as empresas e entidades privadas que resulten adxudicatarias dun dereito de superficie, concesión administrativa ou negocio xurídico análogo sobre terreos de titularidade pública, no marco dun procedemento de concorrencia competitiva, para os efectos da promoción da construción das ditas vivendas.

No suposto de que a empresa ou entidade privada solicitante se presentase a un procedemento de concorrencia competitiva e non fose resolto, deberá acreditar a adxudicación con carácter previo á sinatura do acordo da comisión bilateral de seguimento a que fai referencia o ordinal décimo noveno.

2. No caso de que a beneficiaria da axuda sexa unha empresa ou entidade privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:

a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres años fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38 do citado Regulamento (UE) nº 651/2014.

O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:

1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

2º. Que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.

3º. Que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é, o 35 % dos custos subvencionables, que se pode incrementar nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular a xestión do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021) para promotores públicos e privados, distintos do IGVS, que se tramitará co código de procedemento VI406J.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023.

3. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Terceiro. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras deste programa contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, coas especificacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas para o programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.81.451B.760.8 e 08.81.451B.770.8 polos seguintes importes:

Aplicación

Anualidade

Importe (en euros)

08.81.451B.760.8

2023

1.500.000,00

2024

1.050.000,00

2025

900.000,00

2026

750.000,00

08.81.451B.770.8

2023

1.500.000,00

2024

1.050.000,00

2025

900.000,00

2026

750.000,00

O programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. De conformidade co establecido no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terán efecto despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG ata o 6 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade a esta data, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo