Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2023 Páx. 8069

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle para o axuste de aliñacións na rúa Eduardo Blanco Amor e na rúa das Estrigueiras (expediente 2022/ESTDETALLE/000001).

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 24 de outubro de 2022(*), adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Aprobar, con carácter definitivo, ao proxecto denominado “Estudo de detalle para a reordenación de aliñacións nas rúas Blanco Amor-Estrigueiras (Pontevedra). Documento para aprobación definitiva”, instrumento urbanístico redactado pola arquitecta María del Consuelo González García, con data de sinatura dixital do 4 de outubro de 2022, conformado pola arquitecta municipal da OTAP (...), (....) e ao que se incorpora, como parte integrante deste, o informe emitido o 9 de agosto de 2022 pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao situarse o seu ámbito nas zonas de servidume aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Vigo (documento con CSV YMHAEM94QZV1WQMN), que inclúe, no seu anexo I, un plano que se incorpora aos planos normativos do estudo de detalle, e que será dilixenciado xunta coa restante documentación obxecto de aprobación definitiva, no cal se representan as liñas de nivel das superficies limitadoras das referidas servidumes e que determinan as alturas (respecto do nivel do mar) que non deberá superar ningunha construción, incluídos todos os seus elementos (postes, antenas, carteis, etc.).

Segundo. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o seu contido íntegro estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra www.sede.pontevedra.gal

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento aprobado será inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia por petición deste concello, para o que se remitirá un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

Ademais de no DOG e na sede electrónica, o acordo será publicado, xunto co índice de documentos e planos, incluído o plano das servidumes aeronáuticas, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro do instrumento de planeamento, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e executividade.

Terceiro. Notificar este acordo individualmente a todas aquelas persoas que figuren como interesadas ou constituídas en parte no expediente, con ofrecemento dos recursos procedentes e con comunicación expresa á Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (...)».

O que se fai público para a súa executividade. Contra o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle, que pon fin á vía administrativa, quen se considere lexitimado poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase que nestas datas xa se atopa publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta no día de hoxe (http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e-territorio/planeamentourbanistico/planeamento-de-desenvolvemento/), o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

(*) (corrección de erros materiais do 21.11.2022).

Pontevedra, 16 de decembro de 2022

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde