Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2023 Páx. 7164

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427A).

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias aprobáronse dúas leis galegas en materia de igualdade, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, hoxe recollidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. No seu artigo 1 recóllese como un dos principios de actuación o fomento da comprensión da maternidade como unha función social e establece que a protección da maternidade é unha necesidade social que os poderes públicos galegos asumen e recoñecen politicamente, e xa que a maternidade é un ben insubstituíble, todas as cargas e coidados que supón, a gravidez, o parto, a crianza, a socialización dos fillos e fillas, deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres.

Así mesmo, no artigo 40 do actual texto refundido establécese que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais, todo iso no ámbito do compromiso básico da Comunidade Autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario das políticas autonómicas, que ten o seu reflexo nas ditas normas, na planificación estratéxica, así como na sucesiva elaboración de plans no eido da igualdade nos cales, entre outras, recóllense obxectivos e actuacións específicas para dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas, co fin de avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia.

Neste senso, no VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, inclúese o ámbito 6. Empoderamento, sororidade e participación social, no que se recolle a participación das entidades de iniciativa social no seu desenvolvemento, en particular na súa prioridade de actuación 6.1. Apoiar o apoderamento individual e colectivo das mulleres, na cal se inclúe unha liña de acción 6.1.2 Continuidade do impulso á realización de actividades para promover o apoderamento e a autonomía individual das mulleres, con especial atención ás necesidades daquelas en situación de vulnerabilidade, das mulleres maiores e á redución da brecha dixital, na cal se enmarca a presente convocatoria de axudas.

Segundo dispón o Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a Secretaría Xeral da Igualdade ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero, incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Esta convocatoria estará cofinanciada nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Neste senso, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro), e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2022.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta de Galicia a concesión de anticipos de ata o 90 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2023 das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución.

Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

2. Cada entidade só poderá solicitar subvención para o desenvolvemento dun dos programas previstos no punto 1 deste artigo.

Así mesmo, non serán subvencionables ao abeiro desta resolución os programas de atención integral dirixidos en exclusiva a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, por contaren cunha convocatoria de axudas específica.

3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI427A Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de un millón catrocentos mil euros (1.400.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.313B.481.2, código de proxecto 2023 00096.

2. Esta convocatoria estará cofinanciada nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do alicerce europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico h - Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos; medida 2.h.03 - Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

3. O método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

4. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

5. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. As subvencións obxecto desta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública para a mesma actuación ou actividade.

2. Se a actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de achegas das participantes, taxas de inscrición, matrículas, ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados na solicitude de subvención. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou fosen superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstas nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

c) Non estar en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación da presente convocatoria as comunidades de bens, as sociedades civís, as entidades que se rexan polas disposicións relativas ao contrato de sociedade, as cooperativas, as mutualidades, así como as unións temporais de empresas e as agrupacións de interese económico.

3. Todos os requisitos e condicións exixidas deberanse cumprir na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución, as actuacións relacionadas no punto 3 deste artigo, no marco dalgún dos seguintes programas:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade, con fillas ou fillos menores de tres anos.

O programa, para que poida ser obxecto de subvención, debe incluír unha atención integral e especializada a mulleres xestantes e lactantes en situación de especial vulnerabilidade a través de accións dirixidas a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva, co fin de evitar que unha situación desexable se poida converter nun factor de exclusión.

Neste senso, debe conter algunha das actuacións previstas no punto 3 deste artigo, entre elas, de información sobre recursos integrais específicos para elas e as súas fillas e fillos; de acompañamento social e de apoio psicolóxico para a superación de cargas emocionais provocadas pola dita situación; de adquisición de competencias e habilidades persoais e sociais, e para a mellora da empregabilidade, así como servizos ou medidas de apoio na busca ou para o mantemento do emprego.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

O programa debe incluír unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais en que se plasmen intervencións específicas a través dunha ou varias das actuacións previstas no punto 3 deste artigo. O programa debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos a que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade. Tanto as actuacións como a cartelaría e documentación que dea soporte ás actuacións subvencionables incorporarán unha linguaxe inclusiva.

2. Os programas, para poderen ser obxecto de subvención, deben estar dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ben a mulleres pertencentes a un colectivo específico para a súa atención especializada e personalizada, ben a mulleres pertencentes a varios colectivos, preferentemente con características similares respecto das súas necesidades sociais de intervención, así como responder no seu contido e metodoloxía a un enfoque de atención integral e de xénero, de forma que dea resposta ás singularidades e dificultades que atopan as mulleres pertencentes ao colectivo que atende.

3. As actuacións desenvolvidas no correspondente programa deberán encadrarse nalgún dos seguintes tipos:

a) Servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.

b) Servizo de atención psicolóxica.

c) Servizo de asesoramento xurídico.

d) Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.

e) Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.

f) Servizos ou medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Para os ditos efectos, a atención personalizada a través destes servizos comprenderá tanto as actuacións presenciais e/ou por medios electrónicos coa persoa participante, de forma individual ou grupal, como aqueloutras actuacións que sexan necesarias, que non requiran a presenza da persoa, para dar resposta ás exixencias e singularidades do seu plan personalizado de integración, co obxectivo de incidir na mellora da súa situación persoal, social e laboral, e que consistan no acompañamento, seguimento e derivación activa a outros servizos no marco da coordinación, colaboración e cooperación con administracións públicas, profesionais ou con outras institucións, públicas ou privadas, dos diferentes ámbitos tales como servizos sociais comunitarios, centros de información á muller (CIM), sanidade, vivenda, educación, formación e emprego.

Non serán obxecto de subvención as actividades de mero lecer, recreo, lúdicas ou culturais.

4. O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023, ambos os dous incluídos.

5. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados e segundo os termos establecidos no artigo 6 desta resolución.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécese un sistema de custos simplificados segundo o custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo as actuacións de atención ás persoas usuarias máis unha porcentaxe de tipo fixo do 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Segundo a actividade profesional que se desenvolva, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:

a) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 1 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 19,83 euros/hora, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 23,80 euros/hora).

b) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 2 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 17,41 euros/hora, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 20,89 euros/hora).

c) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 3 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 15,20 euros/hora, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 18,24 euros/hora).

O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 55.2.a) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 mulleres atendidas das cales o 60 % (24) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 3 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

No caso de programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada dos previstos no artigo 5.1.b) desenvolvidos en centros ou pisos de acollida para mulleres que precisan dunha especial protección por concorreren nelas diversos factores de especial vulnerabilidade que agravan a situación de exclusión social e laboral, e para as que resulta imprescindible un recurso de acollemento, exixirase para unha dedicación dun ou dunha profesional a xornada completa (1.720 horas) a atención de 15 mulleres que deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 3 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

6. En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 40.000 euros.

7. Non poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden unha puntuación mínima de 45 puntos segundo os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución.

8. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a seguir, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución:

– Entre 85 e inferior a 95 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

– Entre 75 e inferior a 85 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Entre 65 e inferior a 75 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

– Entre 55 e inferior a 65 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

– Entre 45 e inferior a 55 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións previstas no artigo 5 desta resolución no marco dun programa de recursos integrais, correspondentes ás seguintes categorías e conceptos:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes á execución do programa para a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo da asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.3 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade no desenvolvemento do programa.

b) Outros gastos directos: serán subvencionables os seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas directamente da actuación subvencionada; as axudas de custo e gastos de locomoción do persoal dedicado á execución do programa necesarios para a atención ás participantes e vinculados ao seu desenvolvemento.

2. Gastos indirectos: gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares); gastos en bens consumibles e en material funxible; gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; e no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e as normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

4. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido, non susceptible de recuperación ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

5. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou programa subvencionado, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, no caso de persoas vinculadas coa entidade nos termos establecidos no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, o número total de horas imputadas non poderá exceder as 100.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación da/do secretaria/o da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e sobre a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Anexo III: memoria descritiva do programa para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

c) Anexo IV: ficha individualizada da/do profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, asinada pola persoa responsable da entidade e polo/pola profesional.

Achegarase unha ficha individualizada por cada un/unha dos/das profesionais que desenvolvan ou vaian desenvolver o programa e deberán numerarse co mesmo ordinal con que figure na epígrafe da memoria referente á relación e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa.

d) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

e) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación, ...), certificación da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, especificando respecto de cada unha delas a denominación e o NIF.

f) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición do programa mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8 bis. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 11. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 12. Instrución do procedemento e Comisión de Valoración

1. A instrución do procedemento previsto nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretaría: a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

– Vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación; do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas; e do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a presidencia da Comisión.

3. A Comisión de Valoración poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas de baremación establecidos no artigo 13 e no artigo 5.8 desta convocatoria, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade ao fin do prazo de xustificación das axudas.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, para o caso de que concorran solicitudes similares e confluentes de entidades integradas noutras de segundo nivel, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o que a Comisión de Valoración proporá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación das outras.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

a) Pola especialización respecto do colectivo de mulleres a que vai dirixido o programa, ata 10 puntos, segundo o seguinte: a) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a un único colectivo específico: 10 puntos; b) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a varios colectivos con características similares: 6 puntos.

b) Temporalización do funcionamento do programa dentro do período subvencionable, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

b.1) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 10 meses: 15 puntos.

b.2) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 8 e ata 10 meses: 13 puntos.

b.3) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 6 e ata 8 meses: 10 puntos.

b.4) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 4 e ata 6 meses: 7 puntos.

b.5) Programa de duración igual ou inferior a catro meses: ata 4 puntos, 1 punto por cada mes completo de realización ininterrompida.

Para estes efectos, só se terá en conta o período en que exista unha adscrición de persoal ao programa.

c) Polo lugar de desenvolvemento do proxecto ou pola súa localización, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

c.1) Programa desenvolvido en establecementos pechados (centros ou pisos de acollida, penitenciarías, hospitais, centros de recuperación): 15 puntos.

c.2) Programa desenvolvido en concellos cualificados como zonas pouco poboadas (ZPP), zonas intermedias (ZIP) e zonas densamente poboadas (ZDP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, ata 15 puntos, segundo o seguinte: a) programa desenvolvido en concellos ZPP: 15 puntos; b) programa desenvolvido en concellos ZIP: 10 puntos; c) programa desenvolvido en concellos ZDP: 5 puntos.

No caso de que o programa se desenvolva en varios concellos e a súa cualificación sexa distinta segundo os datos publicados polo IGE, para os efectos da aplicación deste criterio terase en conta a cualificación da maioría dos concellos en que se desenvolve o programa.

d) Polo interese, calidade, necesidade, e polo seu contido e carácter integral, ata 36 puntos, segundo o seguinte:

d.1) Descrición precisa do programa, da súa xustificación e coherencia coas necesidades sociais que se pretenden cubrir: 3 puntos.

d.2) Adecuación do tempo de dedicación e do perfil dos e das profesionais adscritos/as en relación co contido do programa: 3 puntos.

d.3) Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.3 desta convocatoria, ata 30 puntos, segundo o seguinte: a) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cada unha das seis epígrafes recollidas no artigo 5.3, 30 puntos; b) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cinco das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 25 puntos; c) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en catro das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 20 puntos; d) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en tres das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 15 puntos; e) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en dúas das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 10 puntos; f) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación nunha das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 5 puntos.

Para estes efectos, só se terán en conta as actuacións levadas a cabo polo persoal adscrito ao programa e que conte coa titulación académica correspondente para levar a cabo o dito servizo.

e) Polo número de usuarias en situación de especial vulnerabilidade atendidas e que superen o número mínimo exixido, segundo a xustificación da subvención concedida ao abeiro da convocatoria do ano 2021 (Resolución do 23 de febreiro de 2021, publicada no DOG núm. 46, do 9 de marzo), ata 18 puntos de acordo co seguinte: a) ata o 10 %, 3 puntos; b) máis dun 10 % e ata o 30 %, 6 puntos; c) máis dun 30 % e ata o 50 %, 9 puntos; d) máis dun 50 % e ata o 70 %, 12 puntos; e) máis dun 70 % e ata o 90 %, 15 puntos; f) máis dun 90 %, 18 puntos.

f) Polo emprego dunha linguaxe inclusiva en toda a documentación que se presente para a tramitación do procedemento: 6 puntos.

2. No caso de empate na puntuación, para o caso de que algunha delas poida quedar en lista de espera, para o desempate, en primeiro lugar terá preferencia a solicitude que obtivese maior puntuación no criterio D) do número 1 anterior, en segundo lugar pola obtida no criterio A) e, se persiste o empate, pola obtida no criterio E). De seguir o empate, pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto na disposición adicional primeira do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na resolución de concesión informarase a persoa ou a entidade beneficiaria sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con expresión do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Cando proceda, informarase tamén de que a aceptación da subvención implicará a súa aparición na lista de operacións que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintos aos previstos no punto 3 deste artigo e no artigo 11.1 desta resolución, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia - Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo os obxectivos e os requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 17. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización do programa de recursos integrais subvencionado con data límite do 12 de setembro de 2023.

2. As actuacións correspondentes aos referidos programas xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados consonte o disposto nos artigos 53, 55 e 56 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, segundo módulo ou custo unitario por hora efectivamente traballada, calculado sobre o correspondente custo directo de persoal, máis un 20 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados do programa, segundo o establecido no artigo 5.5 desta resolución.

3. Dentro do prazo sinalado no número 1.1 deste artigo, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo V: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade.

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións e, de ser o caso, dos ingresos percibidos por achegas das mulleres participantes.

c) Anexo VII: declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Anexo VIII: certificación das horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa durante o período subvencionable por cada un/unha dos/das profesionais adscritos/as.

e) Anexo IX: memoria xustificativa do programa subvencionado debidamente asinada pola persoa representante da entidade.

A memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos onde deberán figurar os logos da Unión Europea (FSE+) e a imaxe corporativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 19 desta resolución.

f) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade no programa subvencionado, do persoal dedicado ao programa, con indicación das tarefas realizadas en relación coa atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, asinadas pola/o profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto de subvención. Débese utilizar obrigatoriamente o modelo publicado para esta convocatoria de 2023 na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) Copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao programa. Para o caso de persoal externo, copia do contrato mercantil.

h) Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidade no/nos cal/cales estea incluído o persoal adscrito ao programa correspondente ao período subvencionable.

i) Relación numerada das mulleres en situación de especial vulnerabilidade atendidas no período subvencionable, asinada pola persoa responsable do programa. Está relación terá que presentarse no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

j) Folla individualizada de seguimento de cada unha das mulleres participantes, onde conste a intervención ou intervencións realizadas coa usuaria, no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola usuaria e polo/pola profesional que realiza a/as intervención/s, e numerada co mesmo ordinal co cal figure na relación indicada na alínea i) anterior.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de realización e de resultados na aplicación informática creada para tales efectos e das cales non teñan debidamente cubertas as fichas individualizadas de seguimento.

k) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para un mellor detalle na xustificación da realización do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo IX e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas letras f), i) e j) do punto 3 anterior, esta deberase presentar obrigatoriamente nos modelos publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Respecto dos cuestionarios de indicadores de realización e de resultados, empregaranse os modelos dispoñibles na aplicación informática creada para tales efectos.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, procederase, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18. Pagamento da subvención

1. Realizarase un primeiro pagamento do 90 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.

2. O 10 % restante, ou a parte que corresponda, librarase unha vez comprobada a xustificación presentada pola entidade beneficiaria e o cumprimento dos demais requisitos fixados nesta resolución.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 21 desta resolución e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 23 desta convocatoria.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, conservando os documentos xustificativos que permitan a comprobación do ingreso da axuda percibida, incluíndo o xustificante bancario do ingreso, durante os cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Dar cumprimento á obriga de dar axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas nos artigos 47 e 50 Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Nos espazos de atención ás usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea», e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación onde se destaque a axuda dos fondos. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

4. Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade - Secretaría Xeral da Igualdade) e polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias ou participantes.

5. Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), polo que deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos devanditos requisitos.

Os indicadores de realización relativos ás persoas participantes refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberanse referir ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación da participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo Organismo Intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación informática creada para tales efectos. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento e os cuestionarios de indicadores de realización e de resultados de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante, segundo o modelo dispoñible na aplicación informática creada para a recollida de tales indicadores.

6. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

7. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade e polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

8. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, a entidade beneficiaria quedará sometida ás actuacións de control, comprobación e inspección que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 20. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención serán responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 21. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade tidas en conta para a asignación da subvención, segundo o establecido no artigo 5.5 desta resolución. Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de persoas atendidas ou o número mínimo de usuarias con seis intervencións sexan inferiores aos que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

No caso de concorrer máis dunha destas causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

5. Procederá a minoración do 2 % sobre a contía total da axuda concedida nos seguintes supostos: cando a temporalización do programa sexa inferior ao tramo tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 13.1.B), ou cando o número de actuacións desenvolvidas sexa inferior ao tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 13.1.D.3.

6. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 19, números 2, 3 e 4.

7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determinen a súa condición de subvencionada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx. En tanto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 24. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo correspondente a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal; do teléfono 981 54 53 56 ou presencialmente.

Disposición adicional única. Mulleres en situación de especial vulnerabilidade

1. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade aquelas nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou exreclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Transexuais ou con conflitos de identidade de sexo.

– Persoas con discapacidade ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Maiores ou viúvas.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

– Desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos.

– Inactivas ou desempregadas de longa duración.

– Con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, e que se poden consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Calquera outra situación non prevista expresamente que implique factores de risco ou vulnerabilidade no ámbito familiar, social ou laboral, sempre que sexa ponderada e aceptada polos servizos sociais do concello en que se desenvolva o programa.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file