Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2023 Páx. 7250

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209B).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños, vivos, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007, do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5 que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, e establece no artigo 6 as prioridades do fondo, e no punto 1, alínea b), o obxectivo específico de protección e da recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos.

O litoral galego conta cunha abundante relación de hábitats naturais diversos que acollen unha rica representación de flora e fauna. A elevada variedade tradúcese nunha importante diversidade biolóxica mariña. A rede de espazos naturais protexidos ocupa o 13 % do territorio de Galicia. En particular, a Rede Natura 2000 suma 59 zonas especiais de conservación (ZEC) e 16 zonas de especial protección de aves (ZEPA). Ademais destes espazos, existen zonas de especial interese marisqueiro caracterizadas pola súa alta sensibilidade e a difícil recuperación do seu equilibrio físico e ecolóxico.

Nos espazos e nas zonas mencionadas, a xestión sustentable dos recursos marisqueiros enmárcase en plans de explotación e xestión, nos cales se desenvolven medidas que melloran a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos. No entanto, para garantir a viabilidade económica, social e ambiental do sector, é preciso realizar actuacións dirixidas á conservación e recuperación dos hábitats e da biodiversidade. Estas actuacións tamén contribúen a acadar os obxectivos da Directiva marco sobre estratexia mariña (DMEM), trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.

O obxecto desta orde consiste na elaboración e no desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, incluídas as actividades destinadas á redución da contaminación física e química; as medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e a fauna, incluída a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas; as actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación destes hábitats e especies, e que se centren en hábitats costeiros de importancia para a reprodución dos organismos mariños.

A axuda que contribuirá ao logro do obxectivo específico (OE1.b) da protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos está prevista no artigo 40, número 1, letras c) e i), do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, dentro da prioridade 1 (fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento) do programa operativo para España do FEMP para o período 2014-2020, aprobado por decisión de execución da Comisión C(2015) 8118 final, do 13.11.2015, cunha porcentaxe de cofinanciamento de fondos FEMP do 75 %.

Incluíndo no concepto de pesca a extracción dos recursos mariños vivos mediante artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas, e atendendo ao exposto nos artigos 9 e 12 do Regulamento delegado (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (CE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, poderán optar ás axudas do FEMP a participación en actividades destinadas ao mantemento e á mellora da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos e as operacións que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizárense na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, non xeraren un valor para a empresa e non buscaren un maior valor na prestación dos servizos. Os proxectos velan polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, evitando o risco de producións excedentarias e de sobreexplotación, e as operacións caracterizaranse polo seu interese e beneficiario colectivo.

Para lograr o adecuado desenvolvemento dos citados fins, cómpre impulsar determinadas medidas que emprendan os coxestores dos recursos mariños mediante subvencións como as previstas nesta orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente, que contribúan á consecución dos obxectivos específicos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, número 1. As posibles beneficiarias das subvencións serán as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa finalidade de acadar estes obxectivos, dítase esta orde a través da cal se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e a execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no relativo ao contido e á construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

f) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

h) Regulamento delegado (UE) nº 2015/288 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

i) Regulamento de execución (UE) nº 763/2014 da Comisión, do 11 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ás características técnicas das medidas de información e publicidade e ás instrucións para crear o emblema da Unión.

j) Regulamento delegado (UE) nº 2015/2252 da Comisión, do 30 de setembro, no que se refire ao período de inadmisibilidade das solicitudes de axuda do FEMP.

k) Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca V5 (aprobado pola Comisión o 20.8.2021).

l) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.

m) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

o) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

p) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

q) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

r) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

s) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

t) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

u) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

v) Criterios de selección para a concesión de axudas no marco do programa operativo do FEMP (documento consolidado-xuño 2022).

w) Demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sustentable, OE1.b), medida 1.2.1-protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños), así como do Estado membro.

2. No ano 2023 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293, na cal existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe máximo das subvencións que se concederán en 2023 será de setecentos cincuenta mil euros (750.000 €) nunha única anualidade, a 2023.

4. Os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, respectando sempre o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión, as bases reguladoras coas modificacións feitas publicaranse integramente no Diario Oficial de Galicia.

6. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se encontren nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

6. Como máximo, cada unha das entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderá formular dúas solicitudes de axuda de proxectos por convocatoria, sexan individuais ou conxuntas.

Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As entidades deberán:

a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, EURATOM) nº 2018/1046, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, de conformidade co número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, co capítulo II e anexo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento desta alínea comportará unha perda do 2 % da axuda concedida.

k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

l) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto; neste caso, comunicarase coa antelación suficiente.

m) Todas as entidades solicitantes deberán presentar unha declaración responsable na cal conste non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, para o cal deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se, por razóns técnicas ou doutra índole, estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

4. A non execución de, polo menos, o 50 % do gasto total subvencionado poderá levar á perda do dereito á totalidade da axuda concedida que, en todo caso, deberá ser debidamente motivada.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, os proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As que se centren en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños.

b) As actividades destinadas á redución da contaminación física e química.

c) As medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e a fauna, incluída a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, aplicando os principios da infraestrutura verde que se enuncian na Comunicación da Comisión titulada «Infraestrutura verde-mellora do capital natural de Europa» (COM(2013) 249 final, do 6.5.2013).

d) As actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación dos hábitats e especies.

2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria nas zonas de actuación propostas no proxecto.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de redacción do proxecto técnico cando este resulte exixible pola normativa aplicable e sempre que a actuación a que se refira resulte subvencionable.

b) Os de contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos para realizar algunha das seguintes accións:

i. Limpezas, remocións ou emendas do substrato.

ii. Dragaxes, achegas ou traslados de agregados.

iii. Eliminación de obstáculos que modifican as correntes.

iv. Prevención, control e eliminación de especies exóticas invasoras.

v. Rareos, traslados ou sementeiras de especies marisqueiras.

vi. Outras actuacións que contribúan á consecución dos obxectivos da orde referidos no artigo anterior.

c) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións descritas no punto anterior. Porén, e de conformidade co establecido no artigo 108 da Lei 32/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido (BOE do 29 de decembro), os que teñan un importe igual ou superior a 3.005,06 € serán considerados bens de investimento e, polo tanto, non se subvencionarán.

d) Os de adquisición de semente de especies marisqueiras autóctonas, coas seguintes condicións:

d.1) Soamente se poderán sementar zonas onde se constatase un fallo no recrutamento natural das especies obxectivo, polo menos no último ano.

d.2) A semente deberá proceder exclusivamente de criadeiro.

d.3) En calquera caso, requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo/la perceptor/a dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción, coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2023, sen prexuízo dos prazos que se fixen nas distintas ordes de convocatoria. A data límite enténdese, en todos os casos, sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Porén, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o/a beneficiario/a presente a solicitude de axuda; para os ditos efectos, será necesario realizar unha acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente. A realización da acta de comprobación previa en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 do novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) Adquisición de terreos e inmobles.

c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) Imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

i) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

j) Custos indirectos.

k) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Importes e intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto nesta orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 95. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias; de superalas, deberá axustarse a estas limitacións orzamentarias respectando, en todo caso, os principios da concorrencia competitiva. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de proxectos que prevexan investimentos substancialmente idénticos, poderase establecer unha contía de subvención para todos eles, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

5. O importe máximo subvencionable por proxecto será de 75.000 € (sen IVE).

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes, de resolución e de execución

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non se esgotar o crédito orzamentario, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 19.2 desta orde.

4. Nesta convocatoria considéranse subvencionables os gastos realizados e facturados dentro do período de execución, sempre que se xustifique o seu pagamento nos prazos e conforme o sinalado no artigo 24. O prazo máximo de execución será ata o 4 de setembro de 2023.

5. Cada entidade solicitante non poderá presentar máis de dúas solicitudes; de o facer, só se terán en conta as dúas primeiras, segundo a orde de entrada no Rexistro da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que esta contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se encontra en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Que non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou coas obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Que non é unha empresa en crise segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) Que comunica o conxunto de todas as solicitudes formuladas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

g) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que non iniciou a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

i) A condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

A presentación da solicitude de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes irán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. Se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán ir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Esta certificación non será necesaria se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos da entidade e así se indica na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberán indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde.

Esta memoria deberá conter, polo menos:

b.1) Descrición das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

b.3) Descrición das accións que se pretende acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, utilizando preferentemente o sistema de coordenadas xeográficas UTM (Universal Tranverse Mercator). En caso de non poder utilizar este sistema UTM, deberá indicarse o sistema de referencia empregado.

b.6) Información relativa aos indicadores, conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

b.7) Datos complementarios, necesarios para a valoración do proxecto.

Para a realización desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o modelo A: Memoria do proxecto PE209B, que se pode consultar na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos da Consellería do Mar.

No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado. En todo caso, cada anualidade deberá ser una fase susceptible de producir efectos independentes.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no cal o IVE deberá ir separado, segundo o anexo II, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres (3) ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) No caso das solicitudes en que se proxecte a execución de accións en zonas incluídas nun plan de explotación e xestión conxunto con outras entidades, escrito de conformidade co proxecto dos demais cotitulares do plan.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o anexo III e a documentación adicional que se especifica nel:

a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Documentación sinalada nas letras a.1), a.2), b.1) e b.2) do número 1 deste artigo por cada un dos solicitantes. A documentación referida nestas letras b.1) e b.2) débese incluír na memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requerida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Concesións de subvencións e axudas.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) NIF da entidade solicitante (anexo I).

g) NIF da entidade declarante (anexo III).

h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

No caso de solicitudes conxuntas esta consulta realizarase para cada una das entidades.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos acreditativos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poñeráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas á Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderalle requirir á entidade solicitante que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de instrución, xestión e resolución

1. A tramitación, instrución e xestión dos expedientes será realizada polo Servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

O órgano instrutor elevará ao órgano concedente as propostas de inadmisión das solicitudes en que:

• A entidade solicitante non poida ser beneficiaria da axuda, xa sexa por incumprir o sinalado no número 1 do artigo 4 ou por concorrer nela algunha das circunstancias recollidas no número 2 do artigo 4.

• O proxecto presentado se encontre na situación sinalada no número 2 do artigo 6.

• A totalidade das accións solicitadas non sexan obxecto de subvención conforme o establecido no número 3 do artigo 6.

Estas solicitudes xa non pasarán á fase de avaliación.

Tamén elaborará e presentará á Comisión de Avaliación un informe de cualificación das solicitudes sobre o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha das súas xefaturas territoriais, designadas pola Presidencia.

Un dos vogais da Comisión exercerá a secretaría da Comisión.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos por quen designe a Presidencia.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. A Comisión de Avaliación terá a condición de órgano colexiado e o seu funcionamento rexerase segundo o recollido no título I, capítulo I, sección terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 18. Criterios de elixibilidade e avaliación

1. Criterios de elixibilidade: inicialmente comprobarase que as operacións ofrezan garantías suficientes de viabilidade e que vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP, mediante:

1.1. A valoración técnica e económica:

– Desde o punto de vista técnico. A valoración das garantías ofrecidas polos seus promotores en canto á solvencia técnica e aos medios descritos no proxecto, é dicir, a adecuación dos medios técnicos aos fins previstos.

– Desde o punto de vista económico. A valoración mediante a análise do financiamento previsto, é dicir, se a entidade dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto e se o orzamento presentado está equilibrado ou de acordo cos fins perseguidos.

Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obteren financiamento a través desta orde de axudas e, polo tanto, non serán valorados.

1.2. O indicador xeral: a continuación procederase á valoración da adecuación do proxecto aos obxectivos do programa operativo do FEMP, de tal forma que aqueles proxectos que non obteñan unha puntuación mínima non poderán seguir sendo valorados. En concreto, valorarase a contribución do proxecto ao cumprimento do previsto no programa operativo (PO) do seguinte xeito:

a) Valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.b) previsto para as medidas recollidas no punto 3.3 do PO «Medidas pertinentes e indicadores de produtividade» (artigo 40.1.b-g,i); (puntuación ata 6 puntos: DAFO 2 puntos; estratexia 2 puntos; medidas pertinentes 2 puntos).

b) Valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado (puntuación ata 6 puntos).

c) Valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos ou indicadores de resultado, así como noutros plans estratéxicos (puntuación ata 8 puntos).

Unha vez ponderados os indicadores anteriores, nos cales as letras a), b) e c) terán, respectivamente, o 50 %, 25 % e 25 % do peso total da valoración, os proxectos cualificaranse en función da porcentaxe obtida da puntuación máxima posible en: alto: ≥ 75 % – medio: ≥ 25 % e < 75 % – baixo: ≥ 10 % e < 25 %.

Os proxectos que non acaden o 10 % da dita puntuación máxima posible quedarán excluídos para obteren financiamento a través desta orde de axudas. Polo tanto, non se procederá á súa valoración específica.

2. Criterios de avaliación (indicador específico): unha vez determinados os proxectos elixibles conforme o punto anterior, a Comisión valorará a continuación os proxectos segundo os criterios ponderados co valor que se indica a seguir, e que servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes:

a) Valor ambiental da zona de actuación do proxecto:

a.1) Nivel de protección da zona: parque nacional: 3 puntos; zona especial de conservación ou lugares de interese comunitario da Rede Natura 2000: 2 puntos; outras figuras de protección: 1 punto.

a.2) Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos: 1 punto.

a.3) Impacto sobre as áreas mariñas protexidas: 1 punto.

a.4) Xustificación da necesidade ambiental do proxecto: 1 punto.

a.5) Continuidade das accións e persistencia dos resultados: 1 punto.

b) Viabilidade técnica do proxecto:

b.1) Relevancia e necesidade do proxecto: 5 puntos.

b.2) Calidade, detalle e coherencia da memoria: 2 puntos.

b.3) Concreción dos obxectivos: 2 puntos.

b.4) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: 1 punto.

b.5) Efectos sobre a sustentabilidade social: 1 punto.

c) Grao de participación entre entidades que cumpran co establecido no artigo 4:

c.1) Proxecto para desenvolver entre varias entidades: 3 puntos.

c.2) Intensidade da participación: un punto por entidade participante ata un máximo de 4 puntos.

c.3) Traxectoria da entidade solicitante: 1 punto.

A Comisión de Avaliación, en función de se o proxecto presenta un significativo, razoable ou deficiente nivel de garantía de que se vai levar a cabo, así como do logro dos seus obxectivos, resultados e beneficios, cualificará o indicador especifico como: alto (15 ou máis puntos) – medio (de 9 a 14 puntos) – baixo (de 3 a 8 puntos).

3. No caso de empate nas puntuacións finais obtidas por dúas ou máis solicitudes, procederase ao seu desempate; en primeira instancia, en función da puntuación obtida no número 2.a) dos criterios de avaliación; no caso de seguir cun empate, prevalecerá a puntuación obtida no número 2.b) dos criterios de avaliación e, no caso de persistir o empate, prevalecerá a puntuación obtida no número 2.c) dos criterios de avaliación desenvolvidos neste artigo.

4. A Comisión de Avaliación poderá:

– Propoñer a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, e serán por conta do beneficiario os gastos que se ocasionen.

– Establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable.

Artigo 19. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, a Presidencia da Comisión Avaliadora formularalle ao órgano concedente a proposta de resolución que indicará, de xeito individualizado, os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola Comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3 desta orde, emitirase unha nova proposta na cal se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 20. Resolución

Á vista da proposta de resolución, e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola cal se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas. Esta resolución deberá ditarse dentro do ano orzamentario 2023.

Artigo 21. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non o faceren, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2, do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao FEMP.

Artigo 22. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización e antes de rematar o prazo de xustificación correspondente.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Non se poderá aprobar ningunha modificación que implique unha minoración de máis do 50 % da axuda concedida nin que supoña un reaxuste de anualidades de máis do 50 % da axuda concedida.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria posteriores fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán pagarse e xustificarse antes do 10 de setembro de 2023.

Este prazo poderá prorrogarse, por causas debidamente motivadas, por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou logo de solicitude do beneficiario. No caso de solicitude por parte do beneficiario, esta deberá ser presentada cunha antelación de, polo menos, dez (10) días hábiles con respecto ao prazo límite de xustificación.

A ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación non poderá exceder a metade deste, sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións, indicando a localización e as coordenadas de todas as actuacións executadas (dragaxes, arados, etc.), así como as unidades de superficie rexenerada, volume de sedimento emendado e/ou número de individuos de especies autóctonas sementadas, segundo proceda. Incluiranse tamén os datos e as incidencias máis significativas na súa execución, con reportaxe fotográfica cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados, conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

Deberá utilizarse como modelo o modelo B: avaliación final PE209B, que se pode consultar na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos da Consellería do Mar.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

a.4) Extractos das contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias, que xustifiquen a efectiva realización dos gastos e, se é o caso, importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

b) No caso de opoñerse expresamente á súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT, no pagamento á Seguridade Social e no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada unha delas, así como nomeamento de apoderado único.

d) Documentos de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá comunicar, cun mínimo de 48 horas de antelación, a realización das actividades subvencionadas ao servizo correspondente da Consellería do Mar.

5. Poderán presentarse xustificacións parciais á medida que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

6. No caso de que o beneficiario teña a condición de poder adxudicador, nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará a documentación relacionada co proceso de contratación.

Artigo 25. Pagamento anticipado

Mediante resolución motivada do órgano concedente e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26. Así mesmo, están suxeitos ao prazo de xustificación fixado no artigo 24.1 desta orde dentro do ano do seu libramento.

Artigo 26. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo co artigo 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 €.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 €.

Os importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Publica da Xunta de Galicia e deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda. Constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe dos cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 27. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se vai reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan incompatibles, dará lugar ao reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.i) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 5.2.j), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o dito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

Artigo 28. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, e no 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde e indicaranse o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 33. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados, total ou parcialmente, con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición adicional segunda

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file