Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2023 Páx. 3633

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cangas para a reclasificación dun ámbito como solo urbano.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cangas, para a reclasificación dun ámbito como solo urbano, mediante Orde da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 1 de decembro de 2022, que figura como anexo. Unha vez inscrita a devandita delimitación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2139&_aaeTipology_WAR_aae_id=2139

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cangas para a reclasificación dun ámbito como solo urbano (PTU-PO-18/119)

O Concello de Cangas remite a documentación relativa a esta modificación puntual de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e nos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación achegada, asinada polo arquitecto Ángel Luis Monteoliva e con dilixencia de ter sido aprobada provisionalmente e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Cangas conta cunhas Normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP) aprobadas definitivamente o 20.12.1993 (Normativa BOP do 12.12.1994).

2. Mediante Resolución do 15.1.2019 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual e decide non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 4.2.2019, expediente 2018AAE2258).

2. Constan informes municipais: técnico, do 22.8.2019, e informe xurídico e de secretaría, do 17.10.2019.

4. A modificación puntual apróbase inicialmente por Acordo plenario do 25.10.2019, e sométese a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 12.12.2019 e no xornal Faro de Vigo do 26.11.2019.

5. O concello solicitou os informes non autonómicos preceptivos. Constan informes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, do 3.4.2019; da Dirección Xeral de Aviación Civil, do 11.10.2019 e 16.10.2019; da Subdelegación do Goberno, do 24.1.2020; da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 5.2.2020. Constan tamén informes da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 25.11.2019 e 19.12.2019; da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, do 28.11.2019; da Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa, do 7.1.2020, e de Portos do Estado, do 16.12.2019.

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG foron solicitados informes sectoriais á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (previsto no artigo 102 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, emitido o 13.5.2020); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 13.1.2020; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 19.12.2019; Instituto de Estudos do Territorio, do 27.2.2020; Axencia Galega de Infraestruturas, do 9.3.2020, 15.6.2021 e 15 e 16.3.2022; Augas de Galicia, do 24 e 28.4.2020, e 9.4.2021; e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 25.5.2020.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Bueu e Moaña, sen que conste a resposta.

7. Constan informes municipais: técnico, do 1.6.2022, e xurídico e do secretario, do 17.6.2022.

8. O Pleno da Corporación aprobou provisionalmente a MP en sesión do 29.7.2022.

II. Obxecto e descrición da modificación puntual:

A modificación puntual ten por obxecto:

1. A reclasificación duns terreos clasificados actualmente como solo de núcleo rural urbano, e que pasan a clasificarse como solo urbano consolidado, en cumprimento do artigo 17.a) da LSG.

Unha parte do ámbito ordenarase mediante a ordenanza 6 de solo urbano residencial e terciario en edificación aberta (URTA); e outra parte coa ordenanza 7 de solo urbano residencial de vivenda familiar en edificación intensiva (URFI).

A modificación proposta afecta o cuarteirón definido pola avenida da Coruña, rúa da Torre, ramal Paraíso, rúa paraíso e rúa da Ensinanza, cunha superficie de 17.634,00 m2.

2. A modificación normativa da regulación de Usos das NSP, coa finalidade de adaptar a definición do uso comercial á lexislación de comercio de Galicia e ás novas formas e tipoloxías de establecementos comerciais; e da ordenanza 7 de solo urbano residencial de vivenda familiar en edificación intensiva (URFI). Preténdese facilitar a implantación de establecementos comerciais de mediano tamaño.

Tras a emisión do informe sectorial da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural óptase por modificar tanto a definición de uso comercial como a da ordenanza 7 (URFI) unicamente no ámbito delimitado pola presente modificación puntual.

III. Análise e consideracións:

1. A razón de interese público en que se xustifica a modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG e o 200.1 do RLSG, acredítase pola necesidade de adaptar a regulación do uso comercial e habilitar solo capaz de acoller usos residenciais e comerciais que compensen o déficit de solo ordenado axeitado.

2. Analizada a documentación achegada en relación coas cuestións recollidas no informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, cómpre sinalar:

– Deberase completar a urbanización da vía proposta na zona Norte do ámbito detallando a conexión da rúa da Torre co ramal Paraíso e prevendo as instalacións de iluminación.

– Na nova redacción do uso comercial e da Ordenanza 7 de solo urbano residencial de vivenda familiar en edificación intensiva (URFI) terase en conta que:

* O mantemento da mesma denominación nestas novas ordenanzas que a empregada para o resto do concello pode inducir a erros, debendo darlle un nome específico e diferenciado.

* Non se harmoniza a definición do uso comercial e dos usos compatibles co establecido na definición de usos de RLSG.

* Dado que a regulación do uso comercial e da ordenanza de solo urbano son específicas para este ámbito, non se xustifica a definición das categorías 3ª e 4ª do uso comercial, cando no ámbito unicamente se permiten as categorías 1ª e 2ª deste uso comercial.

* A autorización de construción de sotos, semisotos e edificacións adxectivas sen computar edificabilidade contradí o regulado no artigo 41.4 da LSG, polo que deben computarse todas as superficies edificables de carácter lucrativo, coa única excepción das superficies construídas no subsolo con destino a rochos de superficie inferior a 10 m2 vinculados ás vivendas do edificio, a aparcadoiros ou a instalacións de servizo como as de calefacción, electricidade, gas ou análogas.

– Entre a documentación dilixenciada achegada xúntanse planos de información sen tratar e que non se inclúen no índice de planos da memoria. Esta documentación deberá integrarse na documentación da modificación puntual de xeito ordenado e figurar no índice, ou eliminarse do documento. En todo caso, os documentos da modificación puntual debidamente asinados e dilixenciados deben estruturarse segundo as carpetas previstas no índice que se achegue.

3. En relación cos informes sectoriais emitidos, son favorables ou déuselles cumprimento, salvo no establecido no informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 15.3.2022 e 16.3.2022, que é favorable condicionado aos condicionantes que sinala, que non constan cumprimentados no documento aprobado provisionalmente, nin achega o plano ID-04 requirido.

4. Integrarase no documento Memoria e normativa o informe de contestación ao informe de abril de 2020 de Augas de Galicia.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución:

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cangas para a reclasificación dun ámbito como solo urbano, condicionada ao cumprimento do establecido nos puntos III.2, III.3 e III.4 anteriores.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.