Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2023 Páx. 2752

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de agosto de 2022 polo que se aproba o acordo sobre as condicións de traballo de determinadas prazas adscritas ás xefaturas territoriais desta consellería.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 4 de agosto de 2022, aprobou o Acordo da Consellería do Medio Rural sobre as condicións de traballo de determinadas prazas adscritas ás xefaturas territoriais desta consellería.

Para xeral coñecemento publícase o referido acordo,

RESOLVO:

Dar publicidade, para xeral coñecemento e efectividade, ao Acordo acadado o 28 de xullo do 2022 entre a Consellería do Medio Rural e as organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT, sobre as condicións de traballo de determinadas prazas adscritas ás xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, que a continuación se transcribe.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Acordo da Consellería do Medio Rural sobre as condicións de traballo de determinadas prazas adscritas ás xefaturas territoriais da
Consellería do Medio Rural

I. Preámbulo.

A Rede de oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural constitúe un importante piar da estrutura organizativa da Xunta de Galicia dedicada a prestar servizos o sector primario. Entre os aspectos positivos desta rede pode salientarse a súa dispersión no territorio e, polo tanto, a súa proximidade á poboación rural; por outra parte, a súa existencia é moi coñecida entre a poboación rural, ao levar uns 60 anos de servizo; finalmente, contan cunha importante dotación de persoal con elevada cualificación. Estas características fanas moi versátiles para servir de canle de comunicación coa poboación rural, así como para levar a cabo traballos relacionados coas competencias de todos os centros directivos da Consellería.

Non obstante, co fin de aproveitar todo o potencial do persoal que desenvolve os seus servizos na Rede das oficinas agrarias comarcais, é imprescindible levar a cabo unha serie de actuacións que permitan á Xunta de Galicia optimizar a súa relación coa cidadanía no medio rural a través destas oficinas. Estas actuacións deben focalizarse tanto na mellora organizativa, de xestión do persoal e da planificación do traballo, como na propia mellora das infraestruturas en que se presta o servizo (inmobles e dotacións materiais).

En relación á mellora organizativa, de xestión do persoal e da planificación do traballo, deben terse en conta as particularidades da Rede de oficinas agrarias comarcais, que contan con necesidades e cargas de traballo variables ao longo ano, ademais de circunstancias imprevistas propias do persoal, e que poden afectar a calidade na prestación dos servizos públicos.

Neste sentido, estanse a levar a cabo diferentes accións, encamiñadas a optimizar o servizo que presta este rede de oficinas, así como a mellorar as condicións de traballo das persoas empregadas públicas.

Entre outras accións, a Consellería do Medio Rural ten previsto crear tres novos postos de traballo de carácter funcionarial dependentes de cada xefatura territorial: un posto de enxeñeiro/a agrónomo/a, un posto de veterinario/a e un posto de administrativo/a, en cada provincia.

Co fin de poder dar apoio ás distintas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural, estes postos de traballo terán un ámbito provincial, e estarán dirixidos a mellorar a coordinación territorial, apoiando as oficinas agrarias comarcais naquelas funcións e períodos en que se requira, ou os servizos que a xefatura territorial considere necesario, así como a dar servizo á Oficina Agraria Móbil, nos momentos en que estea situada na provincia correspondente.

Polo exposto, dadas as peculiaridades destes postos, considérase necesario establecer unhas condicións de traballo específicas para eles, que permitan garantir tanto o axeitado desenvolvemento dos seus servizos como os dereitos das persoas traballadoras.

II. Acordo.

Primeiro. Ámbito de aplicación

a) Subxectivo.

O presente acordo é de aplicación ás persoas funcionarias que ocupen os postos de traballo existentes en cada xefatura territorial que teñen encomendadas as funcións de apoio ás diferentes oficinas agrarias comarcais e dar servizo á Oficina Agraria Móbil, dentro das especialidades agrónoma, veterinario e administrativo, dependentes das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, que se crean actualmente e que figuran na correspondente RPT como itinerantes.

b) Funcións.

As funcións primordiais destes postos serán:

i. Servir de apoio ás oficinas agrarias comarcais naquelas funcións e períodos en que se requira debido á maior carga de traballo puntual ou á ausencia dalgún dos/das empregados/as públicos.

ii. Dar servizo á Oficina Agraria Móbil, nos momentos en que estea situada na provincia correspondente.

iii. Apoiar os servizos que a xefatura territorial considere necesario, dentro das funcións asignadas ao subgrupo e escala que lle corresponda.

c) Temporal.

O presente acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá vixente ata que se adopte outro acordo, que o modifique ou o substitúa.

Segundo. Ámbito territorial

Os postos de traballo indicados na epígrafe primeira deste acordo terán a consideración de itinerantes, figuran adscritos á cada unha das xefaturas territoriais e prestarán servizo naqueles ámbitos da provincia onde sexan requiridos. O ámbito de actuación será provincial, o que supón que, en función das necesidades da respectiva xefatura territorial, poderase requirir que o persoal que os ocupa preste os seus servizos en calquera das oficinas rurais (oficinas agrarias comarcais) da provincia, incluída a Oficina Agraria Comarcal Móbil.

Cada persoa funcionaria pública contará cun posto de traballo en cada unha das xefaturas territoriais. Nos casos en que teña que desprazarse a unha oficina agraria comarcal, deberá comunicárselle coa maior antelación posible, de acordo co establecido no punto cuarto deste acordo.

Terceiro. Requisitos adicionais

Dada a necesidade de desprazamento das persoas traballadoras, requirirase que dispoñan de carné de conducir B ou equivalente. O vehículo no cal, eventualmente, se teña que desprazar a persoa traballadora, será provisto pola xefatura territorial correspondente.

No caso de que o desprazamento a unha oficina agraria comarcal vaia ser realizado por parte de varias persoas empregadas, trasladaranse conxuntamente utilizando o indicado vehículo.

No suposto de que as persoas traballadoras se trasladen usando o seu vehículo particular, o que terá carácter voluntario e deberá estar previamente autorizado, aboaranse os gastos de acordo co establecido na correspondente norma que regule as indemnizacións por razón do servizo no ámbito da Comunidade Autónoma.

Os ditos postos figuran na relación de postos de traballo coa observación: «Itinerante no ámbito da provincia da Xefatura Territorial a que figuren adscritos». Así mesmo, teñen a formación específica: 954-Permiso de conducir B (R.I.).

Cuarto. Réxime de presentación de servizo

I. Traballo ordinario na xefatura territorial.

Con carácter ordinario, as persoas traballadoras prestarán servizo en cada unha das xefaturas territoriais, baixo a dependencia do xefe/a territorial, apoiando aquelas unidades que sexa necesario. Os períodos durante os cales o persoal funcionario desempeñe o seu traballo na xefatura territorial poderán acollerse ás flexibilidades horarias establecidos na Orde do 20 de decembro de 2013 e á prestación de servizos na modalidade de teletraballo establecido na Orde do 14 de decembro de 2020, que lle serán concedidas en caso de que sexan solicitadas e sempre que cumpran os requisitos fixados nela. Durante este servizo as persoas traballadoras acolleranse ao horario de verán, de ser o caso, ao igual que o resto do persoal da xefatura territorial.

II. Apoios puntuais ás oficinas agrarias comarcais.

Horario de mañá:

1. A persoa traballadora comezará a súa xornada laboral na localidade en que está situada a sede da xefatura territorial a que pertence, recollendo o vehículo da xefatura territorial para desprazarse á oficina agraria comarcal de destino, agás que se lle teña autorizado previamente saír desde outro punto, de acordo coa normativa vixente. Neste último caso, computarase como xornada de traballo o tempo de traslado desde o lugar de saída ata o centro de traballo onde vaia prestar o servizo.

2. En todo caso, será necesario que a persoa traballadora se atope, como moi tarde, ás 9.00 horas na oficina agraria comarcal de destino en que prestará servizo no dito día, salvo caso de forza maior allea ao persoal funcionario.

3. A persoa traballadora poderá concluír a prestación de servizos na oficina agraria comarcal de destino ás 14.00 horas, co fin de poder desprazarse á localidade en que está situada a sede da xefatura territorial a que pertence e devolver o vehículo da xefatura territorial, ou ata o outro punto, de ser o caso, que fose previamente autorizado.

4. O tempo necesario de desprazamento entre orixe e destino, no caso de que exceda da xornada semanal ordinaria establecida para os empregados públicos, computarase para os efectos do establecido no punto quinto deste acordo.

5. Durante o período de aplicación do horario de verán estes traballadores terán a mesma redución de xornada que o resto de persoal das oficinas agrarias comarcais.

A necesidade de realización destes desprazamentos será comunicada á persoa traballadora coa maior antelación posible. En caso de circunstancias sobrevidas, e debidamente motivadas que impidan que a dita comunicación se produza cunha antelación mínima dunha semana antes do comezo da correspondente xornada laboral, adaptaranse ás horas de entrada e saída indicadas nos anteriores puntos 2 e 3 (9.00 e 14.00), en función da localización da oficina, de forma que o horario de traballo ordinario, incluídos os desprazamentos, sexa o habitual dun empregado público (7.45 a 15.15).

III. Apoio á Oficina Agraria Móbil.

Horario de maña:

1. A persoa traballadora comezará a súa xornada laboral na localidade en que está situada a sede da xefatura territorial a que pertence, recollendo o vehículo da xefatura territorial para desprazarse á localidade onde se atope a oficina agraria comarcal de destino, ou noutro punto sempre que se lle teña autorizado, de acordo coa normativa vixente.

2. En todo caso, será necesario que a persoa traballadora se atope ás 9.00 horas na localidade onde se atope situada a Oficina Agraria Móbil, salvo caso de forza maior alleas á persoa traballadora.

3. A persoa traballadora concluirá a prestación de servizos ás 14.00 horas, co fin de poder desprazarse á localidade en que está situada a sede da xefatura territorial a que pertence e devolver o vehículo da xefatura territorial.

4. O tempo necesario de desprazamento entre orixe e destino, no caso de que exceda da xornada semanal ordinaria establecida para os empregados públicos, computarase para os efectos do establecido no punto quinto deste acordo.

5. Durante o período de aplicación do horario de verán estes traballadores terán a mesma redución de xornada que o resto de persoal da Xunta de Galicia.

Horario de tarde, fins de semana ou festivos:

De forma excepcional, e de necesaria xustificación, poderá requirirselle á persoa traballadora que preste os seus servizos nun horario de tarde, fins de semana ou festivos, naqueles casos en que sexa necesario que a Oficina Agraria Móbil opere nos días indicados.

A planificación destas xornadas deberá realizarse cun prazo mínimo de dúas semanas de antelación, agás que se produzan circunstancias sobrevidas, que deberán ser xustificadas debidamente na comunicación que se realice á persoa traballadora.

Nos horarios de tarde, fins de semana ou festivos, para efectos do cómputo do tempo de traballo, segundo o establecido no punto quinto deste acordo, terase en conta tanto o tempo efectivo de traballo na oficina agraria comarcal de destino como o tempo de desprazamento (ida e retorno) realizado pola persoa traballadora.

No suposto de ter que realizar o seu traballo en domingos ou festivos, a xornada máxima de prestación efectiva do servizo serán 6 horas, a distribuír en función da programación.

Quinto. Compensación por tempo de traballo

O tempo equivalente de traballo nun día laborable, en fin de semana ou en festivo computarase da seguinte forma:

– Día laborable (mañá): ao exceso en tempo de traballo sobre a xornada habitual, provocado por ter que iniciar a xornada laboral antes das 7.45, ou finalizala despois das 15.15, de acordo co establecido nos puntos anteriores, aplicaráselle un factor 1 para calcular o tempo equivalente de traballo.

– Día laborable (tarde): o tempo equivalente de traballo en horario de tarde computarase multiplicando as horas de traballo (incluídos desprazamentos) por un factor 1,50.

– Sábados: o tempo equivalente de traballo computarase multiplicando as horas de traballo (incluídos desprazamentos) por un factor 1,75.

– Domingos e festivos: o tempo equivalente de traballo computarase multiplicando as horas de traballo (incluídos desprazamentos) por un factor 2.

Ao finalizar cada mes, computarase o tempo equivalente de traballo realizado pola persoa traballadora, que terá dereito a desfrutar de descanso polo tempo excedido no seu traballo, con respecto a unha xornada habitual no dito mes. O descanso deberá producirse ao longo dos tres meses naturais seguintes ao mes en que se produza o exceso, e deberán acumularse as horas en días completos (agás o tempo que exceda do número de días resultante).

Sexto. Outras compensacións

A persoa traballadora terá dereito á percepción das axudas de custo por manutención de acordo co establecido na normativa xeral para os empregados públicos da Xunta de Galicia.

Oitavo. Comisión de Seguimento

Créase unha Comisión de Seguimento do disposto neste acordo, que estará integrada por un representante de cada unha das organizacións sindicais asinantes e un igual número de representantes da Consellería do Medio Rural e da Consellería de Facenda, designados polas respectivas secretarías xerais técnicas.

Estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa empregada publica en quen delegue.

As súas funcións son as de vixilancia, interpretación e control do contido neste acordo.

Constituirase no prazo de tres meses da sinatura do presente acordo e reunirase de forma ordinaria unha vez cada ano natural.

Noveno. Vixencia

Establécese un período de vixencia deste acordo ata o 29 de febreiro de 2024, co fin de poder avaliar a implantación deste servizo.

Non obstante, este acordo continuará en vigor ata a sinatura dun novo que o substitúa ou modifique.

Pola Administración:

O conselleiro do Medio Rural

Asinado: José González Vázquez

Polas organizacións sindicais:

Por CC.OO.

Asinado: Javier Lareu Rodiño

Por CSIF

Asinado: José Francisco Sánchez-Brunete Varela

Por UGT

Asinado: Lino Díaz Goás