Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2023 Páx. 2482

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 21 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2022/23, teña dificultades económicas para continuar estudos (código de procedemento ED433A).

BDNS (Identif.): 663480.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado que curse estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, no curso académico 2022/23, nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas, ocorridas durante o actual curso académico, que lle impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos (código de procedemento ED433A).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 120.000 euros.

Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, teranse en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 5.000 euros

3.000 euros

De 5.001 euros a 5.700 euros

2.500 euros

De 5.701 euros a 6.400 euros

2.000 euros

De 6.401 euros ao importe da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 multiplicada por 1,8

1.750 euros

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida; nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes é o 31 de xullo de 2022, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.2.

c) Se a causa sobrevida e imprevista é o falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, o prazo de presentación será desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o o 31 de xullo de 2023, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.2.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades